O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) vén de publicar a edición 2015 de Nós no Mundo, o seu informe anual sobre a Acción Exterior de Galicia. A valoración realizada polo IGADI é, unha vez máis, negativa, como podemos ver na análise realizada por Xulio Ríos, director da entidade, no texto que encabeza o informe, titulado “A descapitalización da acción exterior galega”.
Xulio Ríos destaca que Galicia leva anos dando pasos atrás nun ámbito “onde conseguiramos éxitos significativos e importantes, froito dunha sensibilidade pública que foi capaz de comprender as transformacións operadas no noso entorno e converxer coa sociedade civil para formular as bases dunha alianza por Galicia no eido exterior”. Non é a primeira vez que o IGADI manifesta esta posición, ben a través das edicións anteriores deste informe anual, en entrevistas e mesmo con xestos coma o abandono do propio Xulio Ríos do Consello de Acción Exterior creado por Feijoo debido á súa "inoperancia".
O director do IGADI subliña que a acción exterior do Goberno galego está caracterizada pola “fragmentación”, pois “non hai, non interesa, unha visión integral da acción e presenza de Galicia no mundo
O director do IGADI subliña que a acción exterior do Goberno galego está caracterizada pola “fragmentación”, pois “non hai, non interesa, unha visión integral da acción e presenza de Galicia no mundo, pasando a desandar o camiño e regresando aos compartimentos estancos, a inexistencia de coordinación e a mingua colectiva”. Tamén “a insistencia na internacionalización empresarial como única razón de ser dun acompañamento institucional e político no exterior”. A “desvinculación de calquera proxección identitaria, negativamente asociada a reivindicación nacionalista”. E a “submisión incondicional e acrítica ao ditado diplomático do goberno central”. Neste senso, lembra tamén os obstáculos impostos polo Goberno de Mariano Rajoy á acción exterior das distintas comunidades autónomas.
O IGADI destaca que "o retroceso experimentado nesta década no plano oficial, non imputable directamente á crise senón a unha concepción política negadora deste ámbito da acción pública que desandou co argumento da crise, camiña a contracorrente das grandes tendencias globais", pois "en todos os países, tanto nos máis coma nos menos avanzados, está presente a necesidade de actuar transcendendo con ambición o marco das fronteiras tradicionais". E denuncia que a dinámica negativa emanada do Goberno galego "repercutiu de forma negativa igualmente na capacidade da propia sociedade civil para alargar a súa presenza nos mais diversos ámbitos relacionados coa acción e a presenza exterior".
"En todos os países, tanto nos máis coma nos menos avanzados, está presente a necesidade de actuar transcendendo con ambición o marco das fronteiras tradicionais"
Ríos lembra, así mesmo, que en 2014 fixeron dez anos da publicación do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, unha iniciativa impulsada polo IGADI que “permitía por primeira vez na historia contemporánea da nosa Terra plasmar un detallado horizonte estratéxico para a nosa presenza no mundo, desde unha perspectiva tan plural como rigorosa e cunha folla de ruta capaz de abarcar as mais diversas áreas de actuación”. Ríos sinala que “aquela reflexión-proposta foi posible con unha Xunta de Galicia presidida por Fraga Iribarne e cunha maioría absoluta do Partido Popular” e engade que “hoxe, unha década despois, cun goberno da mesma formación, semella sen embargo que estamos a anos luz daquel tempo”.
"Nun tempo tan convulso como o presente, a acción exterior, tamén das entidades subestatais, non é unha política máis senón que é un dos piares esenciais das políticas públicas", subliña Ríos, que salienta que "para un país como Galicia, nun mundo globalizado coma o actual e cun goberno que con tanta énfase defende o concepto da internacionalización empresarial, non se comprende como, por simple coherencia, non se defende de igual maneira, poñamos por caso, o concepto de internacionalización cultural".
"Precisamos estar no mundo non só cos nosos produtos senón coas nosas xentes, cos nosos proxectos, coas nosas ideas e forma de ser"
"Galicia podería desenvolver unha diplomacia pública con unha presenza institucional multinivel que facilitara a presenza directa no exterior do tecido social" -conclúe- "Porque precisamos estar no mundo non só cos nosos produtos senón coas nosas xentes, cos nosos proxectos, coas nosas ideas e forma de ser".
A oposición e a acción exterior
Ademais da análise realizada por Xulio Ríos sobre as eivas na xestión do Goberno galego neste eido, o informe presenta interesantes achegas sobre o estado da cooperación internacional ao desenvolvemento (Daniel González Palau), a situación do galego e a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas (Valentín García e Alba Nogueira) e a mobilidade transfronteiriza (Constantino Cordal e Enrique José Varela). Pola súa banda, Xoán López Facal analiza a estratexia de internacionalización 2020. E o xornalista David Reinero reflexiona sobre "a empatía da oposición" coa acción exterior a partir do ton amosado polos seus líderes no último debate do Estado da Autonomía.
"Que para o actual Goberno de Galicia a acción exterior non é unha prioridade máis alá da internacionalización da economía galega non é unha novidade. Pero se nun principio a oposición aínda se esforzaba en fiscalizar as políticas do executivo nesa materia e en propor ideas alternativas, nos últimos tempos PSdeG, AGE e BNG parecen querer darlle a razón aos non poucos analistas que veñen advertindo de que o Goberno galego non ten oposición no Parlamento autonómico", escribe Reinero.
Reinero conclúe que o tema non constitúe "unha prioridade" para PSdeG-PSOE, AGE e BNG
O xornalista explica que as forzas da oposisión empréstanlle "pouca atención" á acción exterior de Galicia e que cando o fan "boa parte das súas iniciativas están relacionadas con cuestións da axenda europea (mar e agro, fundamentalmente), á que resulta ben difícil cualificar a estas alturas como unha cuestión exterior". De igual xeito, comenta que "as viaxes internacionais de membros do Goberno galego só están a servir para que a oposición poña en dúbida o seu custe e a súa falta de transparencia, non para que se analicen os seus efectos prácticos nin para ofrecer ideas alternativas" ou que "Portugal e a Eurorrexión hai tempo que non aparece nos debates principais da Cámara". Reinero conclúe que o tema non constitúe "unha prioridade" para PSdeG-PSOE, AGE e BNG.