0 Gardados para despois

"Noruega non tivo conciencia social e España non loitou dabondo polos mariñeiros galegos"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Øivind Østberg é o prestixioso avogado noruegués que defenderá os mariñeiros galegos -na súa maioría aínda que tamén hai algún outro doutra autonomía- que nas vindeiras semanas presentarán unha demanda colectiva contra o Estado de Noruega para reclamarlle que lles pague as pensións que lles adebeda desde hai anos. 

É a inxusta situación que sofren arredor de 10.000 mariñeiros galegos e as súas familias que pelexan polo cobro das súas pensións tras anos ocupados no estranxeiro. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo, uns 520 millóns de euros en impostos. 

O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois. Segundo a asociación de mariños Long Hope, asociación que xunta os afectados, serían 12.000 os mariñeiros con dereito a estas pensións en toda España e deles, máis do 80% serían galegos.

Agora, uns 200 -á espera de máis adhesións- uníronse xa a esta demanda colectiva nos tribunais do Estado nórdico e que chega logo da "inacción do Goberno español e da Xunta". Será só un primeiro paso xa que, no caso de que a sentenza non fose favorable, os afectados acudirán ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Non obstante, Øivind Østberg, que se atopa de viaxe en Galicia apañando información, é optimista e nesta conversa con Praza explica por que. 

En que argumentos se basea a demanda?

Á xustiza norueguesa temos que demandarlle unha decisión clara, argumentando e solicitando que os mariñeiros galegos e españois que traballaron en buques noruegueses deben ser tratados igual que os noruegueses, exactamente igual. Iso implica, por suposto, que se recalculen as pensións e se demanden as cantidades que se lles adebedan a todas estas persoas afectadas.

"O Parlamento de Noruega aprobou esta medida excepcional e discriminatoria malia que recoñecía que non era correcto"

Por que cre que Noruega levou a cabo esta presumible inxustiza con tantos milleiros de mariñeiros?

Todo ten a súa orixe na reforma lexislativa que Noruega levou a cabo do seu sistema da Seguridade Social nos anos 60. Foi un gran cambio lexislativo no que se discutiron todos os detalles, tamén se os mariñeiros dos buques noruegueses deberían ser incluídos ou non neste réxime novo. No principio, o Goberno noruegués daquela época tiña a total intención de tratar estes traballadores igual có resto porque traballaban en buques de xurisdición do país e non só estaban vivindo alí, senón traballando e contribuíndo á economía do Estado. Era evidente que tiñan que ser incluídos, pero diversos representantes do sector maritimo noruegués interviron, especialmente os armadores, e presionaron e argumentaron que esa medida sería moi custosa para eles porque terían que cotizar moito por estes traballadores. Seica para eles era especialmente duro cotizar por estes operarios, algo que facían xa cos noruegueses e que facían todas as empresas do país. Non ten lóxica ningunha porque todos poderían utilizar ese argumento, pero as autoridades acabaron por aceptar as súas demandas, achegando tamén algúns motivos e problemas técnicos máis. O Parlamento noruegués aprobou esta medida excepcional malia que recoñecían que o correcto non sería iso. 

E a cousa quedou así?

Si, a normativa quedou así e, aínda que foi discutida varias veces máis, pero nunca foi modificada ata a integración de Noruega no espazo económico da UE en 1994. A partir desta data era imposible aplicala porque era unha lexislación contraria á normativa comunitaria. 

Hai algún outro caso semellante en Noruega ou noutros países?

Non. É moi difícil atopar algo parecido así en Noruega. A nivel internacional ou europeo si que pode haber algún caso semellante e que tamén terá importancia no noso caso para fortalecer os nosos argumentos. O que imos argumentar, fundamentalmente, é que esta medida discriminatoria é contraria ao Convenio de Dereitos Humanos da Unión Europea e tamén vai contra a propia Constitución de Noruega. É evidente que Noruega non cumpre con esas normas pero o Goberno vai poñer toda a súa maquinaria de defensa enriba da mesa para intentar convencer á Xustiza de que non foi así e de que non incumpriu normativa ningunha. 

"Argumentaremos que esta medida é discriminatoria cos mariñeiros espaois e galego e que vai contra normas europeas e a propia Constitución de Noruega"

É vostede optimista?

Si, teño que ser optimista. A causa será a dura pero creo que os argumentos fundamentais son tan claros que gañaremos o caso e a sentenza será favorable. É obvio que houbo unha inxustiza e, aínda que os armadores aluden a problemas legais e técnicos, estes non eran suficientes como para levar a cabo esta discriminación. Ademais, no caso doutros mariñeiros doutros países, o Executivo noruegués arranxou o problema chegando a acordos bilaterais con outros Estados para asegurarlles aos seus cidadáns todos os dereitos sociais. No caso dos mariñeiros españois non foi así malia que eles si pagaron sempre impostos e outros traballadores non o fixeron. A inxustiza é obvia e Noruega debería agradecerlles aos españois todo o que fixeron, aínda que isto non é cuestión de ser xeneroso senón de cumprir con deberes elementais. 

"A inxustiza é obvia; Noruega debería agradecerlles aos mariñeiros galegos o que fixeron porque ademais eles pagaban impostos mentres outros non o facían"

Por que España non chegou a un acordo con Noruega?

Podemos dicir que o Goberno español non loitou con suficiente forza polos seus cidadáns e os seus dereitos sociais e que o Goberno noruegués non tivo a conciencia social suficiente para arranxar o problema. No momento en que Noruega se incorporou ao espazo económico da UE, o Estado español debería ter esixido a Noruega que cumprise coas demandas sociais dos mariñeiros e non o fixo. Púidoo facelo porque ademais tiña a posibilidade de vetar a adhesión de Noruega a este tratado de libre comercio. De todos os xeitos, nesta demanda a causa é contra Noruega, que tiña a obriga de cumprir cos traballadores galegos e españois e non discriminalos, máis aló de que España fixese máis ou menos tamén polos mariñeiros. 

"España non loitou con forza dabonda polos mariñeiros e Noruega non tivo conciencia social

Sorprende este caso cando Noruega é moitas veces posto como exemplo de Estado social...

A situación dos mariñeiros galegos é descoñecida en Noruega porque apenas se falou dela. A maioría dos noruegueses non saben o que aconteceu. En todo caso, este caso de discriminación demostra que a visión que se ten do Estado noruegués en moitas partes non é tan así. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.