Ana Miranda: "Conseguimos romper o bloqueo de silencio sobre Gaza"

Ana Miranda, con Olaia Fernández Davila Dominio Público BNG

Na voz de Ana Miranda nótase o cansazo. Confesa que leva sen durmir dende o domingo cando -ao redor da unha da madrugada- o Marianne foi asaltado polo exército israelí. Mesmo así non perde o carácter alegre e decidido que a caracteriza: "Volvería xa mesmo. E non vou parar ata entrar en Gaza, vou pedir permisos para entrar por Xordania cando sexa, cando poida". A galega era unha das activistas que formaban parte da III Flotilla da Liberdade que buscaba rachar o bloqueo marítimo ao que Israel somete á faixa de Gaza. Aínda en augas internacionais as autoridades xudías abordaron a embarcación cunha "violencia desproporcionada", como destaca Ana Miranda, nun acto "ilegal, de pirataría", denuncia Rumbo a Gaza. Unha vez arrebatado o control do barco, escoltárono cara ao porto israelí de Ashdod, e dende aí os pasaxeiros foron deportados.

"Aínda que non conseguimos chegar a Gaza, conseguimos romper o bloqueo de silencio que sofre Gaza"

Ana Miranda chegou a Madrid pouco antes das once da mañá e durante todo o día concedeu un bo número de entrevistas para dar conta do sucedido, denunciar a situación do pobo palestino, sobre todo en Gaza, e valorar a actitude do Goberno español: "Advertíramoslle ao Ministerio que tiña que haber unha protección diplomática, porque había indicios moi claros de que a flotilla podía ser atacada, tendo en conta os precedentes dos dez mortos do Mavi Marmara". "O comportamento do cónsul foi moi correcto. Unha vez que houbo as primeiras novas de que o barco fora interceptado, púxose en contacto coa miña familia, con Rumbo a Gaza, co BNG..., como é a súa función. A parte humana cumprírona. A nivel político non fixeron nada", destaca. "O Goberno galego, por suposto, nada", di.

Esta tarde participará na concentración convocada en Madrid, ante o Ministerio de Asuntos Exteriores, para denuncia a acción de levada a cabo polo Goberno israelí, protestar contra o bloqueo que sofre Gaza e esixirlle ao Goberno español que "actúe en lugar de ser cómplice". Ana Miranda subliña que "hai que valorar o que conseguiu esta Flotilla: hai tres anos pasou case desapercibida [o Estelle foi tamén atacado por Israel en augas internacionais, pero o feito tivo menos repercusión mediática da merecida], pero esta vez aínda que non conseguimos chegar a Gaza, conseguimos romper o bloqueo de silencio que sofre Gaza". Ana Miranda relata para Praza o momento do asalto israelí:

“A abordaxe foi tremenda. Levabamos dous días vendo como había dous barcos non identificados que navegaban a 20 millas, en paralelo ao Marianne. Esa noite, a partir das doce, vimos que se comezaban a aproximar, e espertouse a todo o mundo. Ás doce e cuarto chamaron por teléfono -porque a normativa de navegación esixe facer iso antes de abordar un barco- para dicir que se ían achegar e a iniciar unha negociación. Ofrecéronnos varias opcións: que déramos a volta para marchar libre ou que depositásemos no porto de Ashdod -supervisados por persoal israelí- a mercancía que queríamos levar a Gaza para despois regresar a augas internacionais. O capitán respondeulles que non tiñan nada que negociar, que estabamos en augas internacionais, cun barco de pavillón europeo -sueco- e nunha navegación pacífica. Todo isto, nunha conversa de barco a barco con altofalantes".

"Eran ao redor de 40 soldados, encarapuchados, armados ata a médula, tentando facerse co control da cabina. Si que usaron a violencia coa tripulación do barco, cunhas porras eléctricas, oíanse uns berros que nalgún momento pensei que morría alguén"

"De aí a dez minutos apareceron tres zodiacs, entraron pola popa; eran ao redor de 40 soldados, encapuchados, armados ata a médula, tentando facerse co control da cabina. Antes do asalto dixéronnos 'vostedes están resistíndose e están provocando que teñamos que usar a violencia, vostedes están provocando a violencia'. E no momento que entraron si que usaron a violencia coa tripulación do barco, cunhas porras eléctricas, oíanse uns berros que nalgún momento pensei que morría alguén. Finalmente chegaron ata onde nós estabamos, protexendo a porta cun colchón. A min non me tocaron, pero co empurrón e o golpe tamén me tiraron e levei un golpe nas pernas e teño un moratón considerable no brazo".

"Volvería xa mesmo. E non vou parar ata entrar en Gaza, vou pedir permisos para entrar por Xordania cando sexa, cando poida"

"Leváronnos a todos para a parte de atrás, eu sentei co deputado Basel Ghattas e co ex presidente de Tunisia Moncef Marzouki. E ao pouco meteron alí a todo o mundo, tamén á tripulación. E alí quedamos durante 18 horas. Se tiñas que ir ao baño ían contigo, pegados, dous ou tres soldados. Ao chegar ao porto de Ashdod leváronnos dun lado para outro, porque había unha manifestación, e non querían que houbese interferencia de ningún tipo. Había ao redor de 300 persoas, con bandeiras, tirando fotos... Cacheáronnos por completo, revisaron absolutamente todo o que levabamos, dende a roupa interior ata os paquetes de caramelos por dentro. Quitáronnos os teléfonos, que non nolos devolveron, libretas, todo o que podiamos usar para escribir. Xusto despois xa me pasaron o teléfono para falar co cónsul".

Ana Miranda, xa en Madrid © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.