España obvia ante a ONU as denuncias de discriminación do galego

Intervención da ELEN no Consello de Dereitos Humanos da ONU Dominio Público Praza Pública

A Mesa pola Normalización Lingüística, como membro da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) no Estado español, volveu denunciar este xoves ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU as discriminacións e ataques sufridos polos galegofalantes en Galicia, así como polos falantes da lingua propia en cada unha das súas comunidades. Logo da presentación en xaneiro dun relatorio onde se concretaban as vulneracións dos dereitos humanos "polo simple feito de utilizar" un idioma, as Nacións Unidas avaliaron a reacción de España ás queixas no marco da segunda Revisión Periódica Universal sobre o respecto dos dereitos humanos. 

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas, na que está A Mesa, denunciou ante a ONU a "discriminación" aos galegofalantes

ELEN, desta vez nunha intervención directa ante as Nacións Unidas, lembrou que o informe presentado en xaneiro detalla "moitos casos de discriminación deliberada por motivos de lingua contra os falantes de catalán, éuscaro, galego, aragonés e asturiano" e que inclúe "abusos físicos por parte da policía, así como a humillación nos tribunais por parte de funcionarios xudiciais".

Así, Ferran Suay, representante de Acció Cultural del País Valencià e encargado da intervención ante o Consello de Dereitos Humanos, asegurou que "tendo en conta a gran cantidade de probas detalladas" no informe pódese "concluír" que a discriminación contra as linguas non castelás "é sistémica dentro do sistema estatal España e está institucionalizada". Fíxoo acompañado doutros representantes, entre eles Marcos Maceira, presidente d'A Mesa. 

ELEN asegura que a discriminación "é sistémica e está institucionalizada" e pide á UE que sancione a España por violar normas comunitarias

Para ELEN, esta "discriminación" contra as linguas oficiais diferentes do castelán, así como contra o aragonés e o asturiano, "é completamente inaceptable e debe cesar de maneira inmediata", polo insta o Consello dos Dereitos Humanos da ONU, co apoio dos Estados membros, a "tomar medidas útiles para garantir o cesamento da discriminación lingüística contra os falantes de idiomas autóctonos en territorios baixo soberanía española".

Ademais, solicita á UE que "abra un procedemento de infracción contra España por violar as normas comunitarias contra a discriminación incluída na Carta de Dereitos Fundamentais, a Directiva sobre Igualdade Racia, así como outras medidas". 

A embaixadora non fixo referencia ningunha aos dereitos lingüísticos malia as denuncias e a chamada a que actué a UE

Pero, a pesar dos numerosos exemplos que se incluían no informe e das contundentes afirmacións de ELEN, a resposta do Goberno español foi semellante á de hai cinco meses: nula. Ana María Menéndez Pérez, embaixadora representante de España nas Nacións Unidas, non fixo unha soa referencia aos dereitos lingüísticos na súa resposta ás intervencións das entidades sociais e dos Estados membros. Á marxe do que o Executivo inclúa no seu informe, a representante limitouse a defender a acción gobernamental ante a crise económica, a defender polémicas normativas como a Lei Mordaza e a asegurar que "a Constitución española recoñece a liberdade ante a lei a todas as persoas sen discriminación por relixión, sexo, raza, opinión ou calquera outra condición". 

 

"Casos moi graves"

Segundo sinalou o presidente da Mesa, en rolda informativa posterior á intervención, as entidades de ELEN foron a Xenebra "denunciar casos moi graves, que vulneran calquera principio democrático e de respecto pola dignidade dos pobos e das persoas que os compoñen, que teñen lingua propia e a quen non se lles permite exercer dereitos cidadáns e humanos elementais se o fan na súa lingua”.

Maceira referiuse, por exemplo, ao caso de Vigo que se xulgará o 21 de xullo tras ser admitida a trámite a denuncia dun doente a quen se lle atrasou case dous anos unha operación tras requirir asinar a correspondente autorización en galego.

O impreso non se lle quixo dispoñibilizar en galego até meses máis tarde, co conseguinte agravamento do seu estado de saúde. Malia a desestimación polo Sergas, cunha resolución en que porén recoñece a vulneración do dereito a utilizar galego.

"Quen despreza unha lingua, despreza un pobo e iso é racismo", advirte Marcos Maceira

“Casos coma este ou persoas ás que se lle rexeita en entrevistas de traballo o dereito fundamental de se expresaren na súa lingua, desatención, insultos e ameazas por parte dos corpos de seguranza do Estado, deben ser coñecidos pola comunidade internacional porque quen despreza a lingua dun pobo está a desprezar un pobo e iso é racismo”, indicou Maceira, que reclamou para as galegas e galegos os mesmos dereitos a usar a súa lingua que unha cidadá de Albacete, de Lisboa ou de Bonn. “Non queremos nada menos” rematou.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Intervención da ELEN no Consello de Dereitos Humanos da ONU Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.