"A casa é moito máis que un teito, é o espazo no que pode comezar un proceso de cambio"

Por terceiro ano consecutivo Compostela debaterá ao redor do senfogarismo e das políticas para facerlle fronte CC-BY-SA Arrels

"O senfogarismo non é unha cuestión de servizos sociais, é un problema de falta de vivenda". Así de tallante era Albert Sales, coordinador do programa de atención ás persoas sen fogar de Barcelona, que participou o pasado ano na II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, organizada polo Concello de Santiago. Sales salientaba que a dificultade para acceder á vivenda era o núcleo do problema e, ademais, que calquera itinerario de inclusión (acceso a un emprego, axudas sociais, mellor atención sanitaria...) pasaba por garantir primeiro un fogar digno para estas persoas. A terceira edición deste encontro, que se celebrará este xoves 29 na Facultade de Filosofía da USC, terá a vivenda como centro, coa intervención de expertos e xestores galegos, cataláns e vascos e a exposición da situación na cidade compostelá e das estratexias postas en marcha. 

A Xornada abrirase cunha presentación do Plan de atención ao senfogarismo en Compostela, a cargo da psiquiatra Lucía del Río, asesora técnica do Concello na planificación do Centro Municipal de Atención Integral as Persoas Sen Fogar, coa que falamos o pasado ano. E Miguel Vieito, investigador en Dereito e asesor técnico do Concello, autor do artigo Manipulación e falta de rigor como políticas contra o senfogarismo.

Boa parte das intervencións centraranse nas solucións achegadas por distintas administracións para poñer vivendas baleiras a disposición das persoas que as necesitan. Montserrat Martínez Soler, directora da Área de Dereitos Sociais e Servizos ás Persoas do Concello de Terrassa, e Ángels Mira Cortadellas, xerente do Instituto Municipal da Vivenda e Rehabilitación de Barcelona (IMHAB), amosarán a situación que se vive en Cataluña. E Jorge Duarte, Concelleiro de Dereito á Vivenda en Compostela, e Encarna Otero, ex-directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta, debaterán sobre as respostas dadas en Galicia, nunha conversa moderada por Iago Lestegás.

 

Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Compostela

Jorge Duarte explicará os obxectivos e desenvolvemento do Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Santiago

Jorge Duarte explicará os obxectivos e desenvolvemento do programa AVIVA, Plan de Mobilización de Vivenda Baleira de Santiago de Compostela. O proxecto crea unha bolsa de vivendas privadas baleiras susceptibles de seren alugadas. "Unha vez que comprobamos que había un número moi elevado de vivendas baleiras no concello, entendemos que había que facer o posible para mobilizar este parque. O primeiro paso é darlles facilidades aos propietarios de vivendas para vencer as súas desconfianzas e receos para que poñan estes inmobles en alugueiro", explica Duarte. "A lexislación estatal impide incrementar o IBI para as vivendas baleiras, que é o que nos gustaría facer. Polo tanto, o que facemos é bonificar, baixando o IBI, a aqueles que decidan poñer no mercado estes inmobles, sempre que se adapten ao tope de prezo que propoñemos", engade. O programa fixa uns prezos máximos para esas vivendas en función do seu tamaño e da súa situación na cidade, entre 300 e 600 euros. Busca ser complementario dos programas de alugueiro de carácter social e está aberto a calquera persoa cuxos ingresos non superen o triplo do salario mínimo.

"O ideal sería poder facer unha política pública de vivenda en alugueiro para poder baixar os prezos, pero ata agora foi imposible, xa que é unha competencia autonómica", reclama Duarte

O edil estima que o programa terá unha implantación lenta, pero destaca que é importante poñelo en marcha canto antes, para que os seus efectos comecen a percibirse canto antes. En Barcelona hai un programa semellante, que o primeiro ano chegou a 50 vivendas e que o segundo se incrementou ata as 150. "O programa tamén pode servir para darlles unha alternativa aos propietarios de vivendas de uso turístico, incentivando o seu uso residencial e, ao tempo, facendo máis asequibles os inmobles para a poboación que busca alugar", subliña Duarte, que conclúe que "o ideal sería poder facer unha política pública de vivenda en alugueiro para poder baixar os prezos, pero ata agora foi imposible, xa que é unha competencia autonómica".

