Xunta e PP enxalzan os gandeiros que abandonaron as mobilizacións

Mobilización gandeira, este martes en Sigüeiro CC-BY-SA SLG

O pasado luns, terceiro día de mobilizacións gandeiras ás portas das industrias lácteas de todo o país, un dos voceiros da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, Anxo Escariz, advertía en conversa con Praza Pública de que "o PP se está a dedicar a dividir os gandeiros" e lamentaba que os populares alimentasen disputas entre o sector como as acontecidas en Lugo. Apenas vinte e catro horas despois, no primeiro pleno do novo curso parlamentario, Xunta e PP negaban estar por tras deses movementos pero, ao tempo, enxalzaban os gandeiros que optaron por abandonar as protestas mentres atacaban os que se manteñen nelas, así como aos sindicatos agrarios.

No reinicio da actividade plenaria a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, acudiu substanciar a comparecencia a petición propia que os populares situaron para substituír a solicitada pola oposición, isto é, a do presidente da Xunta. Quintana subiu á tribuna tras dúas semanas de tractoradas e fíxoo para cualificar de "histórico" o preacordo formulado a pasada semana no Ministerio de Agricultura por industria láctea, distribución e, como a propia conselleira admite, "parte do sector produtor". Fóra desa parte está, precisamente, o groso do sector lácteo galego, que se ben admite avances no texto, advirte de que non o asinará se nel non se inclúen "garantías" de cumprimento para evitar os prezos por baixo do prezo do custo.

Como fixera o grupo de gandeiros de Lugo, o PP acusa a sindicatos e plataforma de "non representar" o sector

Mentres o bloqueo das industrias e a folga de entregas provoca os primeiros xestos en industria e distribución, como as subas de prezos anunciadas por Mercadona, Eroski ou Celta, Xunta e PP acusan a oposición de manter a parte dos gandeiros "enganados" e, no caso da voceira popular no debate, a enxeñeira agrícola Isabel García Pacín, carga directamente contra os sindicatos agrarios. Nos mesmos termos que o grupo de Lugo que cargou contra as mobilizacións -chegaron a considerar "os grupos de Whatsapp" máis efectivos que as tractoradas- Pacín admite que dende o partido do Goberno "botamos as culpas aos representantes da produción", isto é, aos sindicatos e á Plataforma, porque "se visualizou que non teñen capacidade de que teñan confianza neles, porque non os representan".

"Cre que os gandeiros estercan as leiras con leite por gusto?"

"Cre que os gandeiros estercan as leiras con leite por gusto?", retrucou dende o BNG Tereixa Paz, para quen un mellor xeito de actuar da Xunta ante o conflito debera ser comezar a exercer as súas "competencias exclusivas en agricultura e gandaría", premendo para a "anulación de contratos infames", aglo que "non transgrede ningún marco legal". Dende AGE o seu voceiro, Antón Sánchez, lamenta que o Executivo fique nas frases "baleiras e sentimentaloides" no canto de "dar solucións" a un escenario que era "previsible", como o da fin das contas. Nesta liña, o socialista Pablo García coida que todos os "esforzos" do gabinete de Feijóo centráronse en "botar culpas" e tentar dividir o sector. Pero "aínda que acabasen coas mobilizacións, non acabarían co problema", advirte.

"Aviso" á distribución en Sigüeiro 

Tractorada no polígono industrial de Sigüeiro / SLG

Mentres este debate se celebraba no Parlamento unha columna de tractores escenificaba un "aviso á distribución" no polígono industrial de Sigüeiro, no Concello de Oroso. Os 57 tractores que bloquean dende o śabado a plataforma loxística de Vegalsa percorreron as rúas do parque industrial para advertir da súa intención de seguiren mobilizados no caso de non obteren prezos dignos para o leite e, asemade, para a chamar a atención sobre a falta de cobertura que as súas reclamacións están a ter, ao seu xuízo, nos medios públicos de comunicación.

Os gandeiros que bloquean Vegalsa advirten da "necesidade de continuar coas accións reivindicativas"

Estes gandeiros, provenientes de concellos como Touro, Trazo, Tordoia, Ordes, Frades, Mesía ou Oroso, queren "chamar a atención sobre a necesidade de continuar coas accións reivindicativas" da Platforma xa que, aínda que por exemplo Vegalsa "emitise un comunicado dicindo que ía subir en 2 céntimos o leite, de realizarse este incremento seguiría sendo insuficiente para a meirande das granxas" galegas. "As distribuidoras -subliñan- son igual de responsables que as industrias nos miserables preazos que están arruinando miles de familias".

Rosa Quintana, durante a sesión parlamentaria © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.