O PP equipara os grupos antiabortistas con Cáritas

Prado, este luns en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

O 31 de outubro de 2012 a Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago aprobou que un piso de propiedade municipal pasase a ser utilizado de xeito "gratuíto" por Red Madre, a organización antiabortista promovida polo Foro Español de la Familia. A vivenda, que na etapa de goberno de PSdeG e BNG era empregado como un piso "de emerxencia social", pasou a converterse no Centro Red Madre Santiago, isto é, na sede do colectivo. A pasada semana o novo goberno da capital galega, de Compostela Aberta, decidiu que non manterá o financiamento público a esta organización e, ademais, avanzou que non renovará a cesión do piso, que remata en 2016. Este luns o PP volveu cargar contra a decisión do gabinete de Martiño Noriega a través de quen, na súa etapa de concelleira, impulsou a asignación do piso, a súa vicevoceira parlamentaria, Paula Prado. E fíxoo equiparando estes grupos con Cáritas.

No transcurso dunha rolda de prensa para presentar unha iniciativa a prol da "formación en igualdade" do persoal sanitario, educativo e xurídico, Prado foi cuestionada pola decisión do consistorio compostelán, e retrucou con dureza. A xuízo da conservadora, non entregarlle 3.000 euros a Red Madre e outros 3.000 á asociación Centinelas -a través de senllos convenios- supoñen un xeito de proceder "non admisible nunha democracia". "Tamén lle van quitar as axudas a Cáritas?", pregúntase a popular, que, non obstante, obvia que no reparto de axudas é precisamente esta entidade social da Igrexa Católica a que máis fondos percibe neste reparto, cun total de 140.000 euros para financiar dous dos seus programas na cidade, un que atende as necesidades primarias de persoas en risco de exclusión e outro dirixido a mulleres vítimas de explotación sexual.

O exalcalde cualificou de "desafiuzamento" que a Red Madre non vaia poder seguir usando como sede un piso de propiedade municipal

Esta controvertida equiparación chega poucos días despois de que o voceiro municipal do PP, o exalcalde Agustín Hernández, tamén criticase con dureza a decisión do Concello de Santiago a través dunha polémica comparación. No seu caso, Hernández asegurou que retirar a cesión dun piso público á Red Madre supuña que Noriega pasaba a ser "protagonista" dun "desafiuzamento". Estas afirmacións foron consideradas como un "insulto" por parte de Stop Desafiuzamentos, que nun comunicado lamentou a actitude de Hernández e subliñou que "as vivendas municiapis deben estar ao servizo dos máis pobres", e non de grupos que "agreden o dereito das mulleres a decidiren".

O PP blindou por lei as subvencións da Xunta á organización impulsada dende o Foro Español de la Familia

Neste contexto, é agora a cúpula autonómica do PP, a través de Prado, quen acusa o Concello santiagués de "retirar axudas a entidades sen ánimo de lucro nas que traballan voluntarios". Segundo a deputada, a retirada dos 3.000 euros supón ir contra quen "axuda persoas en situación crítica que en moitos casos son derivados por profesionais técnicas, as traballadoras sociais".

Estes argumentos foran xa empregados polo PP para aprobar en 2009 a lei que blinda as axudas da Xunta para Red Madre e outras entidades afíns. Este texto legal, o primeiro aprobado no Parlamento tras a vitoria de Feijóo, é o que permite, por exemplo, que tan só entre 2012 e 2013 a Red Madre recibise subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade por importe de 120.000 euros, a maioría para sufragar gastos de persoal. Desta norma deriva tamén o "protocolo de renuncia de bebés no hospital" aprobado polo Consello da Xunta en 2012 ou a inclusión da entrega en adopción ao carón da información sobre métodos anticonceptivos.

Prado, este luns en rolda de prensa CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.