 

"Cando as persoas senten que están nun espazo seguro, comezan a mellorar"

Ana Pardo Fernández é responsable territorial de Provivienda e tamén intervirá na Xornada deste xoves. A entidade traballa dende o ano 1989 facilitando o acceso á vivenda para os colectivos con máis dificultades para facelo e máis vulnerabilidade. Neste tempo axudaron a unhas 120.000 persoas, en colaboración con administracións públicas, outras entidades do terceiro sector e empresas privadas. Dende hai dous anos opera en Galicia (Vigo e A Coruña) en varios proxectos.

O número de persoas que carece de vivenda incrementouse nos últimos anos, sobre todo nas grandes cidades | Iñaki Pérez de Albéniz | CC BY

En que consiste a actividade que realiza Provivienda?

Provivienda nace en 1989 como unha resposta ante as dificultades que tiña naquel momento a mocidade para acceder a vivenda. A raíz do asasinato en 1992 de Lucrecia Pérez, que vivía nunha discoteca abandonada xunto con outros 30 dominicanos, comezamos a traballar tamén procurando aloxamento para a poboación migrante, que era quen tiña máis obstáculos. Nos últimos anos o problema de acceso a vivenda foi afectando a cada vez máis grupos: a mocidade, colectivos vulnerables, vítimas de violencia de xénero..., e temos diferentes proxectos adaptados a cada problemática.

"Nos últimos anos o problema de acceso a vivenda foi afectando a cada vez máis grupos: a mocidade, colectivos vulnerables, vítimas de violencia de xénero..., e temos diferentes proxectos adaptados a cada problemática"

Dende cando traballades en Galicia?

En Galicia comezamos a traballar en febreiro de 2017, a través dunha alianza en Vigo con Emaús Social, que alertara das dificultades existentes na cidade á hora de acceder a vivenda, sobre todo para os colectivos máis precarios. O pasado ano xestionamos uns 50 casos de persoas, conseguindo o aloxamento de 20 en vivendas compartidas, asinando contratos de alugueiro en 8 vivendas. Isto amosa que hai unha gran necesidade neste campo, pero que con apoio se poden ir resolvendo estas necesidades, con vivendas dignas, con contratos e sen cláusulas abusivas. En Vigo traballamos tamén a acollida de refuxiados e refuxiadas. E na Coruña traballamos en alianza coa Fundación Rais nun proxecto de Housing First, consistente en que o proxecto de intervención se inicia coa vivenda.

As dificultades no acceso á vivenda, o incremento no prezo dos alugueiros, e a precariedade laboral e os baixos salarios están facendo que grupos cada vez máis amplos corran o risco de quedar na rúa, sen fogar?

Por unha banda temos un mercado inmobiliario que non está regulado: o prezo é decidido unicamente polo propietario e non hai un límite máximo en función das zonas, o que leva a que se disparen os prezos. O problema é especialmente grave nas zonas urbanas e principalmente en Vigo, Santiago ou A Coruña. Ademais, a situación de desemprego ou de precariedade penaliza moitísimo á hora de buscar unha vivenda e moitas persoas que teñen ingresos baixos cada mes, pero que si poderían pagar un alugueiro, non conseguen que os propietarios acepten facerlles un contrato. Moito peor o teñen os perceptores de RISGA ou as persoas migrantes. Nós traballamos con familias con menores ás que lles pecharon as portas continuamente.

"A casa é moito máis que un teito: é o espazo no que nos sentimos seguros, no que podemos comezar calquera proceso de cambio"

Sen vivenda é difícil acceder a un emprego e mesmo as axudas sociais poden non ser efectivas. A vivenda é a base de calquera proxecto de inclusión? 

Hai que cambiar a orde da intervención. Eu son traballadora social e durante anos traballei con recursos de emerxencia, como albergues, para persoas que levan dez anos na rúa. Onde está a emerxencia? Estamos cronificando a intervención. Eu traballei en Compostela nun proxecto Housing First con Feafes Galicia e é impresionante ver como as persoas cando senten que están nun espazo máis seguro comezan a mellorar, cunha maior autoestima e cunha maior motivación. Doutro xeito é moi difícil: estamos pedíndolle moitas cousas a persoas que viven á intemperie ou en condicións de inseguridade, pedímoslle que vaian a unha entrevistas de traballo a persoas que ás veces non teñen nin a posibilidade de ducharse. A casa é moito máis que un teito: é o espazo no que nos sentimos seguros, no que podemos arrincar calquera proceso de cambio. Os profesionais temos que entender que debemos mudar a nosa metodoloxía de traballo.

