Sete alcaldes e tres bispados, denunciados en Galicia por manter símbolos franquistas

Diferente simboloxía franquista na comarca de Vigo CC-BY-SA BNG

O avogado madrileño Eduardo Ranz Alonso, especializado en Dereitos Humanos, presentou varias denuncias contra os alcaldes da Coruña, Betanzos, Coirós, Verín, Celanova, Vigo e Lugo e contra o arcebispo de Santiago e os bispos de Ourense e Tui-Vigo por manter simboloxía franquista. As demandas, das que moitas se soubo esta semana pero cuxo proceso comezou hai xa máis de dous meses, únense ás que o mesmo letrado levou a cabo contra outros rexedores e outras dióceses, ata sumar un total de 80 demandas en todo o Estado.

As denuncias alcanzan os alcaldes da Coruña, Betanzos, Coirós, Verín, Celanova, Vigo e Lugo, o arcebispo de Santiago e os bispos de Ourense e Tui-Vigo

Son, xa que logo, sete os alcaldes galegos denunciados, xunto aos bispos e o arcebispo, aos que se acusa de ter incumprido a Lei de Memoria Histórica. No caso dos rexedores, son todos eles denuncias por desobediencia por ter incumprido a lexislación vixente desde 2007, que establece que "as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e oubros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura".

Xunto a estas denuncias penais presentáronse tamén escritos nos que se solicita que se retire a simboloxía franquista dos lugares públicos e para a que os aludidos teñen seis meses para responder. O mesmo ocorre no caso dos bispados e arcebispados galegos. No caso de responder negativamente ou con silencio no vindeiro medio ano ás peticións seranlle enviados á curia romana e ao propio Papa Francisco ao Vaticano -seguindo o procedemento do dereito canónico- para insisterlle na retirada dos símbolos da ditadura fascista e na elaboración dun censo cos monumentos ou placas que enxalcen o réxime ditatorial nos templos das súas dióceses.  

O avogado acusa os alcaldes de desobediencia e os bispos e arcebispos dun delito contra a independencia do Estado

En canto aos bispos e arcebispos -15 en total en todo o Estado-, o letrado acúsaos dun delito contra a independencia do Estado, que está castigado coa pena de cadea de un a tres anos. É o caso de Julián Barrio, en Compostela; de José Leonardo Lemos, en Ourense; e de Luís Quintero, en Tui-Vigo. Ademais, e en referencia a outras diócese, o avogado exixe tamén a saída de diferentes templos dos corpos de Queipo de Llano, Francisco Franco e José Antonio Primo de Rivera "por ser un soterramento contrario ao dereito constitucional canónico". 

"É intolerable que tras máis de tres décadas de democracia, o ditador e o golpista Franco, e o golpista Queipo estean metidos en igrexas. Ningún outro ditador está bendicido como están no Valle de los Caídos e en Sevilla. Non é de recibo desde un mínimo de sentido democrático e de sentido común e é unha ofensa absolutamente intolerable para calquera demócrata", di Ranz Alonso. 

 

Negreira ten "outras prioridades"

A primeira rolda de denuncias iniciouna o letrado o pasado 11 de febreiro, coincidindo co 142º aniversario da instauración da I República. A segunda realizouse a partir do 14 de abril, no 83º da II República e ante a imposibilidade de finalizar todos os procesos en primeiro termo. "É un problema que logo de corenta anos de democracia seguimos sen resolver; é un tema que interesa porque a xente así o demostra", asegura o avogado, que di buscar "unha solución que pase pola reparación das vítimas do franquismo", que "achegue maior dignidade como Estado" e que permita "cumprir as normas que emanan do Parlamento"

As denuncias fan referencia a homenaxes "aos caídos" en igrexas, escudos da ditadura, a cruz do Castro ou rúas franquistas

Malia que hai moitos máis casos non denunciados, nos procedementos abertos o letrado fai referencia a unha cruz de homenaxe "aos caídos" na igrexa de Santa María de Oís, en Coirós; ás medallas de ouro e distincións concedidas na Coruña a xestores franquistas na Coruña -como a de fillo adoptivo a Manuel Fraga durante a época ditatorial-, a rúa General Sanjurjo; ou unha praza na catedral de Ourense "de exaltación da guerra civil e a ditadura". 

No caso de Vigo apunta a Cruz do Castro, así como escudos franquistas en edificios públicos ou outra simboloxía, no caso de Verín, Celanova ou Lugo. Nesta última cidade, o pleno do vindeiro 4 de maio debaterá a retirada das distincións municipais a Franco e a outras tres persoas relacionadas coa ditadura, ademais de propoñer o cambio de denominación de sete rúas. O rexedor popular da Coruña, Carlos Negreira, xa asegurou que el prefire dedicarse a outras "prioridades" e que o final das denominacións fascistas "non é unha delas". 

"Cando saquen os corpos de golpistas das igrexas e se retire a simboloxía, obterase reparación e pecharanse feridas", di o letrado

Na Coruña, o Concello terá que responder ante a xustiza por manter as rúas franquistas, logo de que un xulgado admitise a trámite o recurso da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica ante o incumprimento dos acordos municipais de goberno e da Lei de Memoria Histórica. En Vigo, a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 xa anunciou que recorrerá finalmente ante o Constitucional a anulación por parte do TSXG do ditame que obrigaba ao Concello a retirar o monumento da ditadura, logo de que o alcalde Abel Caballero recorrese a orde de derruba.

Agora, e ante esta nova apelación á xustiza, o avogado Eduardo Ranz di ter "moitísimas esperanzas" nas demandas presentadas porque "tanto os membros da Igrexa como os políticos son demócratas e farán todo o que estea nas súas mans por retirar a simboloxía franquista". "Cando saquen os corpos de golpistas e ditadores das igrexas e cando se retire a simboloxía, obterase reparación e, polo tanto, pecharanse feridas", remata. 

Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Igrexa en Coirós, que mantén simboloxía franquista CC-BY-SA Chorima1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.