O pasado venres 19 de mañá, o barco arrastreiro sueco Marianne de Gotemburgo partiu do peirao de Messina, na costa leste de Sicilia, poñendo rumbo cara ao mar Xónico. Camiño de Gaza, nas vindeiras horas a embarcación prevé unirse aos outros buques que forman a III Frotiña da Liberdade, unha acción solidaria, reivindicativa e pacífica que trata de "rachar co bloqueo ilegal" da Faixa. Entre a tripulación atópase Ana Miranda, secretaria de Política Internacional do BNG, antiga europarlamentaria e vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE).
Ana Miranda forma parte da tripulación dun dos catro barcos que compoñen a 'Frotiña da Liberdade' rumbo a Gaza
"Son forte", di entre risas ao ser preguntada polos riscos dunha expedición que nalgunha anterior edición acabou con nefastas consecuencias. O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, xa ameazou os barcos asegurando que desta vez o Goberno non se contería como outras veces. "Noutras ocasións tería dito: non sacudades eses barcos, pero agora digo: sacudamos eses barcos", asegurou nunha intervención pública.
Mentres, tripulantes españois do Marianne, e tamén Ana Miranda, quéixanse do desleixo do Goberno central e do seu Ministerio de Asuntos Exteriores, que se manteñen en silencio. "Ignórannos e dinnos que non están dispoñibles até o vindeiro día 29", asegura con sorpresa a dirixente do Bloque. Foi o colectivo Rumbo a Gaza quen acudiu ao Ministerio de Asuntos Exteriores a pedir protección pero a resposta foi que debían "desistir" da súa acción. Os interlocutores comprometéronse a falar co ministro e o funcionario responsable de Oriente Próximo instounos a voltar o 29, o vindeiro sábado, data na que a Frota da Liberdade ten previsto chegar xunta a Gaza segundo os tripulantes.
No Congreso e no Parlamento Europeo, varios grupos políticos levarán a cabo tamén iniciativas para reclamar a implicación do Estado. E parlamentarios de IU-ICV, Podemos, e ERC, xunto coa propia Miranda e Rosana Pérez, do Bloque, asinaron tamén unha carta na que piden ao ministro Margallo que poña "todo o seu empeño e oficio" en axudar á frota a chegar a Gaza.
BDS-Galiza pide por carta a Feijóo e Pilar Rojo que "adopte medidas para asegurar a integridade física e moral da cidadá galega"
Os chamamentos sucédense e BDS-Galiza, representación no país do movemento global para acabar coa ocupación de Palestina vén de enviar unha carta a Feijóo e á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, na que amosan a súau "fonda preocupación pola sorte dos nosos concidadáns". Así, instan os dous a que "no exercicio das súas competencias e polo cauce regulamentar que proceda" fagan chegar ao Ministerio de Asuntos Exteriores "a petición da adopción das medidas que procedan para asegurar a integridade físcia e moral da cidadá galega que fai parte da Flotilla e dos demais integrantes da mesma".
Refírense a Ana Miranda, e lémbranlle ao presidente galego e a Pilar Rojo que ela é unha das integrantes da misión, "unha cidadá galega e representante popular electa que forma tripulación xunto con varios cidadáns con pasaporte no buque Marianne". BDS-Galiza recorda que os atencedentes na actuación do Estado de Israel "infelizmente fan temer ao noso colectivo que a integridade física e moral dunha cidadá galega e do resto dos tripulantes pode estar en perigo".
Os activistas lembran que anteriores actuacións de Israel "infelizmente fan temer pola integridade física e moral dos tripulantes"
"Iniciativas anteriores foron abortadas por Israel, ben actuando co bloqueo á libre navegación polo mar Mediterráneo ou chegando á eliminación física dos activistas, como aconteceu en 2010 no Mavi Marmara". Daquela, dez activistas foron asasinados por soldados de Israel. Desde o Marianne, Ana Miranda fala con Praza e lembra que cada día os tripulantes reciben "unha formación específica en resistencia non violenta en caso de abordaxe".
Ela é unha das 15 persoas que forman a tripulación do barco, un dos que integra a Frotiña da Liberdade. Hai mariñeiros, médicos, activistas e xornalistas que leva catro días de singradura desde que partiran de Messina. Atópanse perto de Grecia e a menos de 600 millas de Gaza -a situación exacta pódese comprobar aquí- e a embarcación conta con xuntarse co resto da frota en breve para saír desde augas internacionais cara á Faixa, a onde prevén chegar a fin de semana. Serán máis de 50 persoas entre os catro buques que conformarán a misión.
"Esta é unha misión humanitaria legal; se Israel nos aborda, quen fará algo ilegal serán eles", di Miranda desde o 'Marianne'
"Esta é unha misión humanitaria legal nun barco de bandeira sueca, do único país que recoñeceu oficialmente a Palestina", lembra Miranda, que asegura que se Israel os aborda, "quen fará algo ilegal serán eles". "O Goberno español debe moverse para garantir que o barco poida circular libremente", insiste a activista e política galega, que recorda como anteriores expedicións non chegaron a Gaza tras ser interceptadas en augas internacionais.
A Frotiña da Liberdade leva a bordo paneis solares e subministros médicos, un cargamento que podería abastecer de enerxía unha poboación cuxyas infraestruturas foron destruídas polos bombardeos do verán pasado. Ademais, os activistas impulsores da acción queren chamar a atención sobre as condicións de vida da Faixa, sobre todo tras o embargo que comezou hai oito anos.