"Moitas vivendas están baleiras porque os seus propietarios teñen medo de que o inmoble se deteriore ao vivir alguén nel. En ocasións, isto prodúcese por prexuízos e por medos infundados"

Como se pode poñer o actual parque de vivenda baleira a disposición das persoas que as necesitan?

Eu entendo que moitas das vivendas baleiras o están porque os seus propietarios non teñen unha necesidade económica e porque teñen medo de que o inmoble se deteriore ao vivir alguén nel. En ocasións, isto prodúcese por prexuízos e por medos infundados a unha posible ocupación por parte de persoas que non pagan o alugueiro e que se negan a marchar. Para evitar atrasos e impagos ocasionais, dende Provivienda abonamos regularmente o alugueiro ao propietario e despois o inquilino páganos a nós en función da súa dispoñibilidade; ademais, facemos fronte ao seguro de alugueiro, asegurando así que a vivenda vai estar sempre en bo estado. Así mesmo, facemos un seguimento de todos os casos; en toda a nosa experiencia nunca tivemos problemas en ningún inmoble. O que queremos é darlles garantía aos propietarios e propietarias para que perdan o medo a poñer en alugueiro as súas vivendas baleiras, facilitando así a inclusión de moitas persoas que agora teñen que vivir na rúa en en espazos moi precarios.

 

"A vivenda debe ser o eixo central da estratexia para as persoas sen fogar" 

Emilio Sola Ballojera, director de Servizos Sociais do Goberno Vasco, participará na Xornada explicando as características fundamentais da Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar 2018-2021, que busca reducir de forma significativa, cando menos nun 20% o número de persoas que dormen na rúa nas cidades e vilas máis importantes de Euskadi, un obxectivo para o que se poñerán en marcha "políticas integrais" que abranguerán a actividade de varios departamentos.

Emilio Sola Ballojera, director de Servizos Sociais do Goberno Vasco

O acceso á vivenda debe ser o primeiro paso nas intervencións sociais con persoas sen fogar?

O que máis me gustou destas xornadas que organiza o Concello de Santiago é precisamente que pilotan en torno ao eixo central da vivenda. E niso é totalmente coincidente coa Estratexia Vasca para Persoas sen Fogar que desenvolvemos dende o Goberno vasco. A centralidade é a vivenda, por iso as estratexias para as persoas sen fogar deben estar centradas na vivenda. Os servizos sociais, a saúde e outros ámbitos son moi importantes, pero a vivenda ten que ser o eixo central.

"Os servizos sociais, a saúde e outros ámbitos son moi importantes, pero a vivenda ten que ser o eixo central"

Hai que incidir na mellora da coordinación entre administración para evitar que a burocracia se converta nun obstáculo?

Efectivamente, a coordinación entre administracións é fundamental. E tamén co terceiro sector. Na Estratexia Vasca contamos dende o minuto 1 co terceiro sector de Euskadi, que é moi potente e que ten unha gran traxectoria no ámbito da inclusión social. Parecíanos que había que facer esa coordinación interinstitucional entre os tres niveis: Goberno Vasco, Deputacións Forais e Concellos, pero tamén contar con estas entidades.

Nos últimos anos variou o perfil máis habitual das persoas sen fogar?

Non se pode xeneralizar, pero se falamos dun perfil medio, podemos dicir que este variou nos últimos anos. Antes era maioritariamente unha persoa autóctona, cunha problemática de adicción ao alcoholismo ou de enfermidade mental ou de ambas as dúas cousas, e con problemas de relación social e familiar a raíz do anterior. Agora, en cambio, vemos un peso crecente dos mozos estranxeiros non acompañados, moitos deles menores que ao chegar á maioría de idade saen da rede de apoio emprestado dende as deputacións forais.

"A precariedade laboral é evidente e custa moito acceder a unha vivenda de alugueiro. Por iso é básico facilitar o acceso"

O incremento dos alugueiros e a precariedade laboral están facendo que grupos cada vez máis amplos corran o risco de se converter en persoas sen fogar?

Destacábase o outro día que os mozos de agora, a nivel de ingresos, están peor do que estaban os millenials á súa idade. A precariedade laboral é evidente e custa moito acceder a unha vivenda de alugueiro. Por iso é básico facilitar este acceso a unha vivenda. Por iso nós poñemos en marcha un gran número de medidas ao respecto, comezando pola creación dunha rede supramunicipal de aloxamentos dotacionais para os sectores máis necesitados. E non falamos só de xente que vive na rúa, senón de xente que está en risco de facelo por non poder pagar un alugueiro.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.