0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Deficit, crecemento económico, emprego

Hai escasamente unha semana o CPFF (Consello de Política Fiscal e Financeira) aprobaba fixar o 0,6% como obxectivo do déficit das CCAA para o ano 2017. Un obxectivo fiscal que so contou co apoio da metade das CCAA –as gobernadas polo PP mais Canarias-. Un obxectivo fiscal que se complementaría co do 0,3% para no ano 2018 e o 0% -equilibrio fiscal- no 2019. Pola súa parte a débeda pública non deberá situarse por riba do 24,1% no ano 2017, o 23,6% no 2018 e o 22,7% no 2019.

Nesta nova xuntanza do CPFF unha vez mais a representación da Xunta de Galicia (PP) comportouse coma un fiel defensor da política neoliberal e centralista do goberno español de torno (PP). Dar o seu beneplácito a tal política, de axuste fiscal compulsivo, non é sómente apostar, como se está vendo, por disparar as desigualdades sociais en Galiza e en España senón tamén por que os históricos desequilibrios territoriais se consoliden e agudicen. 

Co gallo de embridar este dogma fiscal o goberno español de torno (PP) sacou no seu día a Ley Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera (BOE 103 de 30 de abril do 2012) que xa no seu limiar introduce o dogma fiscal sobre o déficit:  “A estabilidade orzamentaria consagrada constitucionalmente, é a base para impulsalo crecemento e a creación de emprego na economía española, para garantir o benestar dos cidadáns, crear oportunidades aos emprendedores e ofrecer unha perspectiva de futuro máis próspera, xusta e solidaria.

A salvagarda da estabilidade orzamentaria é un instrumento indispensable para lograr este obxectivo, tanto para garantir o financiamento axeitado do sector público e os servizos públicos de calidade sobre os que descansa o sistema de benestar como para ofrecer seguridade aos investidores respecto á capacidade da economía española para medrar e atender os nosos compromisos”.

Toda unha declaración de principios metafísicos –isto non é economía senón metafísica: homilías como diría o profesor P. Samuelson- derivados dun dogma neoliberal que, como mostran tódalas evidencias, non resiste nin a mais mínima análise empírica. Sáibase que a historia móstranos como nunca, repito, nunca na economía mundo capitalista deuse un caso no que, nunha economía en crise, o crecemento económico e a creación de emprego se apoiara en políticas de consolidación fiscal e/ou estabilidade orzamentaria, políticas chamadas procíclicas. E son incontables os casos en que estas políticas si conduciron aos países que as aplicaron (Latino América, Sueste Asiático, Leste Europeo, Europa do Sur..) a unha longa e terrible crise económica e social da que so saíron cando cambiaron o rumbo das súas políticas (J. E. STIGLITZ: “El malestar de la globalización”, Edit. Taurus, E. TOUSSAINT: “La bolsa o la vida, las finanzas contra los pueblos”. Edit. Tercera Prensa).

Antes de analizar os resultados derivados da aplicación desa lei cumpre subliñar que a referencia que se fai a “estabilidade orzamentaria consagrada constitucionalmente” refírese a modificación que no seu día o goberno de J.L. Zapatero (PSOE) co apoio do PP fixo na Constitución Española, e mais en concreto no seu artigo 135. Modificación que supuxo por os intereses da banca por riba dos intereses da maioría dos cidadáns como se pode ver na redacción final: “1. Tódalas Administracións Públicas axeitarán as súas actuacións ó principio de estabilidade orzamentaria, 2. O Estado e as CCAA non poderán incorrer nun déficit estrutural que supere as marxes establecidas, no seu caso, pola Unión Europea para os seus Estados Membros. Unha lei orgánica fixará o déficit estrutural permitido ao Estado e as CCAA en relación co seu produto interior bruto. As Entidades Locais deberán presentar equilibrio orzamentario, 3. O Estado e as CCAA terán que estar autorizadas pola lei para emitir débeda pública e contraer crédito. Os créditos para satisfacelos xuros e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pago gozará de prioridade absoluta (……). O volume de débeda pública do conxunto das Administracións Públicas en relación co PIB do Estado no poderá superalo valor de referencia establecido no Tratado de Funcionamento da Unión Europea (….) 6. As CCAA, de acordo cos seus respectivos Estatutos e dentro dos límites a que se refire este artigo, adoptarán as disposicións que procedan para a aplicación efectiva do principio de estabilidade nas súas normas e decisións orzamentarias”.

