A UE reclama unha saída rápida do Reino Unido e Londres retruca que "non hai présa"

Mentres que en Londres ou en Escocia o apoio á permancia é claro, as pequenas vilas inglesas apostan polo Brexit CC-BY-NC Ian

As sondaxes volvéronse trabucar. A prognosticada vitoria dos partidarios de permanecer na Unión Europea estragouse moi pouco despois de comezar o reconto dos votos. Finalmente, máis de 17 millóns de británicos (51,89% dos votos) impuxéronse aos poucos máis de 16 (48,11%) que querían seguir formando parte da UE. O Brexit venceu tras ser a opción maioritaria coa súa vitoria en 263 distritos británicos. Os partidarios do Remain só gañaron en 119. Tras o veredito das urnas a esixencia da Unión é que a saída se produza o antes posible.

Co correr das horas a diferenza entre as dúas opcións foise axustando nun escrutinio de vertixe, no que os votos a favor de deixar a UE acabaron por imporse. Minutos antes das cinco da mañá, a BBC ditou a súa sentenza: aínda faltaban os resultados de 119 das 382 circunscricións, pero a vitoria do Brexit era definitiva.

"Independence Day!", clamou un exultante Nigel Farage, o líder do partido eurófobo Ukip. Farage falou da "vitoria da xente real, normal, decente" moito antes de que se coñecesen os datos definitivos, e tan só unhas horas despois de ensaiar o recoñecemento da derrota. Ao parecer, nin os máis acérrimos euroescépticos contaban co éxito do Brexit.

Escocia apostou ás claras pola permanencia na Unión 

O mapa de Reino Unido brillaba de amarelo, a cor do Remain, ao norte, horas antes de que acabase o reconto. Con todo, esa non era unha boa noticia para os partidarios da UE. Escocia elixiu maioritariamente quedar na UE e os seus resultados foron dos primeiros en facerse oficiais, pero xa de madrugada era bastante evidente que o fervor europeísta escocés non alcanzaba para inclinar a balanza. Tampouco Londres, co seu enorme peso electoral, foi capaz de reverter a marea azul que foi tinguindo centos de circunscricións en todo o país, especialmente en Gales e Inglaterra. Os resultados en Irlanda do Norte foron unha incógnita até ben entrada a madrugada. Gañou o Remain. Tampouco abondou.

Cameron dimitirá en outubro

A  vitoria do Brexit leva por diante o impulsor do referendo que o fixo posible. David Cameron anunciou que dimitirá como primeiro ministro en outubro, cando se celebre a convención do Partido Conservador. Un anuncio que fixo desde a porta da súa residencia oficial, no 10 de Downing Street, onde asegurou que o país merece "un novo capitán" tras o ocorrido.

"Loitei con paixón polo remain", di Cameron, que sustentou parte da súa vitoria de 2015 no referendo

O líder conservador, que gañou por maioría esmagadora nas xerais de 2015, defendía a opción de permanecer na UE aínda que un dos puntos do seu programa electoral foi a consulta aos británicos sobre a súa relación con Europa. "Necesitamos un novo liderado", dixo Cameron na súa declaración.

"Estou orgulloso de cambiar a historia deste país, loitei con paixón polo remain", asegurou Cameron nun discurso que durou pouco máis de cinco minutos e no que estaba acompañado pola súa esposa, Samantha. "Os británicos decidiron claramente tomar outro camiño, e por iso creo que o país necesita un novo liderado para ir nesa dirección", engadiu.

A Comisión Europea pide unha saída rápida

Tras ser oficial o resultado do referendo, a Comisión Europea pea Reino Unido que acelere o proceso de separación da UE para minimizar o impacto da súa marcha. O presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, dirixiuse aos británicos en rolda de prensa co seu ton máis duro para pedirlles que se apresuren en culminar a separación. En opinión do luxemburgués, alargar o proceso de separación non faría máis que prexudicar a todas as partes pola incerteza acumulada.

A présa de Bruxelas bate co ritmo que Londres quere imprimir: "Non hai ningunha présa", di Boris Johnson

A présa de Bruxelas bate coa repentina calma que xurdiu alén da Canle. O propio David Cameron atrasou o inicio das negociacións para a separación ao pospor até o outono a súa dimisión efectiva. Ademais, os dous principais rostros do euroescepticismo tory, o exalcalde de Londres Boris Johnson e o ministro de Xustiza, Michael Gove, aseguraron que no curto prazo non cambiará nada e pediron ao Goberno que tome o seu tempo para iniciar o proceso.

"Ao votar a saída da UE, é vital destacar que non hai ningunha présa e que, como dixo o primeiro ministro, nada cambiará a curto prazo, agás na obriga de aplicar a vontade popular e de extraer a este país dun sistema supranacional. Non hai necesidade de invocar (agora) o artigo 50", dixo Boris Johnson.

Estes dous ritmos políticos van crear un maremoto nas xa complicadas relacións entre a Comisión Europea e o Goberno de Londres. A UE necesita recomporse rapidamente e disipar as dúbidas que xera o Brexit, sobre todo no plano económico. Pero os británicos teñen tamén agora que perfilar a súa folla de ruta ante un desafío nacional de complexidade administrativa e económica sen precedentes.

Resultados por distritos, coas áreas nas que gañou o Brexit en azul CC-BY-SA MirrorMe22

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.