Visto dende o futuro

Podemos está aquí para quedar. Dende que irrompeu nas eleccións europeas de 2014 o novo partido non incorreu en ningún erro significativo. Ao contrario, é mérito seu introducir unha nova orde de discurso na política española, invertendo a lóxica da culpa colectiva (ese  “estabades vivindo por riba das vosas posibilidades” introducido polas elites para ocultar a súa responsabilidade) e polarizando a confrontación con esa narrativa. Ademais, nun tempo record, están conseguindo erguer un partido de nova planta. Aos que temos anos Podemos pódenos lembrar ao PSOE da transición: aquel partido que en Lugo tiña un único militante converteuse da noite á mañá na forza dominante da transición. O de Podemos ten aínda máis mérito porque carece daquel soporte que o PSOE tiña nos que querían, e conseguiron, teledirixir o paso do franquismo á democracia. Por máis que Pablo Iglesias tivese a plataforma da Sexta nin de lonxe se acerca ao apoio que os socialistas tiveron non só na Fundación Friedrich Ebert e similares. O PSOE era unha das cartas a xogar polos poderes de aquí e de acolá na atmosfera da época, tan condicionada polo fantasma do comunismo e polo exemplo da Revolución Portuguesa.

Con Podemos toma corpo a oposición ás políticas de austeridade

Con Podemos toma corpo a oposición ás políticas de austeridade. Podemos expresa o malestar dun país devaluado entre un 20 e un 30% -vivimos en épocas en que se pode cuantificar a dor- e dálle voz aos damnificados, especialmente aos precarios que viron coutadas radicalmente as súas posibilidades de normalización social. O sistema expulsou a toda unha xeración do seu paraíso e esa xeración, moi educada e cultivada, deulle forma á contestación saíndo case da nada. Podemos é, nese sentido, unha milagre fascinante.

No peor dos casos Podemos imprimiulle un xiro á esquerda ao discurso do PSOE e contribuíu a esnaquizar, moi velozmente, a hexemonía ideolóxica da dereita

Unha milagre que, repito, está aquí para quedar. No peor dos casos Podemos imprimiulle un xiro á esquerda ao discurso do PSOE e contribuíu a esnaquizar, moi velozmente, a hexemonía ideolóxica da dereita. Iso, expresado na aritmética parlamentaria podería querer dicir, para entendernos, entre corenta e cincuenta deputados. Pero é que cabe que Podemos substitúa ao PSOE. Non está fóra de lugar imaxinar que poda gañarlle á batalla a ese partido e que quede por riba del nas próximas eleccións xerais. Se Podemos polariza, como sucedeu en Madrid ou Barcelona, na Coruña como en Compostela, o camiño está expedito. 

Podemos está dixerindo a IU e articulando un novo segmento que inclúe sectores nacionalistas. O discurso de ruptura do réxime do 78 é o nexo de unión

Polo momento Podemos está dixerindo a IU e articulando un novo segmento que inclúe sectores nacionalistas. O discurso de ruptura do réxime do 78 é o nexo de unión. Aínda veremos, naturalmente, moitas fases da transubstanciación. É de prever que os liderados finais xa non sexan os de Iglesias ou Errejón. Han de aparecer novos rostros que encarnen esa mensaxe, como San Xoán deixou paso ao Mesías. Ou, se prefiren outras referencias, como Trotsky pasou a ser o profeta desarmado que narrou Isaac Deutscher. A revolución, xa se sabe, devora aos seus fillos.

Visto dende o futuro, cabe que o nacionalismo quede subsumido pola forza expansiva do ciclo que se abre, pero tamén existe a posibilidade de que saiba emerxer despois de mergullarse nas augas profundas

Así que Podemos está aquí para quedar. Podemos, un partido convencional, formará parte da nosa paisaxe futura. Non é arriscado facer ese prognostico. Agora ben, visto dende o futuro, que será do nacionalismo galego que arrastra unha crise tan profunda? Desaparecerá o BNG coma IU, con quen garda tantas analoxías? Que será de Anova, que tivo o seu momento estelar nas pasadas autonómicas? Agárdanlle os Idus de Marzo? Serán absorbidos pola forza da nova corrente ou conseguirán construír un novo espazo máis amplo, o que, sen dúbida, obrigará a revisar o que foi a súa narrativa? Non é imposible que o nacionalismo quede estabilizado nesa eterna marxe que contenta aos fieis, pero carece de toda influenza digna de consideración. A outra posibilidade implica unha repristinación de tal calibre que costa traballo imaxinala.

En definitiva, visto dende o futuro, cabe que o nacionalismo quede subsumido pola forza expansiva do ciclo que se abre, pero tamén existe a posibilidade de que saiba emerxer despois de mergullarse nas augas profundas. Non creo que podan caber dúbidas acerca do peso que Podemos vai ter na España que se acerca. No poder e na oposición vai marcar o paso. O nacionalismo galego, no entanto, está no final dun ciclo ou no comezo doutro, segundo coma se mire.

O resultado das eleccións municipais non augura nada bo para o BNG nas próximas xerais. Podería quedar arrasado. ANOVA, pola súa parte, só pode concorrer metamorfoseado nas Mareas, que –é de esperar- poden atopar nelas unha nova rampa de despegue. Con todo, as Mareas, neste momento a forza con máis futuro sobre o papel, deben resolver enormes dilemas. O primeiro: continúa a incógnita sobre se Podemos estará fóra ou dentro delas. Un deses dilemas será non o do nacionalismo, neste preciso momento fóra de campo, senón a pregunta acerca de cal ha de ser o seu futuro, cando os espazos se normalicen.

O resultado das eleccións municipais non augura nada bo para o BNG nas próximas xerais. Podería quedar arrasado. ANOVA, pola súa parte, só pode concorrer metamorfoseado nas Mareas

As Mareas poden bascular sobre Podemos, e converterse en algo para dixerir, como IU, ou sobre o pivote nacionalista. Nese caso alguén tería que responder que nova identidade lle correspondería a ese nacionalismo refundado, en que podería consistir a modernización do seu discurso –Anova non ten introducido ningunha novidade especial sobre ese particular-. A terceira posibilidade, inaudita, sería sentar as bases do que teño chamado noutra ocasión unha nova ORGA. Non está esta opción presumida polos analistas de turno, que tampouco souberon prognosticar nin o auxe nin a caída de AGE: no entanto as cousas ocorren.

En Galicia todo parece indicar que estamos ás portas dunha recomposición na que a figura final aparece moi incerta

Sexa coma for, estamos, en España, ante a emerxencia dunha nova forza que disputa o eixo da esquerda, a hexemonía nese ámbito. En Galicia todo parece indicar que estamos ás portas dunha recomposición na que a figura final aparece moi incerta. Con todo, visto dende o futuro, parece evidente que se dará nalgún momento unha disxuntiva: ou emerxe unha nova forza nacional galega con aspiracións de ser maioría que tería nas Mareas o seu modelo ou acaso Podemos se leve o premio de gañar para si o que PSOE e BNG, e acaso AGE, lle deixaron nestes anos. Existen, por suposto, máis posibilidades –que todo se vaia polo sumidoiro entre elas-, pero imaxino que é mellor non pensar nelas, aínda que resulta tan fácil, vistos os antecedentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.