Persoal da CRTVG recrúa a protesta ante a escasa resposta ás demandas e o "silencio" sobre a folga

Mobilización do persoal da CRTVG no quinto día de folga © CUT CRTVG

Cun seguimento dun 80% nas cinco xornadas de paros parciais, a modificación obrigada da programación habitual e con escasos avances na negociación coa dirección, a folga nos medios públicos continúa entre o "malestar" do comité pola escasa resposta da Corporación ás demandas do persoal e o anuncio do "endurecemento" das protestas nos vindeiros días. 

O comité de folga prepara xa a mobilización do vindeiro día 19, que coincidirá cunha xornada de paro de 24 horas

O comité centra xa os seus esforzos na folga de 24 horas do vindeiro 19 de decembro, que chegará logo de dúas novas xornadas de paros parciais: a deste venres, que coincidirá ademais co 28º venres negro reivindicativo "contra a manipulación", e a do vindeiro 2 de decembro. Coincidindo ademais con ese paro total de mediados do mes de Nadal, persoal prepara xa unha manifestación que prevé saltar os marcos da propia Corporación para "trasladarlle ao presidente Feijóo o malestar dos traballadores e traballadoras dos medios públicos". 

Aínda por definir, a mobilización do vindeiro día 19 busca recruar unhas protestas que "polo de agora se mantiveron contidas no ámbito da CRTVG", tal e como aclaran fontes do comité, que até o de agora organizou concentracións na sede central en San Marcos. Buscan así tamén rachar co "silencio mediático" que denuncian sobre uns paros que manteñen un seguimento constante e masivo por parte do persoal "contra a manipulación e o desmantelamento" e pola "fin da represión" na que sitúan os expedientes abertos a varios xornalistas críticos. 

A CRTVG céntrase agora en ditaminar os servizos mínimos de cara á folga de 24 horas do día 19 e para os que non hai acordo

Malia os lixeiros avances nas negociacións coa dirección da última xuntanza, a deste xoves resultou inútil no que ten que ver co aumento da produción propia, sobre o que a Corporación chegara a ofrecer aumentala entre 15 e 30 minutos nos programas informativos, ou sobre os "contidos de servizo público" que reclama o comité e sobre os que a dirección se nega a debater. Tampouco houbo avances no que ten que ver coa recuperación das desconexións locais ao centrarse a CRTVG en determinar os servizos mínimos para os paros do 19 e do 22 de decembro, algo sobre o que tampouco hai acordo. 

Ante esta situación, o comité de folga insiste en amosar o seu "malestar" e en denunciar "a falta de capacidade ou de vontade real" para chegar a acordos por parte dos negociadores da CRTVG, cos que se volverán reunir o vindeiro día 5. 

Ao tempo, persoal e mebros do comité de folga amosaron tamén o seu enfado co feito de que os paros secundados pola inmensa maioría dos profesionais non tivesen repercusión en case ningún medio de comunicación galego. O sindicato CUT, maioritario na Corporación, manifestou publicamente o seu malestar ante o "silencio" informativo sobre unhas reivindicacións que semellan que "non existen". 

Mobilización de persoal da CRTVG durante a quinta xornada de paros parciais pola folga nos medios públicos / CUT CRTVG

CCOO denuncia a "invisibilización" da súa organización nos informativos

Tamén denunciou o "silencio" na cobertura dalgunhas informacións o sindicato nacional de CCOO en Galicia, que fixo pública a carta enviada á directora de informativos da CRTVG. Nela, o secretario xeral, Ramón Sarmiento, advertiu do "profundo malestar" da súa organización pola "completa exclusión da cobertura informativa do acto" do pasado 22 de novembro co gallo do 40º aniversario da organización. 

Comisións amosa o seu "profundo malestar" por ser silenciada nunha información malia a cobertura feita pola TVG do acto

"Non houbo referencia ningunha nin no Telexornal Mediodía nin no Telexornal Serán, malia que ao lugar se achegou un equipo da TVG ao que se lle ofreceron todo tipo de facilidades", lembra CCOO, que advirte de que do acto "unicamente se utilizaron declaracións do conselleiro de Industria en relación con Alcoa" malia que o secretario xeral confederal de Comisións, Unai Sordo, e o propio Sarmiento fixeron declaracions sobre o tema. Tamén denuncia o sindicato que nin tan sequera "se fixo referencia ao lugar e contexto" no que se realizaron esas declaracións e insiste en que considera "inaudito e inaceptable" que a televisión pública acuda a un acto no que o organizador e protagonista "sexa completamente invisibilizado". 

CCOO considera "inaudita e inaceptable" a "invisibilización" do sindicato no acto sobre o seu 40º aniversario

Por outra banda, e segundo os resultados do último Estudo Xeral de Medios (EXM), a Radio Galega perdeu 8.000 oíntes de luns a domingo respecto a anterior vaga do pasado xuño e caeu en 26.000 de luns a venres. Con respecto a hai un ano, de luns a domingo gañou 7.000 e perdeu 18.000 de media nos cinco primeiros días da semana. 

En canto á TVG, sitúase de novo como a canle máis vista entre a poboación galega, cunha cota do 12,5% e o liderado na faixa informativa do mediodía, onde o Telexornal e o Galicia Noticias acadan un 35% de audiencia. 

Carta enviada polo secrettario xeral de CCOO-Galicia á directora de Informativos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.