"O fundamental é construír un suxeito político galego pero é importante que se federe con Podemos"

Antón Gómez-Reino, 'Tone' Dominio Público Praza Pública

O secretario de análise política de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, Tone, aposta por un "suxeito político galego" de cara ás xerais pero insiste en manter a marca da súa formación apelando ao "mandato" que as bases deron en referendo. Malia que apela á "xenerosidade", á "creatividade" e a fórmulas inxeniosas para que todos os actores incluídos se atopen "cómodos", este coruñés elixido nas primarias para ser candidato ao Congreso insiste na "federación" dese espazo de confluencia co partido morado. A pesar de que son moitos deses posibles actores a confluír os que rexeitan acudir aos comicios baixo o paraugas de Podemos, Gómez-Reino é optimista e aclara que a "referencia fundamental é a dos actores que construíron o cambio no 24M". "Sumar todo o que se poida a maiores?", pregúntase. "Sen dúbida", responde.

Será posible a confluencia?
 
Somos moi optimistas. Creo que vai ser posible un espazo que represente algo moi similar ao que representaron as candidaturas de cambio o 24M. Cremos que estamos poñendo enriba da mesa todo o noso esforzo para que isto sexa así e levamos semanas reuníndonos con todos os actores sociais e políticos e con todas as candidaturas municipalistas... Moitos e moitas somos conscientes de que hai unhas expectativas fortes de reproducir o que pasou nas eleccións municipais e, se todos somos xenerosos e conscientes da dificultade do momento político que se abre na próxima lexistatura, penso que imos ser capaces de facelo.

"Creo que vai ser posible un espazo que represente algo moi similar ao que representaron as candidaturas de cambio o 24M"

O mandato do referendo ás bases de Podemos que prioriza a súa marca parece o principal atranco. Como se supera esa problemática?

Aí construíuse un debate trampa, moitas veces nos debates políticos hai cuestións que sabemos que son pedras no camiño e no espazo mediático empréganse para entorpecer a discusión. O fundamental é ter un debate político para ver se hai sintonía entre os diferentes actores. Ese é o asunto principal. En segundo lugar, nós como Podemos-Galiza temos claro o territorio e o país que habitamos e para nós o fundamental é construír ese bloque social e político de cambio galego, un suxeito político galego de cambio. Iso é o fundamental. Outra cuestión é o marco simbólico. Primeiro teremos que comprobar se temos un acordo político e logo darlle percorrido e marco simbólico propio ao suxeito político galego de confluencia. Agora ben, por  unha cuestión de capacidade de intervencíón política, simbólica e tamén demoscópica nós entendemos que é importante que, de constituirse, o suxeito político galego de confluencia se federe coa que é a ferramenta esencial de cambio no Estado español. Esas son as claves.

"Podemos-Galiza ten claro o país que habita; o fundamental é construír un suxeito político galego de cambio e que se federe coa ferramenta esencial de cambio no Estado"

Federarse e ser un suxeito político galego propio non é algo contraditorio?

Creo que non, para nada. De feito, para que haxa cousas que se federen estas teñen que ser corpos autónomos e propios. Por iso creo que a palabra é axeitada para o marco político no que se moveron historicamente e se moven neste momento os suxeitos políticos galegos de seu nas necesarias alianzas cos espazos de ruptura do resto do Estado.

Beiras di que non pode haber “un galo no poleiro” e dirixentes das mareas falan de que a confluencia debe ser en “igualdade de condicións”. Como cadra iso cunha federación con Podemos?

A xente o que nós está esixindo ou o que desexa é que se conforme de forma clara un espazo que a cidadanía identifique como un común denominador. Á cidadanía impórtanlle relativamente pouco debates nos que nós tiramos moito tempo. Honestamente, se somos capaces de ver eses comúns denominadores e construír un ecosistema político de confluencia onde todos esteamos cómodos, saberemos trasladalo da forma que a cidadanía entenda que ese é un espazo plural onde todo o mundo pode sentirse cómodo participando politicamente, construindo o seguinte paso no proceso de cambio iniciado o 24M.

