Escollemos seguir adiante

Sirva este escrito como aclaración necesaria ante as afirmacións feitas publicamente polo señor Eduardo Alonso con motivo da concesión este ano do Premio María Casares de Honra Marisa Soto en recoñecemento a toda a súa carreira no ámbito das Artes Escénicas, e que aproveito para celebrar desde aquí.

Pido ao señor Alonso que, ao igual que fago eu, non tome ningunha das observacións que me dispoño a escribir como algo persoal. No meu ánimo está tan só matizar determinadas declaracións referidas directamente á miña persoa e á miña actividade á cabeza do Centro Dramático Galego que considero non se corresponden coa realidade e ás que, polo tanto, quixera responder coa claridade necesaria.

Di o señor Alonso que non teño proxecto para o CDG. Por suposto teño un proxecto para o Centro Dramático Galego, de feito era un dos requisitos imprescindibles para presentar candidatura á dirección

Di o señor Alonso que non teño proxecto para o CDG. Por suposto teño un proxecto para o Centro Dramático Galego, de feito era un dos requisitos imprescindibles para presentar candidatura á dirección da devandita institución.  Teño polo tanto un proxecto presentado, avaliado e aprobado por un tribunal sobre outros proxectos igualmente válidos desde un punto de vista artístico e probablemente brillantes. Por un tribunal conformado por recoñecidos profesionais dos distintos ámbitos das Artes Escénicas galegas. E é o meu afán cumprilo dentro do marco de realidade da institución, para o que se require estar á busca permanente do equilibrio entre Administración e actividade artística.

Non se atopan solucións dando puñadas en mesas, portadas despois de berrar un par de verdades (por moi verdadeiras que sexan) ou abandonando proxectos artísticos, a pesar das dificultades que poidan xurdir no camiño. Talvez non sexa esta a postura máis popular, pero creo firmemente que a única forma de buscar solucións é traballando día a día e non desistindo no empeño, sabendo que de cada dous pasos que deamos adiante teremos que retroceder un.  E creo que o señor Alonso non só o sabe, senón que o practica.  El mesmo tense dedicado á busca de camiños posibles para o teatro galego, vendo e sabendo que algúns dos muros que lograra derrubar se ían construír de novo, en ocasións incluso con nocturnidade e aleivosía.

Non se atopan solucións dando puñadas en mesas, portadas despois de berrar un par de verdades (por moi verdadeiras que sexan) ou abandonando proxectos artísticos, a pesar das dificultades que poidan xurdir no camiño

Como moi ben sabemos todos, non é o mesmo preparar unha viaxe que emprendela. Parte do pracer dunha viaxe é imaxinala de xeito potente antes de que teña dado comezo. Durante a preparación, tratamos de evocar os lugares que imos visitar no futuro, tal e como cremos que serán, os seus arumes, as súas cores, as súas atmosferas. Unha vez en ruta, descubrimos que moitos deses lugares nos sorprenden, mentres que outros nos decepcionan. Pero non por iso abandonamos a viaxe ás  primeiras de cambio, para regresar a casa convencidos de que o mundo non ten xa nada que nos ofrecer. Pobres viaxeiros seríamos nese caso. Si é certo que ás veces aqueles que escolleramos como compañeiros de viaxe deciden non seguir compartindo a aventura, por resultarlles demasiado penosa, ou simplemente por un lexítimo cambio de opinión a metade do percorrido. Esas decisións son tan dolorosas de tomar como de aceptar, e poden afectar o percorrido da viaxe. Talvez nos vexamos obrigados/as nese caso a propoñer unha ruta alternativa, pero non necesariamente temos que abandonar.

Por que non decidiu dimitir el da actividade coa súa compañía hai tempo? Talvez sexa porque, coma min, pensa que é mellor seguir facendo mentres se tratan de cambiar as circunstancias, que permanecer paralizado ou abandonar os nosos propósitos

O señor Alonso afirma que, de ter sido eu, xa tería dimitido hai tempo. Hai tempo en todo caso non  podería ter sido, porque levo pouco máis dun ano no posto. Pero, de calquera forma, non podo deixar de preguntarme: se el tivera dimitido de ter sido eu por considerar que non podía levar a cabo o meu  proxecto artístico (logo finalmente si teño proxecto), e tendo recoñecido na mesma entrevista que a súa compañía non se atopa no lugar que el tería desexado, por que non decidiu dimitir el da actividade coa súa compañía hai tempo? Talvez sexa porque, coma min, pensa que é mellor seguir facendo mentres se tratan de cambiar as circunstancias, que permanecer paralizado ou abandonar os nosos propósitos.

Entendo o señor Alonso, porque escollo practicar a empatía, e porque os dous compartimos unha  paixón: o teatro. Entendo a súa rabia, e a frustración que esa rabia xera, ao analizar a súa traxectoria artística nun ámbito non propicio para os artistas, non polo menos como sería desexable. Entendo o seu desacougo ao avaliar as circunstancias das Artes Escénicas de hoxe respecto ás da súa mocidade.  El pertence a unha xeración moito máis afortunada ca miña; tocoulle  vivir tempos moito máis favorables para a cultura que á miña. Porén, a miña xeración, máis alá de buscar os responsables da situación que herdamos, temos escollido seguir adiante co teatro mentres loitamos por mellorar esas circunstancias herdadas.

Espero de corazón, señor Alonso, que vostede e mais eu nos atopemos algunha vez en algún punto das nosas viaxes. Espero que nos atopemos, non que nos desatopemos nin nos ataquemos

Espero de corazón, señor Alonso, que vostede e mais eu nos atopemos algunha vez en algún punto das nosas viaxes. Espero que nos atopemos, non que nos desatopemos nin nos ataquemos. Aspiro incluso a que, se durante a travesía cometo algunha omisión,  sinta vostede a liberdade de comunicarmo, como teño feito e seguirei facendo eu sempre que se ten dado o caso. Aspiro a que todas e todos, como compañeiros que somos no teatro, permanezamos unidos na busca dos beneficios para as Artes Escénicas. Non preocupados tan só por conseguir o noso beneficio no teatro, senón o beneficio do teatro para todo o mundo. E espero que, dunha vez, poidamos seguir facendo teatro, e non todo isto que facemos, sexa o que sexa, cando nos atacamos, nos recriminamos e nos acusamos; é dicir, cando nos dividimos. Porque temos traballado moito, seguimos traballando moito, e temos moitas ganas de traballar moito máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.