Fraudes, complicidades e denuncias

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (IV)*

Cando o ano 2015 estaba a piques de rematar enterámonos de que Ocasa, empresa construtora que formaba parte, nos inicios, da UTE responsable da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), debe a Facenda case quince millóns de euros. Na lista de morosos, feita pública polo Ministerio, figura esta empresa ourensá, que tiña o dez por cento de participación na concesionaria, que tivo que vender ao resto da UTE, ante as presións da Xunta, por entender que podía “intoxicar” o financiamento da infraestrutura debido á súa delicada saúde contable.

Non é a primeira vez que esta empresa é sinalada pola súa actuación fraudulenta. Xa en 2011 Competencia sancionou cunha multa de oito millóns de euros a cinco empresas galegas, entre as que estaba Ocasa, despois de investigar unha rede coñecida como “o cartel do asfalto”. Foron acusadas de acordar ofertas á baixa en concursos públicos para presentar licitacións ás Administracións públicas como empresas que competían entre si, aínda que na realidade tiñan un pacto para repartirse os contratos. Esta forma de proceder, tan pouco edificante, é, por desgraza, moi frecuente no mundo da construción.

Pero non só as empresas teñen unha actuación impropia e fraudulenta. Tamén a Administración, neste caso, realizou actuacións cómplices que son, cando menos, moi dubidosas en canto á súa legalidade. Ben sabemos que a contratación de obra pública debe someterse ás disposicións do Tratado da UE. As normas europeas son moi estritas no que respecta ao uso dos seus fondos, sobre todo na posible utilización privada dos mesmos. Xa contamos que a UTE encargada de construír o novo hospital de Vigo non foi quen de conseguir financiamento pois as entidades bancarias tiñan serias dúbidas sobre o proxecto. Neste caso a UTE recibiu axuda do propio goberno de Núñez Feijoo, que recorreu a un préstamo do Banco Europeo de Investimentos. As empresas afectadas, que integran a UTE,  son Acciona, Puentes e Calzadas, Veolia e Concessia. A metade do financiamento para as obras veu do sector público, pois ao crédito do BEI hai que sumar o préstamo de 30 millóns outorgado por Axis, xestora de capital risco participada integramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Esta actuación, presuntamente impropia e ilegal (pois no contrato consta de forma explícita que o financiamento da obra será por conta e risco da empresa concesionaria), foi denunciada pola AGDSP ante a Comisión Europea. Esta organización defensora da Sanidade Pública denunciou o incumprimento no contrato de financiamento e tamén a fórmula administrativa elixida –concesión pública-, cando en realidade se trata dunha colaboración público-privada. A denuncia xa foi admitida a trámite pola UE no mes de novembro de 2015. Nunha rolda de prensa, o doutor José Emilio Santiago (AGDSP) destacou que este non é un trámite exclusivamente simbólico: "Vaise abrir un procedemento de doce meses no que a Comisión dará audiencia á outra parte (goberno da Xunta) para que alegue e argumente, e nós como denunciantes teremos acceso a esas alegacións. Posteriormente a Comisión examinará as argumentacións expostas por unha e outra parte e iso pode levar á apertura dun procedemento de infracción ou ao arquivo da causa. Se abre un procedemento de infracción, temos as bases postas para esixir a reparación da legalidade e proceder a un rescate da concesión”. Poden existir vulneracións de partes esenciais do contrato e dos criterios de competencia: alteraron por completo as condicións de financiamento, non hai unha transferencia de riscos, e podería mesmo falarse dunha axuda ilegal do Estado. Agora a Comisión Europea ten a palabra.

* Le aquí a primeira parte. A segunda parte. A terceira parte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.