Algunhas respostas textuais dos e das médicos participantes "reflicten claramente a desesperación, esgotamento e enfado dos profesionais"
Nos últimos días do ano a Asociación Galega de Medicina Familiar y Comunitaria (Agamfec) puxo en marcha unha enquisa ánonima entre os médicos e médicas de Atención Primaria da área de Vigo para pedirlles unha valoración sobre a situación que se vive no sistema sanitario, así como propostas de solución. A pesar de ser datas complicadas (o traballo de campo realizouse entre o 22 e o 30 de decembro), houbo 298 respostas, que a entidade vén de publicar nun informe titulado Re-pensando Atención Primaria e un paso adiante. Onde estamos e que facemos para mellorar .
As respostas coinciden en sinalar o gran problema que supón a actual sobrecarga de traballo, piden melloras en contratos e salarios para fidelizar e atraer os novos profesionais que están a marchar a outros territorios, reclaman resolver a problemática do acceso dos e das pacientes ao hospital e, igualmente, mellores dotacións de materiais e equipos. De igual xeito, alértase da situación que se vive en moitas zonas urbanas de Galicia, con centros de saúde absolutamente saturados. Así mesmo, a entidade fai súas as reclamacións presentadas polo colectivo PACs en pé de Guerra.
"É fundamental establecer un número máximo de consultas diarias, que permitan unha axenda segura e con garantías para o paciente e o facultativo. Por exemplo límite máximo de 35"
O informe seleccionou, ademais, algunhas respostas textuais dos e das médicos participantes que "reflicten claramente a desesperación, esgotamento e enfado dos profesionais", destaca a Agamfec. Así o persoal sanitario de Vigo pide "resolver o problema das axendas. É inviable ver 58 pacientes ao día. A calidade asistencial en mínima". Ou denuncia que "o escaso tempo por paciente nas consultas é un problema serio e que carrexa non só sobrecarga de traballo senón que aumenta a probabilidade de cometer erros".
Así mesmo, sublíñase que "se prima tanto a accesibilidade e a lista de espera cero en primaria que chega un momento que dá igual que vexamos 8 que 80". Ou destaca que "non somos a porta de entrada do Sistema nin somos o corredor, somos a cociña ou o salón... é onde se resolven máis do 90 % das consultas".
Solucións propostas
Entre as solución propostas, pídese aumentar prazas de residentes en Medicina de Familia, Enfermaría Comunitaria ou Pediatría, dedicar o 25% do orzamento en Sanidade de Galicia para Atención Primaria, a recuperación da Xerencia de Atención Primaria, aumentar o número de prazas de todas as categorías profesionais "con contratos e soldos dignos" e unha Oferta Pública de Emprego que cubra o 100% das prazas vacantes.
"É fundamental establecer un número máximo de consultas diarias, que permitan unha axenda segura e con garantías para o paciente e o facultativo. Por exemplo límite máximo de 35, incluídos domicilios e Urxencias", reclama unha das persoas entresvistadas.
Falta de medios e subordinación aos hospitais
Igualmente, sinálase con frecuencia a influencia do hospital na sobrecarga de Atención Primaria, destacando "a realización de actividades meramente burocráticas que inician os profesionais do hospital" e "o deseño de protocolos de derivación pensados polo hospital e para a súa propia xestión de fluxos, sen ter en conta a repercusión en atención primaria".
"Pasamos de ser médicos de atención primaria a ser médicos de procesos sen ingreso, perdendo o estatus propio para ser considerados subordinados á concepción hospitalaria do proceso asistencial. E, ao mesmo tempo, faise imposible o acceso a interconsulta con múltiples barreiras que dificultan o acceso á especializada e á petición de probas complementarias facendo tan difícil a petición que producen unha gran frustración", denuncia un dos profesionais consultados.
"No meu centro de saúde as padiolas son obsoletas, só hai un tensiómetro electrónico e un aparello de MAPA. O espirómetro é do ano da polka"
Finalmente, alértase da "precariedade de estruturas, tanto centros como o número de consultas ou a situación dos espazos". "A pesar dos grandes investimentos realizados, aínda hai puntos negros e moitos centros están envellecidos ou envellecendo", denuncia Agamfec, que alerta de que "a reposición de equipamento e funxibles é lento e, sobre todo, imprevisto" e sinala que "en ocasións, os profesionais utilizan recursos propios para compensar as carencias".
"No meu centro de saúde as padiolas son obsoletas, só hai un tensiómetro electrónico e un aparello de MAPA. O espirómetro é do ano da polka. A metade dos oftalmoscopios non funcionan e tardan semanas en arranxarse. Por non ter, non temos nin lavabo na sala de persoal, que debemos compartir cun escáner de man e a fotocopiadora", comparte neste senso un dos profesionais vigueses entrevistados.