Toponimia en galego

Se hai un topónimo de moda estes días é, sen dúbida, Cataluña, por veces escrito Catalunya e Catalunha; mais poucos galegos saben que nos tres casos estamos a usar unha palabra foránea porque a auténtica en galego é Cataloña. Cataluña é un catalanismo no mesmo castelán, mais foi, probabelmente, a partir deste que pasou ao resto das linguas ibéricas, cando menos no caso galego así ocorreu. A forma latina Catalonia, usada xunto coa forma “Catalaunia”, é a orixe da maior parte das formas usadas nas linguas europeas: Catalonia (inglés, noruegués, romanés), Catalogne (francés), Catalonha (occitano), Catalogna (italiano), Katalonien (alemán, sueco), Catalonien (danés), Katalonia (finés, polaco, albanés), Catalonië (neerlandés), Katalónia (húngaro, islandés), Katalonija (croata, esloveno) etc., coa excepción de Katalánsko (checo, eslovaco) e as que asumiron a forma catalá, ben directamente ou por medio do castelán: Catalunya (catalán, aragonés), Cataluña (castelán, galego, asturiano), Catalunha (portugués), Katalunia (basco) e Catalugna (sardo, siciliano) –non esquecendo que ambos os territorios pertenceron á Coroa de Aragón–. Por que estou tan seguro de que a forma patrimonial galega é Cataloña? Porque ao consultar o TMILG esta forma aparece rexistrada 9 veces, no s. XIII, nas súas variantes escritas: Cataloña (1. Ex.: de Cezilia, de Gascona, de Cataloña, de Aragõ), Catalona (2. Ex.: rrey dõ Fernando gãanou Lora et Catalona), Catalonna (5. Ex.: un miragre en terra de Catalonna) e Catalonha (1. Ex.: dia e vay-s’a Catalonha), mentres que “Cataluña”, a forma actual, non se rexistra.

É un feito constatábel ao consultarmos o dicionario da RAG como a toponimia de fóra de Galiza non recuperou as súas formas propias na maioría dos casos, sendo apenas unha mera copia da toponimia castelá coas pertinentes modificacións ortográficas cando fose preciso: Los Ángeles / Os Ánxeles, Nueva York / Nova York (port: Nova Iorque), Bucarest / Bucarest (port: Bucareste), Budapest / Budapest (port: Budapeste), Venecia / Venecia (port: Veneza), Florencia / Florencia (port: Florença) etc; mesmo se rexeitan antigos topónimos plenamente asentados na fala popular como “Bos Aires” pola súa forma castelá “Buenos Aires”.

Mais existe unha importante documentación de toponimia en galego de cidades e terras foráneos, que se foi perdendo cando a nosa lingua deixou de se usar nos escritos para ficar como lingua fundamentalmente oral, daquela estas palabras coma o resto sofreu o mesmo proceso de castelanización onde o termo da lingua dominante e prestixiada debía substituír o patrimonial.

Se consultarmos de novo o TMILG e procuramos determinados topónimos actuais non os acharemos, mais a procura dará sorpresas como ver as formas auténticamente galegas deses topónimos que aparentemente non teñen/tiñan denominacións na nosa lingua: Madrid / Madride, Valladolid / Valadolide, Oviedo / Ovedo, Zaragoza / Saragoça, Valencia / Valença, Francia / França, Escocia / Escoça etc.

Como pasou co resto do vocabulario, a influencia do castelán tamén incidiu na toponimia, tanto na galega coma na foránea, mais nesta última con maior forza por se trataren de palabras que non vivían na boca cotiá do pobo. Daquela cando chegaban de novo a xente esquecera que xa tiñan denominación galega antano, tal como se ve nos textos medievais: França, Alemaña, Proença, Cataloña, Gascoña, Biscaya etc. Se para fixar a toponimia galega correcta se botou man dos documentos antigos escritos na nosa lingua, por que non se fixo o mesmo para restaurar tamén a toponimia de fóra seguindo esa mesma documentación antiga en galego?