"Á cidadanía impórtanlle relativamente pouco debates nos que nós tiramos moito tempo"

Non parece que moitos deses actores dos que fala acepten que a marca de Podemos sexa preponderante nunha candidatura unitaria...

Hai que ter coidado nestes debates porque se están a dar no marco do diálogo entre moitos actores e hai, polo tanto, que ser cautelosos. Nós somos respectuosos con todos os actores e sabemos que hai temas sensibles, como este. Pero tamén sabemos que haberá un momento en que todos estes actores debamos decidir colectivamente como facer estas cousas pensando tanto no mellor encaixe político como no encaixe electoral máis acaído. Estamos convencidos de que se atopamos un espazo de sintonía política atoparemos fórmulas para que todo o mundo estea cómodo e igualmente representado.

 Cales son esas fórmulas e como se poden artellar para non incumprir ese mandato das bases de Podemos?
 
Se algo aprendemos en anos de traballo nos movimentos sociais ou na experiencia das confluencias municipalistas é o valor da creatividade para dar con encaixes que, representando diferentes sensibilidades, teñan vocación de maiorías. Neste proceso hai moitos actores participando que entendemos se poden sentir cómodos con diferentes encaixes. Nós temos un mandato que non é menor, de moitos milleiros de persoas, para facer as cousas tratando de respetar unhas coordenadas determinadas. Por outra banda, cremos que no que ten que ver co combate electoral, unha fórmula como a que propomos pode axudar para o que é o obxectivo fundamental, porque a xeración política que está dando o paso de participar na vida institucional ten claro que está aquí para intentar gañar e non só para participar. Entendemos que, respetando o mandato dos inscritos e inscritas, no punto onde se cruzan creatividade e desexo colectivo atoparemos a fórmula ideal.

"A fórmula que propomos pode axudar para o obxectivo fundamental; respectando o mandato dos inscritos, na creatividade e no desexo colectivo atoparemos a fórmula ideal"

Moitos deses actores falan da Marea Atlántica como o exemplo. É tan difícil reproducir a súa fórmula para esta confluencia de cara ás xerais?

Os modelos téñense que adaptar ao tempo e á escala que tes para construílos. Sen dúbida, a Marea é un modelo de referencia en todo o Estado. É o modelo. En canto a dinámicas de agregación e de participación, é o exemplo, pero obedece a un contexto e a unha composición social e política dunha cidade moi concreta. No concreto que temos agora, o primeiro paso hai que adaptar os mecanismos de confluencia a unhas xerais cun tempo moi limitado e cunha escala xeográfica moi ampla. En segundo lugar hai no calendario un novo desafío colectivo onde temos que profundar moito máis. Refírome ao das eleccións  galegas de 2016, se se dan, como di Beiras. Neste caso, tanto o marco temporal como a escala como, esperemos, o momento político no centro dun hipotético proceso de procesos constituintes, dará para facer un proceso democrático e popular moito máis potente e fermoso.

A Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega son dous proxectos a prol da confluencia política e social. Que lle parecen?

O primeiro que penso é que é magnífico ver como a sociedade galega se move. En xeral é un síntoma de que hai unha pulsión política moi forte na sociedade galega, nos movementos sociais do país e en parte dos tecidos orgánicos que levaban tempo máis estáticos. Como marco xeral paréceme algo magnífico. En segundo lugar, creo que son iniciativas un pouco diferentes na súa composición e no seu lanzamento. Sen dúbida ten que haber iniciativas que traten de aglutinar o vector cidadá e todo o que veña por aí, benvido.

O debate e a polémica parece centrarse sempre nas diferenzas entre BNG e Podemos. Que lle parece a posición do Bloque respecto á unidade de cara ás xerais?

É unha boa cousa que o Bloque se estea abrindo a debates aos que, probablemente, non se abriu da mesma forma noutros momentos. Foi unha mágoa que no 24M decidise non participar nos espazos de confluencia que nos levaron ao momento político no que estamos. Nós estamos abertos a falar con todo o mundo, con todos os actores, pero a ninguén se lle debe escapar que a nosa referencia fundamental e o espazo mínimo que queremos reproducir é o de actores políticos e sociais que construíron o cambio no 24M. A partir de aí, sumar todo o que se poida a maiores? Sen dúbida, pero o noso obxectivo fundamental é reproducir o marco político de actores do 24M e reproducir o ecosistema democrático de convivencia que houbo nalgúns destes espazos como na Marea Atlántica ou Compostela Aberta.

