O persoal das residencias da Xunta estoupa: "Non pedimos cartos, só descanso"

Concentración ante un centro de maiores en Compostela © Plataforma pola reposición do V Convenio

Baixas que incrementan a esgalla. E traballadores que acoden ao médico por hernias, depresión, lesións musculares ou estrés. É a situación que sofre moito do persoal laboral dos centros de maiores da Xunta de Galicia, que este martes se manifestarán en Compostela pola recuperación dos seus dereitos e a revisión do artigo 19 do convenio que regula as súas quendas e que foi modificado hai agora tres anos polo goberno de Núñez Feijóo. Antes do cambio, o cadro de persoal era compensado en horas de descanso ou economicamente por traballar domingos e festivos, pero esa posibilidade desapareceu. Agora, fan quendas longas e acumulan días sen paraxe, levando ao límite a normativa mentres atenden grandes dependentes ou mesmo persoas con problemas psicolóxicos. "É durísimo e esgotador; despois de tres anos así, xa non podemos máis". 

A Xunta modificou o convenio para impedir a compensación polos días festivos e fins de semana traballados

Quen fala é unha das afectadas, María Ángeles Búa, traballadora -agora de baixa tamén- dun dos centros máis grandes, o de Oleiros con 300 usuarios. Son máis de vinte en toda Galicia e uns 1.800 operarios en total entre enfermeiros, celadores, camareiros ou persoal de limpeza. Os auxiliares e o persoal con contacto directo cos enfermos é o máis afectado pola situación que acumula tres anos. O que semellaba unha medida excepcional continúa en vigor e sen aparente solución axiña

A situación espremeuse tanto que o persoal traballa 1.660  horas en 11 meses das 1.665 que como máximo establece o convenio. Unha medida legal que foi vendida pola Xunta como provisional pero que esgota centos de traballadores ante un traballo "que é esgotador, non só no físico, senón sobre todo no plano psicolóxico", lembra Búa, que advirte que a toda esta acumulación de choio únense os recortes que os centros levan sufrindo desde hai anos e a falta de persoal. 

"Non pedimos cartos, senón descanso", reclaman os traballadores, que denuncian quendas longas e falta de material

"Non pedimos cartos, senón descanso. Reclamamos que se recupere o artigo 19 que estipulaba os descansos", insisten os traballadores, que recordan que traballar dun domingo inhabilitaba traballar o seguinte, ao igual que cos festivos. "Só podiamos traballar a metada das fins de semana de ano como moito, pero eu só libro 17 dos 52 que hai e traballo once festivos de balde porque nin me devolven os días nin mos pagan", insiste María Ángeles Búa. 

O ratio traballador-paciente é altísimo e, en casos como o do centro de Oleiros, adoita ser de once dependentes por operario. Iso no mellor dos casos, porque nalgunhas quendas hai casos de 22 pacientes por cada traballador. "Se hai algún problema, nunca se cobren as baixas e a conciliación familiar é practicamente imposible porque estamos baixo mínimos". Tamén polas noites, candos os problemas se agravan e se acumulan ata tres quendas consecutivas en horario nocturno. 

"Estamos baixo mínimos e a conciliación familiar é practicamente imposible", denuncian

Ademais, falta material. En Oleiros hai dous guindastres por cada andar. "E iso cando non está unha delas avariada". E noutros centros hai escaseza mesmo de cueiros. "Antes cada residente tiña a súa colonia e a súa crema, pero agora só hai unha para cada un dos espazos", insiste Búa, que atribúe a enorme cantidade de baixas dos últimos meses ao desgastes físico e psicolóxico. "Atendemos xente con alzheimer e xente con problemas que pode ter reaccións violentas e dos que hai que estar moi pendentes; é esgotador". 

A xente que cubría as libranzas xa non está. A Xunta prescindiu deles e os traballos fanse con menos persoal que antes da modificación legal. Os recortes continúan e os esforzos xa non chegan. "Antes faciamos un sprint e chegabas porque acababas xuntando catro días libres, pero agora iso é imposible na maioría dos centros, onde nunca superamos máis de 36 horas de lecer continuadas", engade Búa, que pide á Xunta que reaccione. "A partir da sétima mañá seguida traballando, xa non rendes como deberas", insiste.

O persoal denuncia ausencia de cueiros, cremas, colonias ou guindastres para os pacientes 

"Feijóo dixo que eran medidas excepcionais que, non obstante, fóronse ampliando ano tras ano sen que ninguén nos diga cando se vai restituír o artigo 19 e as condicións que tiñamos antes", relata quen asegura que no seu centro chegou a estar un terzo do persoal de baixa. Noutros lugares hai plantas pechadas, obras sen rematar e ausencia de material debido aos recortes. Por todo iso tamén os traballadores dos centros de maiores da Xunta manifestaranse este martes en Compostela. O cansazo é demasiado. "Igual aturas un ano, pero levamos tres da mesma maneira e non vemos solución ningunha", remata.

Será unha mobilización previa á presentación do terceiro conflito colectivo por quendas ilegais contra a Xunta, logo de que xa gañasen nos tribunais as demandas en 2012 e 2013, a última delas no Supremo logo dun recurso do Executivo de Núñez Feijóo. 

Pancarta nun centro de maiores de Vigo © Plataforma pola reposición do V Convenio
Concentración ante un centro de maiores en Compostela © Plataforma pola reposición do V Convenio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.