Explorando o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega na procura de toponimia peninsular comprobamos que Zaragoza non aparece pero si Saragoça (103 rexistros), dende o s.XIII ao XVI; e o mesmo ocorre con Valencia (0 rexistro) por Valença (195 rexistros), Murcia (2 rexistros) por Murça/Murza (61 rexistros), Córdoba/Corduba (4 rexistros) por Córdova/Cordoua (310 rexistros), Almería (1 rexistro) por Almaría (14 rexistros) –que vén do árabe al-Mariyyat–, Málaga (0 rexistro) por Malega (10 rexistros), Cuenca (5 rexistros, 4 deles do s.XV) por Conca/Cunca (14 rexistros), Zamora (2 rexistros) por Çamora (94 rexistros), Oviedo/Ovyedo (15 rexistros, 14 deles do s.XV) por Ovedo/Ouedo/Ovido (54 rexistros), Huesca (0 rexistro) por Osca (13 rexistros), Badallouce (2 rexistros) e Badalouço/Badalouce (3 rexistros) por Badaxoz (0 rexistros), Abilles (9 rexistros) por Avilés (0 rexistros), Mallorca (0 rexistro) por Mayorgas (10 rexistros) e Menorca (0 rexistro) por Menorgas/Mjnergas (2 e 1 rexistros respectivamente), Palencia (0 rexistro) por Palença (35 rexistros) etc. Obviamente hai moitos topónimos coincidentes xa dende entón: Sevilla (119 rexistros contra 9 de: Sivilla/Sivilia), Ávila (20 rexistros contra 1 de: Auela), Segovia, Granada, Xaén (escrito como: Iahen, Geen, Jaen, Jahem, Iahem etc), Mérida, Cáceres (escrito como: Caçeres), León (rexistrado como Leon: 282, Leom: 112, Leo: 6 e Leao: 0) Toledo (tamén escrito como: Tolledo), Santander, Barcelona/Barçelona (14 rexistros contra 3 da variante: Barçalona), Xátiva (13 rexistros como Xatiua), Teruel, Tarragona etc.

E dentro dos topónimos galegos temos o caso ben curioso da Coruña, famoso pola guerra lingüística galego-castelá ao redor do seu artigo; unha contenda totalmente errada, dado que o verdadeiro nome galego da cidade herculina é a Cruña, tal como demostra con innegábel contundencia a documentación medieval, que usa este termo 170 veces, dende o s.XIII ao s.XVI, baixo as formas: Crunna (101 veces), Cruña (50 veces), Cruna (15 veces), Crunia (3 veces) e Crunha (1 vez) fronte a Coruña que aparece 5 veces, coas formas: Coruña (3 veces no s.XV), Corunia (1 vez no s.XIV) e Coruna (1 vez no s.XV). Se comparamos estes datos cos que temos do topónimo restituído Ourense, que non levantou polémica ningunha: Ourense (e tamén minoritariamente Ourens) rexístrase 1092 veces, dende o s.XIII ao s.XVI, contra Orense (cabo do minoritario Orens), que se rexistra 22 veces, das cales 11 no s.XV e 2 no s.XVI. Semella que a vara de medir usada é diferente para Ourense ca para a Cruña.

Ademais, a polémica se centrou no artigo, cando en galego, como sucede en portugués, este non se debería explicitar cando o topónimo aparece só en coherencia, tal como recollen as regras ortográficas, co seu uso en frases: “vou á Cruña” e non * ”vou a A Coruña”, “tróuxoo da Estrada” e non * ”tróuxoo de A Estrada”; fronte á norma en castelán que é: “El Hierro” e “cabildo insular de El Hierro”, “La Paz” e “la ciudad de La Paz” ou “El Salvador” e “voy a El Salvador”. Por seguir as regras do castelán temos a incoherencia de escribir o artigo nos topónimos de poboacións pero non nos de países: “Brasil” pero “anda polo Brasil”, “Arxentina” pero “teño amigos na Arxentina”, “Reino Unido” pero “marchou a traballar ao Reino Unido”, “Xapón” pero “chegou do Xapón”; mais, copiando a forma castelá, “O Salvador” e “habitante do Salvador”.

E tamén está a concesión “Galeuzca” inventando topónimos innecesarios para substituír os lexítimos galegos, como: actual Áraba por Álava (4 rexistros como: Alaua), actual Xirona por Gironda (1 rexistro), actual Lleida por Lérida (4 rexistros), actual Eivisa por Eviza (1 rexistro escrito como: Euyza). Caso diferente é Biscaia (6 rexistros escrito: Biscaya, contra 1 como: Vizcaya).

