"Moitos nenos en Galicia acaban vendo o galego como unha lingua estranxeira"

Ramiro Torres e Isabel Ferreiro, no documental CC-BY-SA Rinoceronte Editora

A iniciativa de Rinoceronte Editora, Uxía Piñeiro encargouse de dirixir A lingua dos nenos, documental no que se analiza o difícil que é que un neno fale galego en Galicia. Que fale a lingua propia do país no propio país. "Intentamos debullar unha situación xa habitual e en certo modo curiosa; por que os nenos cambian de idioma sen unha razón contundente?", asegura a directora. E fixérono desde o punto de vista dos pais, de familias que falan galego aos seus nenos pero que ven como estes mudan as verbas co paso do tempo.

'A lingua dos nenos' analiza con varias familias o paso ao castelán de pequenos criados nun ambiente galegofalante

Uxía Piñeiro ve ata "normal" que a maioría dos nenos cambien de idioma. "Ven que o castelán é a lingua predominante en case todos os ámbitos e acaban por utilizar o que máis escoitan; aínda que na casa se utilice o galego, é complicado que o acaben usando maioritariamente ou mesmo que o empreguen algo", reflexiona a directora, que cre que non se pode citar un motivo que explique este desleixo cara á lingua propia. "O motivo é toda a situación na que se atopa o galego". 

De feito, Piñeiro recoñece que as conversas cos pais protagonistas do documental comezaban polos seus fillos, pero derivaban sempre na situación global do galego: a falta de normalización, a súa escasa presenza na escola, os prexuízos que o arrodean... "Na escola os nenos viven case unicamente en castelán, especialmente nos primeiros anos, na escola infantil", relata a directora do documental, que comprobou en boca das familias como moitos nenos volvían usar o galego "polo menos na casa" a partir dos sete anos. Pero xa non é a súa lingua habitual e non é algo que se dea en todos os rapaces. Nin moito menos. 

"Na escola os nenos viven case unicamente en castelán, especialmente nos primeiros anos, na escola infantil", di a directora

A situación da escola é clave para os pais que falan nunha fita que se espalla na Rede para denunciar unha situación tan real como surrealista. "Hai moitos casos nos que os nenos acaban vendo o galego como unha lingua estranxeira, coma se fose inglés ou outra porque o peso que ten na escola é semellante ao de calquera outro idioma e en moitas zonas de Galicia tampouco se escoita na rúa", asegura. Nin na maioría de medios de comunicación, nin nos filmes, nin nas cancións que escoitan...

"Coñezo pequenos que saben falar galego do mesmo xeito que saben falar inglés... A única lingua que falan ben é o castelán"

"Coñezo pequenos que saben falar galego do mesmo xeito que saben falar inglés... A única lingua que falan ben é o castelán", insiste. quen cre que a presenza do galego no ensino "é fundamental". "Ao final, son seis horas nas que están nun lugar no que se debería ver como normal falar en galego, cando ás veces tan só se utiliza nunha materia", insiste Piñeiro, que cre que as cousas aínda van peor que hai uns anos. "Na miña xeración, aínda que haxa pouca xente que fale galego, si que o saben... Moitos rapaces de agora non son nin capaces de empregalo ben", insiste. 

No documental, son varios os pais que explican a súa experiencia. Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo; Ramiro Torres e Isabel Ferreiro, Henrique Harguindey, Mar Hermida, François Davó e a vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos. Case todos coinciden en que, malia criarse nun ambiente familiar galegofalante, os seus fillos cambian de idioma ao chegar ao colexio e recupérano -pero pouco e limitado a certos ambientes- pasados uns anos. 

Todas as familias que participan coinciden en que os nenos deixan de falar galego ao chegar ao colexio

"Entre a escola, parte da familia, a televisión, os vídeoxogos...", lembra unha familia, que cren que o principal prexuízo para o uso do galego é "o contexto da escola" onde "se fala maioritariamente castelán". "Cando algúns din que se impón o galego e que non lles deixan falar castelán, gustaríame que me dixesen de que estamos a falar", asegura Tati Mancebo.

"Moitas veces preguntáronme por que lle falaba galego aos meus fillos... A min non se me ocorrería preguntarlle a ninguén por que educa os seus pequenos en castelán ou francés", pregúntase Mar Hermida, que lembra como seus cativos pasaron de ser galegofalantes a empregar o español "100%" logo de empezar o colexio. Ramiro Torres e Isabel Ferreiro reparan tamén noutra situación nada estraña: "Seus avós falaban sempre galego menos coas nenas, ás que lles falaban castelán". 

"A escola pública contribúe á desgaleguización", di un dos pais protagonista do documental

Todos, malia todo, coinciden en que a escola é fundamental e a diminución progresiva do galego nela provoca que sexan moitos os rapaces que acaban por cambiar ao castelán, maioritario tamén nos medios, no cinema e na rúa de moitas vilas e cidades. "A escola pública contribúe á desgaleguización", resume François Davó. 

Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo, no documental CC-BY-SA Rinoceronte Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.