Un novo megaproxecto industrial onde fracasou a mina de Corcoesto

Planta na web de Termo-Biológicas © Termo-Biológicas

Descartada pola Xunta como está a polémica mina de ouro en Corcoesto, outra grande iniciativa industrial asoma agora na comarca de Bergantiños e na Costa da Morte. Non é unha explotación mineira a ceo aberto nin ameaza co uso de cianuro, pero as súas dimensións son igualmente enormes e as promesas de emprego semellantes. Trátase dun proxecto de xeración de biocombustible a partir da plantación da pataca doce -tamén coñecida como batata- en amplas extensións de terreos da zona. 

A empresa Termo-Biológicas prevé un gran proxecto de xeración de biocombustible que implicaría varios concellos da Costa da Morte

É a empresa Termo-Biológicas, unha firma creada hai poucos meses en Galicia e de matriz foránea (nos EUA e Panamá), a que leva adiante o proxecto. Unha compañía con sede na Coruña dedicada á "produción de combustibles de alta octanaxe, industriais e alcois menores, de xeito totalmente limpo e sen contaminar", segundo di na súa web. Avanzando paseniñamente e sen facer moito ruído, a firma asinou xa convenios con sete concellos (Cabana, Coristanco, Carballo, Ponteceso, A Laracha, Fisterra e Malpica) e busca con varios máis acordos aos que xa tería chegado coa Autoridade Portuaria e Portos, logo de presentar a iniciativa á Xunta e recibir o seu primeiro visto e prace. 

A empresa asinou con sete concellos acordos nos que inclúe cláusulas de confidencialidade

Pouco se sabe máis dos detalles logo de que neses convenios cos concellos se incluíse unha cláusula de confidencialidade que impide aos alcaldes afondar no proxecto. Sexa como for, os acordos coas administracións fanse irrenunciables ante a magnitude dun proxecto que precisa un mínimo de 200.000 metros cadrados de solo con cualificación de industrial e o emprego -para o que requiriría unha concesión de Augas de Galicia- de 20 hectómetros cúbicos de auga ao ano entre uso agrícola e industrial, 20.000 millóns de litros anuais. 

Así, desde hai meses representantes da empresa reúnense xa con propietarios de terreos, comuneiros, cooperativas e administracións. Precisan extensións para os invernadoiros onde, segundo aclaran, eles mesmos fabrican o tipo de solo necesario que se incorpora a unhas bandexas onde plantarán as batatas. Aspiran a seis colleitas ao ano e a súa aposta por Galicia deberíase á idoneidade do clima e das condicións. Cun investimentos inicial de 300 millóns de euros en cada un dos módulos industriais que se creen -catro que se prevén en Cee, Laracha, Ponteceso e Coristanco- as promesas de empregos directos "de alta cualificación" elévanse xa a 1.500. A compañía mesmo recolle xa currículos, segundo puido saber este diario, e asegura que tanto o peirao de Brens como o porto exterior de Punta Langosteira -onde anuncia unha base- serán claves para o movemento das súas mercadorías. 

O proxecto precisa 200.000 metros cadrados de terreo e 20.000 millóns de litros de auga anuais e promete catro centros industriais e 1.500 empregos directos

Moitas promesas por parte de Termo-Biológicas, cuxo conselleiro delegado é José Luis Lagares, asegurou nunha entrevista en Radio Voz que se crearían "cinco postos de traballo por cada hectárea" que explotase a empresa e que recoñeceu o seu "medo" a que se "utilizase politicamente" a iniciativa ante as últimas eleccións municipais. Asegura que a xeración de agrocombustible é "vital" para a comarca e a Costa da Morte e pide "axilidade" ás administracións para conseguir axiña todos os permisos e licenzas necesarias, nun modus operandi que lembra o que seguiran os promotores da rexeitada mina de ouro de Corcoesto. 

Desde Termo-Biológicas asegúrase que se achegan ao "impacto cero" no medio ambiente e din non supoñer "ningún tipo de contaminación", ademais de negar que a súa actividade poida afectar o uso agrícola da zona, aclarando que nin tan sequera os terreos -que deben ser chans- que precisan teñen que ser necesariamente agrícolas. Unha vez obtida a batata, o produto móese para conseguir o butanol, que se trasnporta á planta onde se mestura con carbón pulverizado a través dun sistema que non requiriría combustión. 

A opacidade e a ausencia de información por parte das administracións preocupa a organizacións agrarias ou ecoloxistas

As dúbidas existentes sobre estes proxectos refírense sobre todo ao posible uso de cultivos transxénicos que poidan contaminar outras explotacións achegadas, a enorme cantidade de auga que se precisa, así como a opacidade coa que se está a tratar o tema. As organizacións agrarias, ecoloxistas e sociais da zona non foron informadas e as cláusulas de confidencialidade cos concellos impiden coñecer máis detalles. 

Á fronte da empresa impulsora, José Luis Lagares, que liderou aquel proxecto fracasado de Eurogalicia Forestal, que pretendía instalar unha fábrica de papel nas Pontes e na que participaron varios grandes empresarios galegos. 

Plantación de pataca doce CC-BY-SA Ji-Elle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.