"A nosa referencia fundamental é o dos actores que construíron o cambio no 24M e sen dúbida sumar todo o que se poida a maiores"

Visto o mecanismo aprobado por Podemos para as xerais, parece que un deputado de Cuenca podería ser o representante por unha provincia galega no Congreso. Ou non?

Non temos ningún tipo de dúbida de que as persoas que van representar calquera candidatura na que participe Podemos en Galiza serán galegas. Nós fixemos unha aposta clara non só polo obvio, situar catro persoas galegas na cabeza das primarias de Podemos, senón por garantir que as catro persoas que están neste momento como hipotéticos e futuribles candidatos de Podemos por Galiza son todas elas xente que participou en iniciativas de confluencia nas súas vilas e cidades e que, polo tanto, comprenden a importancia de estar implicado no tecido local e que entenden e defenden o valor da confluencia, da suma que multiplica.

E no caso de crear ese suxeito político propio e galego, habería primarias abertas á cidadanía en Galicia?

Podemos foi pioneiro en mecanismos de primarias e non temos ningunha dúbida de que, se hai un espazo de confluencia e todos os actores sociais e políticos coincidimos en crear ese espazo, haberá que buscar algún mecanismo para que a cidadanía valide esas persoas.

"Se hai un espazo de confluencia en Galiza, haberá que buscar algún mecanismo para que a cidadanía valide as persoas que se inclúan nel"

Pois parece claro que, como o mínimo, o BNG non aceptará ir baixo o paraugas de Podemos ás eleccións xerais...

As decisións políticas do BNG competen ao BNG e eu sobre iso non podo dicir nada.

Pero xa hai quen di que se buscan fórmulas ou apaños para que o nome de Podemos non sexa preponderante nesa hipotética candidatura sen incumprir o mandato que din ter das bases...

Atoparemos o mecanismo para que todo o mundo estea cómodo. Desgraciadamente, en moitos casos, a legalidade vixente vai por detrás das nosas propostas. Nesa proposta que temos que poñer enriba da mesa para que todo o mundo se sinta cómodo temos que aplicar doses de inventiva e niso nós imos poñer o énfase e ser todo o flexíbeis e xenerosos que o momento histórico esixe e que o noso mandato nos permite.

"Atoparemos o mecanismo para que todo o mundo estea cómodo; seremos todo o flexíbeis e xenerosos que esixe este momento e que o noso mandato nos permite"

Igual de flexíbeis no tema do grupo propio? O regulamento do Congreso parece claro: de non enfrontarse politicamente, non hai posibilidade dun grupo propio.

No asunto do grupo propio sempre somos moi claros. Ademais de achegar todo o capital político que Podemos Galiza poida sumar a un suxeito de confluencia, poñeremos enriba da mesa todos os mecanismos ao noso alcance para intentar garantir ese grupo propio, pero é importante ter presente que a decisión final ten que ver coa Mesa do Congreso e, polo tanto, todo depende da capacidade política conxunta que teñamos de trasladar ao Congreso un equilibrio favorable ás políticas de cambio para que a Mesa de Congreso represente tamén esa política de cambio e garanta a efectuación de ese grupo propio.

Con todo, estamos ante outro debate parcial e interesado. É ben sabido que nos últimos 30 anos non houbo nunca, con deputados nacionalistas, un grupo propio no Congreso. Alén disto, en realidade, máis alá de algo que é un futurible que hai que ver se somos quen de alcanzar, o que nos parece clave e definir, alén de o que, o para que. Para que queremos un grupo propio? Refírome , por exemplo, a deseñar mecanismos de rendición de contas para coa cidadanía galega e outros dispositivos concretos que, alén do abstracto dun grupo propio enunciado sen máis, si son o garante de que as persoas representantes trasladan o desexo e a voz das persoas representadas.

