Pachi Vázquez acusa a Xunta de cumprir o déficit con "facturas nos caixóns"

Vázquez formúlalle unha pregunta a Feijóo CC-BY-NC-SA PSdeG

É solvencia todo o que reloce na xestión económica da Xunta? É o interrogante que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, deixou este mércores no hemiciclo do Parlamento tras a sesión de control ao presidente da Xunta. Despois de que a pasada semana a o Goberno galego se autoafirmase como "o máis solvente" do Estado ao pechar 2011 cun déficit do 1,61% o líder socialista puxo en dúbida, durante a sesión de control ao presidente da Xunta, que esa solvencia sexa tal. "Mentres percorre España presumindo de déficit e de xestión" o presidente, acusa, "igual que Esperanza Aguirre, pechou 2011 con milleiros de facturas no caixón". Vázquez sustenta a súa afirmación nas instrucións para o peche do exercicio económico ditadas o 29 setembro dese mesmo ano. Dende a súa publicación do Diario Oficial de Galicia un día despois "pechouse a recepción de facturas con carácter inmediato", "impedindo que se certificase nin unha soa no último trimestre do ano", asegura."

Vázquez: "pechouse a recepción de facturas o 29 de setembro, impedindo que se certificase ningunha no último trimestre do ano"

Segundo Feijóo, Pachi Vázquez simplemente falta á verdade. "Alármame a falta de realismo da súa pregunta", retrucou, para despois engadir que "dicir publicamente que se falsean as contas públicas" é "a maior irresponsabilidade que pode facer unha persoa que aspira a ser candidato". "O 28% do orzamento executouse no último trimestre", asegura Feijóo, que lle esixe "un pouco de respecto" ao socialista. "Anote o dato", emprazou: o pagamento de facturas prodúcese "en menos de 40 días no primeiro trimestre de 2011 e en menos de 50 días dende que chegamos á Xunta". "Vostede di tranquilamente que a Xunta mente, xa estou acostumado", asegura Feijóo, quen lle reprocha a Vázquez que "dixese que os médicos daban altas por 30 euros" ou que "imos cobrar por ir aos hospitais. "Xa sei que non respecta o presidente da Xunta, pero respecte a Galicia", di.

Feijóo: "Dicir que se falsean as contas públicas é a maior irresponsabilidade dunha persoa que aspira a ser candidato"

"Eu entendo que estea irritado porque lle diga estas verdades", sentenciou Pachi Vázquez, que ve en Feijóo "un especialista en trampear os datos do Goberno galego" non só no pagamento de facturas, senón tamén noutros ámbitos. "Cando non lle gustan as cifras do paro, inventa unha clave que só ten Galicia e desaparecen datos das listas, cando non lle gustan as listas de espera, crea un modelo de contar por prioridades que só teñen vostedes e xa lle saen as contas", exemplifica. E o mesmo, mantén, acontece co déficit. A Xunta, reitera, deixou de pagar facturas "a partir do 29 de setembro", algo que "sempre se fixo o 15 de decembro" e por iso "lle encaixan as contas n un déficit que non é real". "Dígalle a esta Cámara se pagou algunha certificación entre o 30 de xullo e o 30 de decembro; non o fai, porque nas empresas xa é un clamor" e "vostede está facendo prioridade o control do déficit sobre a realidade", acusa.

Vázquez lánzalle tamén ao presidente unha nova proposta de pacto, polo "crecemento" e a "blindaxe" dos servizos públicos, pero Feijóo desdéñao. "Interésanme as propostas realistas" porque "Galicia non vive de eslogans, nin de contradicións nin de frivolidades". "Se non é capaz de felicitar os galegos que levamos moito tempo facendo unha política económica rigorosa, como vai ser capaz de ser candidato do seu partido a algún posto de responsabilidade?", espetoulle. Segundo o presidente, Vázquez "xa lle fixo bastante dano a Galicia no Goberno bipartito". "Recoméndolle que, por Galicia, teña un pouco menos de vaidade e busque acordos cos partidos que queren axudalo a sacar adiante este país, evitando mentiras e dicindo a verdade", aconsellou o socialista.

Vázquez formúlalle unha pregunta a Feijóo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.