O goberno de Ferrol estuda levar aos tribunais a "estafa" da depuradora

O exalcalde e a conselleira de Medio Ambiente, visitando a depuradora en vésperas das eleccións © Xunta

A pasada semana o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, visitou por "sorpresa" a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Cabo Prioriño acompañado por dous técnicos municipais. Ao chegar, o rexedor comprobou o que resume afirmando que "todo era unha fraude". Segundo o goberno local que sustentan Ferrol en Común e PSdeG o "anuncio público" de que a infraestrutura xa "depurara un millón e medio de metros cúbicos" de auga, lanzado aínda co PP no goberno, non se correspondía coa realidade. "Todas as augas residuais foron verquidas sen tratar directamente ao mar", asegurou o novo gabinete, que este luns anunciou a súa aposta por elevar o asunto aos tribunais e, ao tempo, esixir "responsabilidades políticas" dos anteriores xestores municiapis.

Nunha comparecencia coa tenente da Alcaldía, a socialista Beatriz Sestayo, o alcalde ferrolán explicou este martes que os servizos xurídicos municipais recomendaron agardar á celebración do Consello de Administración de EMAFESA, a empresa público-privada que xestiona o servizo de augas da cidade, "antes de acudir aos xulgados". Nesa xuntanza, prevista para o vindeiro mércores, indica, o Concello escoitará "as explicacións do socio privado", a empresa Socamex-Urbaser, filial do Grupo ACS, á que lle exporá os resultados definitivos das "análises da mostra de auga" recollida na depuradora durante a visita da pasada semana. O ditame "preliminar" desa análise xa "indica que o nivel de bacterias coliformes, indicativas de contaminación, é moi superior aos paŕametros permitidos".

Tras unha visita "sorpresa" á depuradora o alcalde revelou que "non se depurou nin un só metro cúbico de auga" durante un ano

Esta situación, segundo o goberno local, é resultado directo de que "ata xaneiro de 2015 toda a auga que chegou á EDAR para o seu tratamento, polo que o socio privado de EMAFESA cobraba unha taxa á veciñanza, saíu directamente por bypass a mar aberto". Dende xaneiro e "ata hoxe" só existiu "un pretratamento para apartar sólidos en momentos puntuais e de forma discontinua, en horario de 8 a 15 horas", cando a estación recibía o correspondente subministro eléctrico. "Bombear -evidencia Suárez- non é depurar e as responsabilidades non se poden eludir", di, nun contexto no que, lembra, existen varios espazos naturais na zona que son zonas protexidas. "Atopámonos ante unha situación que roza non só a neglixencia, senón tamén o posible delito ecolóxico", resalta.

"Responsabilidade" do anterior goberno

Despois de que, como informa Ferrol 360, a Xunta derivase ao Concello calquera responsabilidade neste asunto, Jorge Suárez advirte de que a actitude do Goberno galego non fai máis que apuntar "á antiga corporación, porque esta situación veuse dando durante un ano no que non se depurou nin un só metro cúbico de auga". "Os indicios son de que durante un ano se estivo enganando á cidadanía, porqeu se non eran quen de depurar a auga" o goberno local tería que ter "coñecemento" do que estaba a suceder. Por iso, enfatiza, "todas as responsabilidades van ser demandadas xudicialmente".

A Xunta deriva responsabilidades ao Concello, o que para o goberno local non fai máis que apuntar ao goberno do PP

Así as cousas, e á espera de determinar o inicio da vía xudicial o Concello de Ferrol "esixiralle ao socio privado que, en primeiro lugar, reintegre aos veciños a taxa de saneamento que xa foi cobrada" e que "se anule o vindeiro cobro, previsto para xullo e adiado por petición do goberno local". Ademais, afirma, "reclamaranse as destitución que procedan en Urbaser por unha xestión nefasta e a reformulación das relacións con EMAFESA", que "non informou ao Concello de que non se estaba a depurar a auga".

No ámbito político Sestayo anuncia, asemade, que como deputada do PSdeG lle preguntará directamente no Parlamento á conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, "se lle requiriron ao anterior equipo de goberno local que cumprise coa súa obriga de inspeccionar a EDAR cada tres meses". "Ben por acción ou ben por omisión, a responsabilidades política do anterior goberno é evidente", asegura.

Un mes despois da crise da auga

A revelación de que a EDAR ferrolá estivo un ano sen depurar auga produciuse apenas un mes despois da crise que deixou sen auga potable máis de 100.000 persoas na comarca de Ferrolterra durante tres días. Naquela ocasión o eido meramente técnico mesturouse coa falta de comunicación da Xunta cara ao Concello e tamén das disfucións no labor de EMAFESA que, segundo o goberno local, "non comunicou absolutamente nada" da detección dos niveis de contaminación malia ser a Administración municipal quen posúe o 51% da empresa.

Unha vez superada esa crise o propio alcalde de Ferrol mantivo nunha entrevista con este diario que o sucedido permitía "abrir unha nova vía" para unha posible "remunicipalización", a do "incumprimento do contrato". "Darlle toda a parte técnica a unha empresa privada fai que esteamos a mercé deles. Cunha xestión pública o control da salubridade, cando menos, quedaría garantido", aseguraba.

Auga vertida dende a depuradora de Ferrol © Concello de Ferrol
Suárez e Sestatyo, este luns en rolda de prensa © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.