Nalgúns topónimos vese claramente a substitución conforme avanzamos no tempo, asi: Madride (10 rexistros no s.XIII) por Madrid (4 rexistros no s.XIII, 1 no s.XIV e 7 no s.XV), Valadolide (1 rexistro no s. XIII) por Valladolide (4 rexistros no s. XIV) e Valladolid (26 rexistros, deles 1 no s.XIV e 25 no s. XV) e tamén no nome da nosa terra, fronte á preferencia de “Galicia” polo dicionario RAG están os incuestionábeis datos dos textos medievais: Galiza (coas variantes Galliza, Galiça e Galliça) rexístrase 316 veces (145 no s.XIII, 81 no s.XIV e 90 no s.XV) en textos literarios, históricos, relixiosos e notariais; mentres que Galicia (coas variantes Gallicia, Gallizia e Galizia) rexístrase 68 veces (14 no s.XIII, 11 no s.XIV, 42 no s.XV e 1 no s.XVI) sempre en textos notariais. Comparando estes datos cos que obtemos do topónimo Castela/Castella (957 rexistros en textos literarios, históricos, relixiosos e notariais) fronte a Castilla (19 rexistros, dos cales 16 no s.XV e 18 en textos notariais), alguén dubida de cal é o galego e cal o castelán? Por que foi bo recuperar “galego”, o noso xentilicio auténtico, e non se fai o mesmo co noso auténtico topónimo de país?
Por certo, Galiza e as súas variantes xamais aparecen acompañadas polo artigo, tal como hoxe se fai en portugués. Ex.: quand’eu vin de Galiza, et criarõno en Galiza, o rreyno de Galiza, terra d’Espana et de Galiza, alcalde del rey em Galliza, aquella frota contra Galliza, enno reyno de Portugal ou en Galiça, por el Rey andar en Galiça etc.

A substitución tamén pasou cunha gran parte dos topónimos europeos, tanto de países coma de cidades, que agora usamos e que están representados nos textos antigos, así: Gascoña (21 rexistros, coas súas  variantes escritas: Gascona e Gasconna) polo actual Gascuña (0 rexistro), França (91 rexistros) por Francia (0 rexistro), Alemaña (10 rexistros coas variantes escritas: Alemanna e Alemana) e Alamaña (11 rexistros coa variante escrita : Alamana) por Alemania/Alamania (0 rexistro), Proença (6 rexistros no s.XIII e 2 para proençal) por Provenza e provenzal (0 rexistro), Ingraterra (10 rexistros e 2 para a variante Engraterra) por Inglaterra/Ynglaterra/Englaterra (3 rexistros), Cezilla (17 rexistros coas variantes: Cezilia, Çeçilia e Çesilia) por Sicilia (0 rexistro), Escoça (1 rexistro no s.XIII) por Escocia (0 rexistro), Genua (2 rexistros no s.XIII) por Xénova, Veneja (2 rexistros no s.XIV) por Venecia, Bordel (7 rexistros) por Bordeos –mais o xentilicio é: bordelés–, Pulla (9 rexistros no s.XIII por 1 de Apulla no s.XIV) por Apulia ou Puglia etc. Tamén aquí hai moitos topónimos coincidentes dende entón, como: Andalucía (rexistrado como Andaluzia e Andaluçia), Navarra, Aragón, Italia (rexistrado tamén como Ytalia e Ytalya), Bretaña (rexistrado como Bretana e Bretanna), Lombardía (rexistrada tamén como Lonbardia e Lõbardia), Grecia (rexistrada maioritariamente como Greçia), Irlanda, Londres, París, Roma (tamén rexistrado como Rroma), Calabria (rexistrado tamén como Callabrya), Marsella, Sardeña (rexistrado como Sardena), Lacio (rexistrado como Laçio) etc.

Con estes datos alguén pode crer que en galego, tal como di o dicionario da RAG, “gascón” sexa o xentilicio de “Gascuña”, “catalán” o de “Cataluña”, “valenciano” o de “Valencia”, “francés” o de “Francia”, “provenzal” o de “Provenza”, “madrileño” o de “Madrid”, “ovetense” o de “Oviedo”, “conquense” o de “Cuenca”, “pacense” o de “Badaxoz” e mesmo “coruñes” o da “Coruña”. Por que se recuperaron as formas patrimoniais, desaparecidas de todo ou case da fala popular, en palabras comúns como: graza (< graça < lat. gratia), xustiza (< justiça < lat. iustitia), espazo (< espaço < lat. spatiu) ou servizo (< serviço < lat. servitiu); e non se fai o mesmo co léxico patrimonial en: Palenza (< Palença), Valenza (< Valença), Murza (< Murça) ou Franza (< França)? Semella que non hai propósito de restaurar a lexítima toponimia galega de lugares de fóra de Galiza, claramente substituída maioritariamente pola castelá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.