Un Primeiro de Maio pola "dignidade", "contra a pobreza" e por "outra saída da crise"

Manifestación do 1º de maio da CIG en Vigo © CIG

Galicia volve afrontar un Primeiro de Maio con varias manifestacións en diferentes localidades do país. A CIG manifestarase en solitario nas sete cidades e en catro vilas máis, mentres que CCOO e UGT engaden ás marchas das urbes as de Vilagarcía e Viveiro. Pola súa banda, o autodenominado "sindicalismo alternativo", liderado fundamentalmente pola CUT e/ou a CNT, sairá á rúa en, cando menos, sete lugares, na maioría delas baixo o paraugas das Marchas da Dignidade e xunto a outras centrais sindicais.

Todos os sindicatos insisten en destacar que as cifras negan a suposta recuperación da que presume o Goberno

Coinciden todos os sindicatos en destacar as cifras que desmontan a proclamada "recuperación" da que adoitan presumir Goberno central e Xunta e reclamando "dignidade", loita "contra a pobreza" e "outra saída á crise". Así, a CIG percorrerá as rúas baixo o lema Contra a pobreza, emprego e Salarios Dignos e insiste nos datos que aclaran que desde que comezou a crise no país non só se perderon milleiros de empregos, senón que se produciu "un empobrecemento xeralizado da clase traballadora".

O seu secretario xeral, Suso Seixo, destacou que o único tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o que cobra a metade do salario mínimo e lembrou tamén que hai máis de 177.000 persoas que son consideradas como "ocupadas" nas estatísticas pero cuxos ingresos brutos son inferiores a 1.872 euros ao ano. "Con 150 euros brutos ao mes non podemos consideralas empregadas”, advertiu quen cre que a eses 275.700 desempregados que sitúa a EPA habería que engadir preto de 200.000 máis. "Estariamos falando de medio millón de parados e paradas", engade quen advirte tamén da parcialidade provocada polas "reformas laborais de PP e PSOE" e dun modelo económico que “aboca a clase traballadora a unha situación de pobreza mesmo tendo emprego”.

A CIG sae á rúa en doce localidades e as Marchas da Dignidade reunen o sindicalismo "alternativo" en sete marchas

Pola súa banda, as centrais organizadas arredor das Marchas da Dignidade (CUT, CNT, CGT, STEG, Sindicato de Xornalistas, Sindicato Ferroviario ou Sindicato de Elevación) advirten nun comunicado conxunto que neste Primeiro de Maio "sobran os motivos para a mobilización" e "continuar na loita contra a corrupción xeralizada, a privatización dos servizos públicos, a miseria enerxética ou a falta de vivendas". O seu lema será Pola Dignidade: Pan, Traballo e Teito

Ademais, UGT e CCOO desenvolverán de novo conxuntamente as súas manifestacións baixo o lema Así non saímos da crise. Ambos os dous sindicatos destacan que o marco baixo o que se celebra este novo Día Internacional do Traballo é o da "certeza dede que as políticas aplicadas desde 2010 alimentaron en Galicia, en España e en toda Europa unha recesión de devastadores efectos sobre o emprego, a cohesión social e a calidade de vida da cidadanía". "Pretendeuse saír da crise impulsando un capitalismo máis agresivo, deprimindo as condicións laborais, recortando os servizos públicos e os sistemas de protección social", lembran as centrais, que rexeitan "rotundamente estas políticas de austeridade e recortes que mostraron sobradamente o seu fracaso".

 

Manifestacións polo 1º de Maio en Galicia
  CIG CCOO-UGT Marchas da Dignidade-CUT
Vigo 11:30 Doblada 11:30 vía Norte con Urzáiz 11 Praza Fernando o Católico
A Coruña 12 Praza de Vigo 12 Praza da Palloza 12:30 Praza de Pontevedra
Ourense 12:30 Pavillón dos Remedios 12 Pavillón dos Remedios 12 Ponte Romana
Lugo 12 edificio sindical na Ronda da Muralla 11:30 edificio sindical na Ronda da Muralla  
Compostela 12 Praza Roxa 12 Alameda 21:30 Porta do Camiño
Pontevedra 11:30 Praza da Ferrería 12 Praza da Ferrería  
Ferrol 12 local da CIG 12 Praza do Inferniño 18 O Cantón
Vilagarcía 12 Casa do Mar 12 Praza de Ravella  
Cangas 18 Concello   18:30 Alameda Vella
A Estrada 12 Praza do Mercado    
Viveiro 12 estación do FEVE 12 edificio de sindicatos (rúa García Doriga)  
Ribeira 12 Praza do Peixe   20 Praza do Concello

 

Faixa da CUT na manifestación da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación do 1º de maio da CIG en Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.