As Marchas da Dignidade volven a Madrid "porque hai moitas razóns para protestar"

Vista xeral da praza do Obradoiro polo 29N CC-BY-SA Praza Pública

As Marchas da Dignidade volven a Madrid. Un ano menos un día despois da masiva manifestación do 22 de marzo de 2014, este heteroxéneo e plural colectivo apoiado por centos de organizacións sociais, sindicais e políticas regresa á capital do Estado. Columnas chegadas desde todos os territorios xuntaranse na cidade na tarde deste sábado e coas "razóns para a mobilización máis vixentes ca nunca". 

"O Goberno vende fume. Seguimos nunha situación de emerxencia social", advirten as Marchas da Dignidade

"O Goberno vende fume. Seguimos nunha situación de emerxencia social; temos o 30% da poboación na pobreza, a 600.000 familias desaloxadas das súas vivendas, a cinco millóns de persoas en paro ou a medio millón de mozos que tiveron que marchar para se buscar a vida", lembra a Coordinadora Estatal do 22M, que advirte tamén de que repetir o éxito da manifestación do pasado ano é tamén volver saír á rúa contra "os recortes na saúde, na educaicón e na dependencia que continúan". "Temos doce mortes diarias de enfermos de hepatitte; a situación social que vivimos é un crime contra a xente. Temos moitas razóns para protestar", insisten.

Entre as case trinta columnas que se xuntarán en Madrid -entre as de diferentes territorios ou sectoriais- estará de novo a Columna Galega, unha das máis activas e concorrida de todas as que chegarán á capital do Estado. Serán arredor de 2.700 os cidadáns que desde Galicia se unirán á gran mobilización, máis de 1.700 desprazados nos 31 buses cos que as Marchas lograron salvar o denunciado "boicot" de Renfe, co que tiñan pactado xa a viaxe en dous trens desde Vigo e A Coruña. 

Calcúlase que uns 2.700 galegos partirán desde Galicia, máis de 1.700 deles nos 30 buses cos que o 22M sorteou o "boicot" de Renfe

Finalmente, sairán autocares desde Ferrol, A Coruña, Compostela, A Estrada, Ribeira, Vilagarcía, Pontevedra, Cangas, Vigo, Redondela, Tui, Nigrán, Ponteareas, Viveiro, Lugo, Sarria, O Carballiño e Ourense. Moitos deles farán paradas noutras localidades para recoller xente. Todos os que se despracen atoparanse na estación de Chamartín ás 14,30 horas e a Columna fai un chamamento para que os galegos residentes en Madrid se xunten tamén a eles. Comezarán a camiñar sobre as 15 horas ata a praza da República Arxentina e, unha vez alí, entrarán polos xardíns do Descubrimiento para xuntarse co resto de columnas de todo o Estado sobre as 18 horas na praza Colón. 

"Será de novo unha marcha masiva malia os atrancos e o apagón informativo", din desde a Columna Galega

Manuel Camaño, líder da CUT e voceiro da Columna Galega, cre que a mobilización do 21M "será de novo masiva malia os atrancos que se poñen e a pesar do apagón informativo". A resposta en número de autocares foi aínda maior que a que se agardaba nos trens e son varias as organizacións políticas, sociais e sindicais que desde Galicia deron o seu apoio ás Marchas. 

O 22M galego di volver a Madrid porque "as condicións de vida do pobo" non só non variaron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".

No seu manifesto, a Columna Galega denuncia "a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresarias" para "nos levar a unha situación terrible". Logo de facer un repaso da precaria situación da cidadanía e dos dereitos laborais e sociais, a Columna Galega asegura que volverá a Madrid para "dicirlles aos poderosos" que "xa abonda de nos roubar vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna".

O 22M galego volve a Madrid porrque "segue medrando a dor e o desastre por todos lados"

O manifesto insiste en "berrar" tamén contra "o espolio dos dereitos básicos" como "a liberdade de manifestación, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade sindical, a liberdade de defendernos firmemente das súas agresións e enfrontarnos aos seus intentos de deixarnos sen presente e sen futuro". A Columna Galega, un ano despois de se mobilizar en Madrid, volve denunciar un sistema "corrupto e xerador de desigualdades abismais e de inxustiza social", négase a aceptar "o seu concepto de débeda, que pretende atrapar o pobo nunha escravitude perpetua" e clama por "unha sociedade xusta, libre e igualitara para ter unha existencia merecente de ser vivida".

Esta nova marcha, que precede a unha convocatoria de folga xeral prevista para o mes de outubro por parte do 22M, chega en pleno ano electoral e celebrarase a mesma fin de semana dos comicios en Andalucía e a dous meses das eleccións municipais. Será unha nova proba de forza para unha Columna Galega que logrou encher o Obradoiro o pasado 29 de novembro e que colleu músculo tras ser impulsada por varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación e á que se foron sumando organizacións como SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.

Dominio Público Praza Pública
Columna galega das Marchas da Dignidade CC-BY-SA Virginia Uzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.