Hernández contra a primavera

Membros da asociación A Xuntanza e da comisión de festas CC-BY-SA A Xuntanza

A Feira da Primavera é, dende hai anos, unha cita senlleira no calendario festivo de Compostela. Nacido como un evento para potenciar o comecio do barrio de San Pedro, a dinamización da comisión de festas e mais da asociación veciñal A Xuntanza converteuna nun acontecemento a medio camiño entre a feira e a festa que xunta moitos centos de persoas, especialmente se o tempo acompaña. Tras varias e exitosas e autoorganizadas edicións as entidades que impulsan a feira atopáronse neste 2015 cun atranco no Concello: dende o Pazo de Raxoi néganlles a posibilidade de obteren enerxía eléctrica, condicionando en boa medida o desenvolvemento da xornada, ata facer inviable parte do seu programa.

Tras varias xuntanzas con representantes do gabinete de Agustín Hernández comisión e asociación saíron este martes á rúa para, dende o corazón do barrio, dar a coñecer a situación e as súas repercusións para San Pedro e para o conxunto da cidade. O goberno local, explican, veu "subministrando enganches eléctricos" durante os "últimos anos" e este ano "decidiu non facelo". "Neǵase" aludindo a razóns de seguridade e legalidade, pero tampouco ofrece alternativa ningunha. "Dende novembro, cando se tomou a decisión, o Concello tivo tempo de buscar unha solución tanto para o barrio como para o resto de actividades na rúa", din. Pero isto non aconteceu.

A feira deste ano será celebrada sen parte da programación, pero as entidades non poden garantir que se celebren as festas nin a cacharela de San Xoán

A apenas catro días da feira, prevista para o vindeiro sábado, as persoas que a impulsan rafitican que a edición deste 2015 "seguirá adiante", se ben "isto supón un duro revés, dado que supón afrontar custes non previstos que só poden ser abordados cambiando e reducindo a programación". Ábrese, polo anto, unha "nova situación" na que a comisión só pode comprometerse a sacar adiante unha versión reducida da feira, pero non "a celebrar as festas do barrio de xuño nin a tradicional cacharela de San Xoán", celebracións que son "financiadas integramente pola veciñanza, polo comecrio e pola hostalería no barrio" e que "congregan a milleiros de persoas, tanto de Compostela como de fóra", o que implica que "a cidade enteira se beneficia, e moito, deste traballo desinteresado".

"Cada enganche eléctrico, cada peche de rúa, cada ocupación de espazo case tivo que ser rogado"

"Dende sempre -resaltan as entidades veciñais- pode dicirse que o apoio municipal a estas iniciativas é morno, entendemos que polos 'problemas' que ocasionan ou porque son actividades que o Concello non organiza, salvando a honrosa excepción dos departamentos de Promoción Económica". "Cada enganche eléctrico, cada peche de rúa, cada ocupación de espazo é algo que tivo que ser pedido e negociado, case rogado e arrincado como se o barrio estivese organizando algunha cousa clandestina", lamentan. Agora, dadas das circunstancias, A Xuntanza e a comisión de festas reiteran a petición de que as autoridades muncipais ofrezan "unha solución, non ilegalidades ou chamullos, porque para iso están as institucións". Mentres, ultiman os preparativos para unha feira de circunstancias e elevan a voz tamén nas redes sociais a través das etiquetas #barriosconluzpropia e #queremosfestas.

Esta negativa do Concello de Santiago a facilitar a enerxía eléctrica para a Feira da Primavera de San Pedro chega despois de varios anos nos que o consistorio compostelán impuxo múltiples trabas para o uso do espazo público a diversos colectivos sociais. Así, por exemplo, a nova ordenanza de ocupación e uso da vía pública restrinxiu e dificultou actividades como a instalación de mesas informativas e abriu a porta a, por exemplo, cobrar pola proxección dun filme na rúa ou a instalación dun palco para o remate dunha manifestación. Do mesmo xeito, o goberno local negou enganches eléctricos ás organizacións convocantes de varias mobilizacións, tendo nalgún caso que recuar por imperativo xudicial.

Membros das entidades, este martes atendendo a prensa CC-BY-SA A Xuntanza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.