O 28 de decembro de 2002 máis de 15.000 persoas participaron na Coruña no Velorio do Mar, unha das máis simbólicas manifestacións convocadas polo movemento Nunca Máis, na que as persoas asistentes, vestidas de loito, portaban cruces negras, que acabaron en gran parte chantadas no xardín da Delegación do Goberno ou na praia de Riazor. Na xénese desta mobilización estiveron artistas como Pepe Galán, ao igual que a moi recordada Manifestación das Maletas (10 de febreiro de 2003) na que decenas de miles de persoas marcharon polas rúas da Coruña ao berro de "Salvemos o mar, ou só nos quedará a maleta".
Pepe Galán é, xunto con Pepe Barro e Anxo Varela, un dos comisarios da exposición Máis Nunca Máis, que este xoves se inaugura no Palexco da Coruña
Pepe Galán é, xunto con Pepe Barro e Anxo Varela, un dos comisarios da exposición Máis Nunca Máis, que este xoves se inaugura no Palexco da cidade herculina, no marco das actividades de Unha Burla Negra. A mostra, dirixida e deseñada polo colectivo Radio Buguina, permanecerá aberta ata o 3 de marzo, e poderá visitarse libremente todos os días en horario de 12 a 14 e de 18 a 21.
A apertura da mostra terá como acto inicial unha mesa redonda (este xoves ás 20 horas no propio Palexco) na que intervirán Manuel Rivas, Uxía Senlle, Felipe Louzán e Suso de Toro. A mesa redonda dálle continuidade ás actividades de Unha Burla Negra na Coruña, que comezaron o pasado venres cunha conferencia de Amador Fernández Savater no Paraninfo da UDC baixo o título de "Unha mutación antropolóxica: imaxes e prácticas da revolución cultural".
A programación completarase o xoves 24 de xaneiro cunha mesa redonda titulada "O Nunca Máis como fin do réxime fraguián. Dezaseis anos dun vergoñento consello de ministros". En efecto, o acto coincidirá co 16º aniversario do Consello de Ministros que acolleu o Concello de Coruña, ofrecido a José María Aznar polo alcalde Francisco Vázquez. A mesa, que se celebrará no Salón de Plenos, contará coa participación dos xornalistas Xosé Hermida, José Precedo e Comba Campoy.
Máis Nunca Máis
“Eses días estabamos alucinados pola gran mobilización que existía. Estabamos todos activados, dun xeito case compulsivo e coñecendo xente nova”
A mostra compose principalmente de 4.000 imaxes, procedentes do fondo documental da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, que serán emitidas de forma continua por vinte proxectores. Fotografías das actividades dos voluntarios, de manifestacións e doutras accións de protesta nas semanas posteriores ao inicio da catástrofe do Prestige, e a pegada de Nunca Máis, tanto en Galicia como noutros lugares do planeta. "Será un maremagnum de imaxes proxectándose sen parar", explica Pepe Galán, que engade que á vez se proxectará un un vídeo con algunha das frases máis polémicas lanzadas polos políticos gobernantes.
Noutra parte da exposición proxéctanse os nomes de 300 persoas que tiveron un papel destacado naqueles días. Ademais, pódense consultar os libros que sobre o tema editou Difusora. Así mesmo, ao longo do percorrido da exposición presentarase unha nova obra sobre o Prestige e Nunca Mais que recolle textos de políticos, poetas, manifestos ecoloxistas e científicos, que incluirá un prólogo de Manuel Rivas e un epílogo de Xurxo Souto.
"Foi unha grande explosión de creatividade que durou un tempo. Pensaba que iso ía callar, pero teño a sensación de que ao final todo volveu ao seu sitio"
“Eses días estabamos alucinados, primeiro, polo nivel da catástrofe, o chapapote que o cubría todo. Pero tamén pola gran mobilización que existía. Estabamos todos activados, dun xeito case compulsivo e coñecendo xente nova”, destaca Galán. “Queríamos actuar e cada un facía o que sabía facer: os poetas e escritores escribían, os músicos actuaban, os deseñadores gráficos creaban os símbolos, e os artistas plásticos poñíamos a nosa experiencia na creación de elementos, por exemplo para as manifestacións”, di. "Era outro xeito de deseñar as protestas, non sei se máis creativo, pero sen dúbida máis divertido", engade.
"Foi unha grande explosión de creatividade que durou un tempo. Pensaba que iso ía callar, pero teño a sensación de que ao final todo volveu ao seu sitio e mantívose o funcionamento cultural que imperaba anteriormente, que non é precisamente o mellor", reflexiona. "Temos que aprender do que pasou nese tempo e por iso é interesante o traballo de análise que está facendo Unha Burla Negra, unha nova xeración que reivindica o que se fixo neses anos", di.
Cruces e maletas
"Coas cruces ou coas maletas o que se buscaba era crear unha performance xigantesca. O máis importante era que cada persoa elaborara o seu artefacto. Iso daba lugar a unha grande obra colectiva"
"Coas cruces ou coas maletas o que se buscaba era crear unha performance xigantesca. O máis importante era que cada persoa elaborara o seu artefacto, o seu símbolo. Iso daba lugar a unha grande obra artística colectiva", explica. "Se ti elaboras o teu elemento de protesta, coa túa rabia, coa túa conciencia, coa túa creatividade, están formando parte activa dun todo. Todo ser humano é un artista en potencia, por que non?", di.
"Os símbolos son moi importantes para unha mobilización, sobre todo nestas claves de participación creativa", reflexiona. "Aínda que por suposto, uns símbolos funcionan mellor que outros. A maleta significa moito en Galicia, por exemplo", engade.
"Din que as mobilizacións de Nunca Máis serviron de exemplo e referencia para o que despois foi o 15M ou as manifestacións do 8M do ano pasado. Pode ser. Aínda hai uns días viamos como os traballadores de Alcoa levaban cruces nunha das súas protestas, ao igual que se fixera no Velorio do Mar", destaca Galán.