Quedou así en evidencia, como sinalei anteriormente, que a modificación constitucional fíxose para poñer os intereses dos bancos –que son os maiores titulares de bonos da débeda pública española- por riba dos intereses dos cidadáns españois. Ademais de embridar, sen equívocos, as políticas de consolidación fiscal ou de estabilidade orzamentaria. Un auténtico disparate dende o punto de vista político e económico. Sáibase por caso que eses criterios do déficit nin teñen base científica nin xustificación algunha, que os mesmos fundamentos económicos que se empregan para xustificar eses obxectivos para o déficit poderían utilizarse para fixar déficits do 4, o 6 ou o 10%. Uns criterios que son un disparate pero que, nembargantes, trouxeron aparellada unha grande perda de soberanía por parte tanto das CCAA como do Estado español.

Que pasou en España, e en Galiza, nos derradeiros anos en relación a eses obxectivos fiscais?.  Pois que, segundo se recolle nos respectivos Informes sobre o grado de cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira do Ministerio de Facenda, son cada vez menos –en número- as comunidades autónomas que cumpren o primeiro dos obxectivos –estabilidade orzamentaria- sendo maioría as comunidades autónomas que o incumpren (8 de 17 no ano 2013, 14 de 17 no ano 2015) ao tempo que a administración central case nunca o cumpre. En relación ao obxectivo de sostenibilidade financeira sucede practicamente o mesmo cun incumprimento xeral por parte das administracións autonómicas (agás o ano 2015) mentres a administración central si cumpre os obxectivos que se lle fixan sen por iso evitar que se dispare a débeda pública. Se cando estalou a crise económica (2008) a débeda pública española equivalía ao 40,2% do PIB español e a débeda galega o 6,7% do PIB galego, pecharemos 2016 cunha débeda española equivalente ao 101% do PIB español e unha débeda galega equivalente ao 19% PIB galego –neste caso significa que triplica o seu valor ao pasar dos 3.950 millóns de euros aos 10.625-

Os datos empíricos poñen así en evidencia que, a pesares dos enormes esforzos fiscais –a xeito de brutais recortes no gasto público- feitos pola maioría das comunidades autónomas estas non son quen de cumprilos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira. Non son quen de cumprilos por ser un despropósito e estar carentes de toda lóxica económica e fiscal: si se recortan os gastos –demanda- estes detraerán os ingresos –oferta- desequilibrando a balanza fiscal e disparando os déficits e con eles a débeda pública. O balance final, nestes anos de duro axuste fiscal tanto a nivel autonómico como central, debera ser suficiente para dar un xiro radical nas políticas fiscais impostas en España, e en Galiza, co gallo da crise económica.

Unhas políticas que ademais de non conseguir os obxectivos fiscais fixados provocan que se disparen as desigualdades e a pobreza. Cando estalou a crise o PIB/per capitá galego equivalía ao 90,7% do PIB/per capita medio de España, agora equivale ao 87,7% -cunha perda en termos reais de 6 puntos tal que a sitúa no furgón de cola das CCAA con menor crecemento económico-. Neste mesmo período perdéronse en Galiza mais de 175.000 empregos ao tempo que supera os 205.000 a cifra de parados. Un período no que se acadaron en Galiza uns niveis de desigualdade e pobreza sen precedentes: o número de familias galegas en risco de pobreza e exclusión supera o 23%, e o de familias que teñen enormes problemas para chegar ao fin de mes o 36%.

Se con esas políticas, que teñen entre os seus principios fiscais a estabilidade orzamentaria e a sostibilidade financeira (amais do teito do gasto), non hai crecemento económico, nin creación de emprego e ao tempo medran a desigualdade e a débeda pública, como se pode manter que son a base para impulsar o crecemento económico e a creación de emprego? Como se poden seguir aplicando?

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista, xubilado. Membro do Consello de redacción de Tempos Novos e da revista Claridade. Asinante do manifesto do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Ampla experiencia en temas de desenvolvemento rural, xestión económica e proxectos de emprego e desenvolvemento.