160.000 euros foi o custo do resultado máis visible da XXVIII Cimeira Ibérica entre España e Portugal celebrada o luns en Baiona. Ese é o importe que gastaron o Concello de Baiona, a Deputación de Pontevedra e Paradores no asfaltado dos 700 metros da estrada de acceso á fortaleza de Monterreal na que se celebrou o encontro. Do resto do contido das reunións, nin o presidente español, Mariano Rajoy, nin o primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, foron quen de dar detalles sobre o efecto final práctico na vida dos seus concidadáns máis alá de vagas declaracións de intencións para o futuro.
A cimeira ibérica de Baiona, pouco máis dun par de horas de reunións entre ministros, saldouse oficialmente cunha declaración conxunta de 14 folios que comeza cunha defensa pechada dos recortes económicos realizados polos gobernos conservadores de ambos os dous países e cunha aposta por “proseguir na senda das reformas” iniciadas. Logo, a mesma orde das áreas temáticas tratadas xa rebela as prioridades: Interior; Xustiza; Turismo; Enerxía; Fomento; Política Social, Emprego e Seguridade Social; Educación e Cultura; Sanidade (“os xefes de goberno congratúlanse da sinatura do acordo administrativo en materia de traslado de cadáveres”, é todo o que ocupa ese apartado nos 14 folios totais); Defensa, Medio Ambiente; Pesca; e Asuntos Exteriores.
Do publicitado con respecto a todas esas áreas, o acordo de maior rango asinado na cimeira foi un tratado de cooperación en materia de Defensa “que amplía ao plano bilateral o seu actual nivel de colaboración conxunta na esfera internacional”. Isto é, que as forzas armadas dos dous países se relacionen directamente entre elas como xa o fan hai décadas na OTAN. Do resto de asuntos, o máis relevante foi a constatación de que a electrificación de toda a liña ferroviaria entre Vigo e Porto, na que agora se tarda o dobre que por estrada, non estará en servizo ata 2019, dous anos máis tarde do previsto ata agora pola incapacidade de Portugal de rematar antes as obras. Para esa comunicación unilateral, probablemente, non facía falta que se reunisen os ministros.
O máis relevante foi a constatación de que a electrificación de toda a liña ferroviaria entre Vigo e Porto estará en servizo dous anos máis tarde do previsto
Mentres, e malia a que se eloxiou que “España e Portugal constitúen un exemplo a imitar polo seu elevado nivel de integración”, os sistemas de pago de peaxes levan desde 2009 sendo unha tortura para os condutores dos dous lados da raia. Seis anos nos que algo se avanzou desde a caótica falta de comunicación inicial entre os gobernos entón socialistas de José Luis Rodríguez Zapatero e José Sócrates. Pero seis anos tras os que aínda non se pode dicir que calquera cidadán de España ou Portugal poderá circular libremente co seu vehículo por calquera estrada do país veciño exactamente igual que o fai no seu propio país, sen preocuparse por averiguar previamente como pagar unha peaxe ou se será multado.
A Eurorrexión hai anos que está perdendo protagonismo nas iniciativas políticas da Xunta en detrimento da Macrorrexión ampliada a Castela e León
As cimeiras ibéricas hai tempo que están devaluadas, como a propia relación entre administracións de distintos rangos de ambos os dous países, salvando algunha honrosa excepción. No ámbito galego, a atención que a Xunta presta a Portugal non é maior. Por iso sorprendeu a moitos a recente decisión do presidente portugués, Aníbal Cavaco Silva, de outorgarlle a segunda máis alta condecoración da República, a Grã-Cruz da Ordem do Infante D. Henrique, ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Segundo salientou a propia Xunta, Feijóo gañou a distinción, que Manuel Fraga nunca recibiu, fundamentalmente por dous motivos: o “pulo” dado á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e o “aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía” en Galicia a través da denominada Lei Paz Andrade. Porén, a Eurorrexión hai anos que está perdendo protagonismo nas iniciativas políticas da Xunta en detrimento da Macrorrexión ampliada a Castela e León. E a Paz Andrade foi unha Iniciativa Lexislativa Popular á que os partidos se sumaron posteriormente e sobre cuxa concreción práctica aínda nada ten dito o Goberno galego.
Segundo o alcalde, a reunión contribuíu a situar a Baiona no mundo. A cambio de 160.000 euros en piche, habería que engadir
Pero volvamos ao piche. Probablemente a entrada ao Parador de Baiona estaba necesitada de asfalto. Hai tempo. Pero a cuestión é que o propio alcalde, o popular Jesús Vázquez Almuiña, vinculou a obra coa celebración da cimeira. Segundo as súas verbas, a reunión contribuíu a situar a Baiona no mundo. A cambio de 160.000 euros en piche, habería que concluír. O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), que durante anos, e en varias etapas, apostou por Baiona como a súa sede sen apenas apoio municipal, debería dedicarse ás obras públicas.