"Poñeremos todos os mecanismos para intentar garantir ese grupo propio, pero ese debate é parcial e interesado"

 

Beiras, Garzón e as enquisas

En Galicia, EU parece fundamental para Podemos nesa confluencia, mentres que IU é rexeitado a nivel estatal. Como se explica iso?

Estanse dando pasos importantes nestas últimas semanas a nivel do Estado. Non podemos adiantar nada, pero estamos seguros de que non só no noso país senón noutros territorios do Estado se van dar realidades de unidade popular nos que estarán incluídos moitos actores.

Que papel xogaría aí Alberto Garzón

Alberto Garzón é un líder político moi importante, unha persoa que levanta moita simpatía na cidadanía e é alguén con quen se intentan ter todas as canles abertas nunha relación de cercanía e cordialidade. Está por ver ata que punto é posible construír máis aló do noso país espazos de confluencia onde xente como Garzón se poida incorporar. Somos optimistas e cremos que se vai dar ese contexto que vai no sentido de ser xenerosos, facer un esforzo e ser conscientes de que hai que incorporar aínda moita xente para construír o espazo político de cambio que sexa capaz de gañar. Creo que imos ter alegrías nas próximas semanas e meses.

Beiras é un candidato ideal para ese suxeito político galego propio?

O que faga Beiras depende de Beiras. É sen dúbida unha persoa cunha bagaxe política e académica importantísima, unha persoa que arrastra consenso en todos aqueles que estamos polo cambio no noso país. O papel que quere xogar será decisión del. Para nós é unha persoa de referencia coa que non só queremos contar para todo tipo de debate, senón para todo tipo de iniciativa de cambio no tempo que estamos agora de cara ás xerais.

Pero Beiras acaba de ser moi crítico coa dirección de Podemos nunha entrevista. Di que non entenden nada e insiste en que Galicia é un “suxeito político propio”.

Sabemos que Beiras é unha persoa cunha capacidade de análise moi importante e tamén cunha enorme capacidade crítica. Hai que ler todo o que di Beiras e entendelo, e podemos estar de acordo con cousas e con outras non, pero para nós é unha referencia intelectual e política.

"Estámonos deixando levar ao campo onde o inimigo mediático e político nos quere levar, ao de fastío, ao de “non se pode” cando o 24M demostrou que “si que se pode”

As enquisas sitúan a Podemos como terceira forza no Estado e perdendo apoios. Ese resultado sería un fracaso?

A xeración política que está dando pasos adiante nestes últimos meses e que vén dos movementos sociais non está facendo isto co obxectivo de participar como un elemento maís nas isntitucíons. O obxectivo fundamental é asaltar o poder político, cambiar as institucións e levar a cabo unha transformación social. Todo o que non sexa conseguir ese obxectivo suporía non acadar o propósito desexado. Agora ben, colectivamente estámonos deixando levar ao campo onde o inimigo mediático e político nos quere levar, ao campo de fastío, de ruído mediático... Ao campo de “non se pode” cando o 24M demostrou que “si que se pode”. Con moitas dificultades e moitos atrancos, candidaturas municipalistas como os gobernos de cambio que hai en Galiza están poñendo enriba da mesa que si que se pode. Temos que trasladar o foco cara a aí e para facer que a cidadanía que quere cambio se sinta representada pola ferramenta política que entre todos poñemos enriba da mesa.

Pero esas enquisas insisten tamén en que o bipartidismo non está tan ferido como se pensaba.

As enquisas hai que tomalas con moito coidado. Hai uns meses creo que se xogou con elas para debuxar un escenario que se cadra estaba sobredimensionado. Malia iso, é evidente que onde se lle pon unha alternativa política de cambio, forte, contundente e con credibilidade, o bipartidismo queda profundamente tocado. E ese é o obxectivo: construír nas diferentes escalas que nos quedan, nas xerais de 2015 e nesas autonómicas de 2016, espazos de confluencia que veñan a superar a política do bipartidismo dos últimos 30 anos.

Antón Gómez-Reino, 'Tone' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.