O BNG e outros partidos do grupo mixto (Amaiur, Compromís, ERC e Geroa Bai), xunto coa Izquierda Plural veñen de rexistrar no Congreso unha iniciativa para que o Goberno central tome de vez as medidas necesarias para poder xulgar en España os acusados na querela aberta en arxentina contra os crimes do franquismo e impulsada polo galego Darío Rivas.
BNG, Amaiur, Compromís, ERC, Geroa Bai e Izquierda Plural piden ao Goberno que tome as medidas para xulgar os acusados na querela arxentina
Olaia Fernández Davila, voceira do BNG no Congreso, xunto a representantes do resto de formacións compareceu con Carlos Slepoy, un dos avogados da demanda arxentina contra o franquismo, que explicou outra vez que España "incumpriu unha norma básica do dereito internacional" ao impedir a extradición dos acusados ao tempo que tampouco permite que sexan xulgados pola xustiza española.
Nesa querela hai vinte acusados, dezasete deles aínda vivos, entre os que se atopan ministros do franquismo, xuíces, torturadores e un médico que se apropiou de nenos. Así, as formacións políticas reclaman nesta proposición non de lei que o Executivo cumpra coa norma de dereito internacional aut dedere aut judicare (extraditar ou xulgar) e permita que estas persoas sexan xulgadas nos tribunais que lles correspondan en España.
Carlos Slepoy lembra que España "incumpre unha norma básica do dereito internacional", así como as esixencias da ONU
Tal e como lembrou tamén Slepoy, a mesma ONU, a través dos seus relatores especiais, cualificaron estes delitos como crimes contra a humanidade, polo que pide a España que cumpra as resolucións internacionais e remita aos xulgados competentes no Estado o auto do xulgado de Bos Aires no que se imputaron todas estas persoas. Todo co obxectivo de que devanditos xulgados estuden e trasladen ao Ministerio Fiscal estes casos, para citar a declarar aos imputados e impulsar os correspondentes procesos penais.
O segundo punto da proposición reclama a España que se non acepta xulgar a estas persoas no Estado revogue a súa decisión anterior e permita agora a extradición. Slepoy insistiu en que as Nacións Unidas instaron o Goberno español a extraditar ou xulgar e subliñou que os crimes cometidos durante o franquismo foron crimes contra a humanidade que non poden ser amparados por ningunha lei de amnistía.
O avogado da querela cre que a "a impunidade que protexe o PP terá repercusión internacional" e pide ao PSOE que se una á petición
O avogado arxentino sinalou que en España houbo reparación para as vítimas do terrorismo e sempre se perseguiu os autores deses delitos, mentres que no caso do franquismo non houbo recoñecemento de "nin unha soa vítima". Carlos Slepoy expresou a súa confianza en que o PSOE, aínda que non asinou a iniciativa, si a apoie na súa tramitación, mentres admitiu que o PP se negará a esta proposta "do mesmo xeito que se negou a colaborar coa xustiza arxentina". Esta posición, segundo o letrado, "pon en evidencia a impunidade que protexe o PP" e "terá repercusión internacional".