Errejón: "O de Galicia está en marcha"

Errejón, durante a entrevista © Cadena SER

Sucédense as xuntanzas máis ou menos discretas, as mensaxes e as declaracións. A poucos días de que o I Encontro Cidadán por unha Marea Galega e o Banquete de Conxo 2.0 sexan os escenarios nos que diversos colectivos, persoas e organizacións expoñan as súas visións da eventual confluencia en Galicia cara ás eleccións xerais unha das formacións sobre a que se concentran moitas olladas, Podemos, asegura que a posible unidade con organizacións galegas "está en marcha".

"O de Galicia está en marcha", asegurou nunha entrevista na Cadena SER o 'número dous' do partido que lidera Pablo Iglesias, Íñigo Errejón. Despois de que os primeiros contactos de Podemos en Galicia se atrancasen ao situar as súas siglas como "innegociables"  e tras iniciar un proceso de diálogo con Anova á procura de "cooperación", Errejón asegura que "o de Galicia é unha conversa en marcha" chamada a "encaixar a posibilidade dunha candidatura gañadora a nivel estatal" e o "respecto" aos "ritmos e particularidades en cada escenario político". "Nun escenario plurinacional os encaixes teñen que ser diversos", agrega.

Podemos reitera a necesidade de que figuren as súas siglas, se ben "a orde non é importante" 

Podemos ve "aberta" a "porta" da eventual confluencia e mesmo flexibiliza, aínda que non en exceso, a cuestión das siglas. O "nome de Podemos" debe aparecer nas papeletas de voto, di Errejón, se ben "a orde non é importante, somos flexibles". Alén disto, e preguntado especificamente ao respecto, o que si desbota é a posibilidade de que os eventuais acordos do seu partido en Galicia se estendan tamén ao BNG. "Creo que o BNG non quere ser incluído", di, se ben "en torno a unha candidatura que poña por diante a ruptura e a rexeneración democrática" os de Iglesias están "dispostos a falar con todo o mundo".

O Bloque, "aberto a sumar"

As declaracións de Errejón chegaban poucas horas despois de que, no marco da homenaxe a Alexandre Bóveda, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, subliñase que a formación nacionalista continúa con "contactos multilaterais" dende a vontade de "sumar". "Estamos abertos a sumar a todos aqueles que queiran ter un grupo parlamentario en Madrid e facer unha campaña de defensa dos intereses de Galiza", resalta Vence, nun contexto no que os seus contactos, di, se estenden a "todos" os colectivos e persoas impulsores de manifestos que "nestes momentos están xurdindo polo país" e "reclamando unha candidatura unitaria galega".

Anova apela a continuar a "acumulación de forzas" dende a "esquerda" e o "respecto ao dereito de Galiza a decidir"

Sobre a posible unidade foi cuestionado tamén nas últimas horas o responsable de coordinación de Anova, Antón Sánchez, quen tamén admite que a formación encabezada por Xosé Manuel Beiras continúa a manter contactos con interlocutores diversos. O "obxectivo", di Sánchez, debe ser "continuar co proceso de acumulación de forzas" que supuxeron as mareas e desembocar nunha candidatura unitaria ancorada na esquerda e no "respecto" ao "dereito de Galiza a decidir". Non se trata, subliña, de centrar os esforzos en procurar unha unificación do "nacionalismo orgánico". Neste escenario, advirte, un "fracaso" destes procesos sería sinónimo de darlles "a razón" a quen opinan que a esquerda non está "á altura das circunstancias".

Errejón, durante a entrevista © Cadena SER

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.