A guerra civil durou apenas un par de días en Galicia. A partir do 20 ou o 21 de xullo de 1936 a lexitimidade republicana foi borrada por completo e substituída por un réxime ditatorial que durou 40 anos e que dende o comezo exerceu o seu poder e impuxo as súas ideas mediante a represión directa e a violencia, pero tamén a través dunha serie de mecanismos sociais de control social e de mobilización da poboación ao seu favor. Igrexa, concellos, sindicatos, medios de comunicación..., xogaron un papel clave neste proceso. Julio Prada, profesor da Universidade de Vigo, coordina o volume No sólo represión. La construcción del franquismo en Galicia (Biblioteca Nueva), que analiza estes mecanismos.
O historiador Emilio Grandío escribiu que, ao longo da guerra civil, Galicia foi "retagarda e despensa do Exército Nacional, con todo o que iso implicaba: subministradora de homes e víveres para a fronte, control exhaustivo sobre a poboación non mobilizada, e sobre todo, imaxe e espello da Nova España nos territorios republicanos". A violencia cumpriu o seu papel para acalar as voces opositoras e as resistencias, o mesmo que o medo e todo tipo de castigos persoais ou sociais. Pero tamén foron importantes outras estratexias coas que o franquismo buscou asentar a súa hexemonía. Falamos con Julio Prada.
O libro busca ir alén do estudo da represión directa e céntrase nas outras vías polas que o franquismo buscou o control da sociedade. Cando un réxime quere controlar unha sociedade necesita algo máis que violencia, necesita procesos de socialización?
Si, esa é a perspectiva na que nos quixemos centrar. Non se pretende minusvalorar a importancia que tivo a represión, sobre todo nos meses iniciais, nos que foi absolutamente brutal, senón afondar nos demais procesos de control social postos en marcha pola ditadura. Xa o dixera Talleyrand, que coas baionetas se podía facer calquera cousa agás sentar enriba delas. O que quixemos foi incluír e xuntar certos elementos que xa estaban estudados e acompañalos dunha serie de novas vías de investigación para ver cales foron mecanismos de imposición, de control e de procura de apoios sociais do réxime.
"Mentres que noutras zonas, como Navarra, Salamanca ou Valladolid, había un apoio social moito máis amplo ao golpe de Estado, en Galicia había unhas importantes masas de afíns á república"
Que particularidades ten o sucedido en Galicia con respecto a outros territorios do Estado?
Neste caso, máis que as particularidades que podía ter Galicia, derivadas da súa estrutura poboacional, articulada ao redor da parroquia, e dun maior peso do mundo rural, creo que a distinción máis importante se dá no punto de partida. Mentres que noutras zonas, como Navarra, Salamanca ou Valladolid, había un apoio social moito máis amplo ao golpe de Estado, en Galicia había unhas importantes masas de afíns á república, como quedara claro nas eleccións de febreiro de 1936, que deron como resultado dúas Galicias: unha na que gañaron os partidos de esquerda e outra que apoiou as forzas tradicionais. Iso é o que fixo que os franquistas utilizasen a Galicia como un laboratorio de determinados ensaios de control social que despois aplicaron noutros territorios a medida que o exército nacional os ía conquistando. Nalgúns casos en Galicia foron dando uns paus de cego, para probar a eficacia dunhas e outras medidas.
"Os franquistas utilizaron Galicia como un laboratorio de determinados ensaios de control social que despois aplicaron noutros territorios a medida que o exército nacional os ía conquistando"
Entendo que o papel da Igrexa nestes procesos foi fundamental, non si?
O estudo da Igrexa, as loitas que se producen no seu seo, e as posicións que adopta ante determinadas cuestións, é moi interesante para coñecer as distintas posicións que había entre os partidarios do réxime franquista. A posición da Igrexa galega non é uniforme, hai algúns sectores máis próximos ao tradicionalismo, e outros máis achegados á Falanxe, e este sector foi derrotado, resultando que a Igrexa funciona como un freo á ideoloxía fascista do réxime. Polo demais, a Igrexa cumpre un papel fundamental no asentamento local da ditadura, contribuíndo á súa lexitimación ideolóxica. Os párrocos teñen unha función clave como informadores de todo o aparello represivo, tanto nunha primeira etapa -de xurisdición de guerra- con execucións e condenas de cárcere, coma nunha segunda -na primeira metade dos anos corenta- de depuración administrativa e esixencia de responsabilidades civís e políticas.
"Nos inicios é absolutamente fundamental o papel dos concellos, e é neles onde mellor se ve ese proceso de laboratorio, de ensaio-erro"
Que outros ámbitos foron importantes para este proceso de control social e de mobilización en favor da ditadura?
É difícil establecer unha xerarquía. É importante sinalar que falamos dun conxunto, do que non se pode illar un ámbito dos outros. Nos inicios é absolutamente fundamental o papel dos concellos, e é neles onde mellor se ve ese proceso de laboratorio, de ensaio-erro, do que falaba antes. Nos primeiros días despois do golpe de Estado, as novas autoridades colocan nos concellos mesmo representantes republicanos, de dereitas iso si, pero que mesmo tiveran responsabilidades na época republicana. Unha semana máis tarde son substituídos por delegados militares. E a partir de 1937 vemos como entra nos Concellos xente da falanxe e das milicias. Os sindicatos teñen un papel máis importante máis adiante, xa nos anos 40 e sobre todo nas décadas seguintes, cumpren un papel mobilizador en favor do réxime, sobre todo aproveitando certas medidas coma o fomento das vivendas sindicais, coñecidas popularmente como casas baratas.
O profesor Emilio Grandío salienta que o golpe de Estado de 1936 converteu todos os cidadáns en potenciais espías. Ademais da represión directa o medo e a posibilidade de ser denunciado xogou un papel fundamental, non si?
É absolutamente fundamental e transversal a todos os elementos. Neste proceso de información, de espionaxe, de delacións, xogan un papel clave os párrocos, pero tamén os sindicatos do réxime, a sección feminina... O franquismo crea unha sociedade vixiada que, ollo, xa existía previamente á guerra. Todo o mundo sabía onde se situaban os outros, e ese tipo de dinámicas unha vez que se implanta a ditadura multiplícanse, e sobre todo teñen o perverso efecto de converter os veciños e veciñas en vixiantes uns dos outros.
"O franquismo crea unha sociedade vixiada que, ollo, xa existía previamente á guerra. Ese tipo de dinámicas unha vez que se implanta a ditadura multiplícanse"
En que liñas de investigación estás traballando agora?
Estou traballando en dous proxectos, un centrado na represión e control social da muller no que queremos ir máis aló das cifras, que xa publicamos en Franquismo e represión en Galicia. Tamén estamos a piques de rematar unha investigacións sobre as responsabilidades civís e políticas, relacionada coas incautacións, requisas, multas..., durante a guerra e ata o ano 1945. En Galicia esta represión económica non se tratou demasiado e polo tanto creo que é interesante o que imos publicar.