A loita de Beatriz Figueroa continúa e chega este martes á Defensora do Pobo

Beatriz Figueroa, con varios deputados no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

Hai xa algo máis de dous anos, Beatriz Figueroa comezou a súa batalla. En solitario, sen apenas apoio, esta enferma de cancro pelexou -e pelexa- para que se recoñeza unha maior protección para os doentes desta enfermidade que estean en tratamento. Aquel 21 de maio de 2013 iniciou unha folga de fame. Recolleu sinaturas e presentou medio millón no Congreso dos Deputados, onde tan só o PP votou en contra da toma en consideración da súa proposta -presentada polo BNG- na que solicitaba a incapacidade permanente, non definitiva, para os doentes de cancro sometidos a un tratamento e mentres non se produza a súa curación a través dunha modificación lexislativa.

Figueroa reúnese este martes coa Defensora para trasladarlle "a situación de desprotección económica e social dos enfermos de cancro"

Agora, a súa loita chega á Defensora do Pobo. Este martes, e despois de insistir na petición e nas súas reclamacións, a titular do alto comisionado, Soledad Becerril recibiraa ao mediodía. Será a quen lle traslade "a situación de desprotección económica e social dos enfermos de cancro", unha recepción que xa é unha pequena vitoria tendo en conta que non é habitual que a institución reciba unha persoa a título individual sen ser representante dunha agrupación ou colectivo amplo. "Quizais considera que son a voz de moitos cidadáns co mesmo problema", dicía a Praza Beatriz Figueroa. 

O que a avala é a súa loita e as máis de medio millón de sinaturas recollidas e que apoiaron unha proposición non de lei para dar "unha protección especial laboral aos enfermos de carcinoma que lles garantizaría unha seguridade económica e xurídica" e que suporía a modificación da Lei Xeral da Seguridade Social. Unha medida apoiada por todos os partidos da oposición no Congreso pero da que moitos se desentenderon tamén máis tarde. 

A galega solicita a modificación da normativa para unha maior protección e excepcións ao copago farmacéutico no caso dos enfermos

Neste momento están abertos dous expedientes na oficina da Defensora do Pobo aos que deu traslado o Valedor tras as queixas presentadas por Figueroa en Galicia. Así, solicita que en canto á cualificación de incapacidade permanente en persoas diagnosticadas de cancro se estude "a conveniencia de modificar a normativa para especificar patoloxías que deben conlevar a declaración e comprobar se esta é comparativamente máis dificultosa en persoas desempregadas". 

Do mesmo xeito, en canto ao copagamento farmacéutico, a avogada e xornalista galega lembra que os enfermos teñen que abonar o 40% cando se perciben 426 euros en incapacidade temporal, polo que pide que se "promova unha modificación normativa que introduza cambios que teña en conta a efectos de valorar a exención, porcentaxes ou límites, tanto o inviel de renda como a duración do tratamento". 

Ademais, Figueroa trasladará á Defensora a denuncia de moitos outros enfermos. Desde que comezara coa súa campaña con aquela folga de fame en maio de 2013 -O Sergas cúrache o cancro, o INEM e o INSS mátante de fame-, destaca que non deixou de recibir testemuños de enfermos aos que a Seguridade Social denega a incapacidade permanente sen estar recuperados e aos que tampouco recoñece secuelas invalidantes para o exercicio da súa profesión. 

A batalla de Beatriz conseguiu que un xulgado lle recoñecese a incapacidade permanente, pero a loita polos milleiros de afectados continúa

Beatriz Figueroa continúa así coa súa loita e coa de milleiros de afectados. Ela insistiu no xulgado número 3 do social de Vigo na súa causa contra o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que non lle recoñecía a invalidez. Unha reclamación que lle fora negada en tres ocasións, aínda que a xustiza acabou dándolle a razón. Veu aumentados os seus ingresos nuns 120 euros ao acadar unha pensión do 55% da súa base regulativa dos últimos anos nos que traballou. Antes cobraba 426 euros a través dun subsidios e logo de esgotar a súa prestación por desemprego, unha cantidade co que tamén fai fronte ao 40% dos gastos en menciñas.

Agora, Beatriz dá un paso máis e chega ata a Defensora do Pobo. Malia todo, tal e como desvelou nunha entrevista en Praza, séntese "igual de soa" que cando empezou coa súa batalla. Bota en falta o apoio dos grandes partidos ou da Xunta que, lembra, "non fixo nada tampouco a nivel autonómico". Pero segue loitando. 

Beatriz Figueroa, tras participar nun acto en Barcelona CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.