Volven os clásicos e mesmo volven os 80. O 30 de novembro de 1989 restaban 17 días para as eleccións autonómicas que o atribulado PSdeG de Fernando González Laxe perdeu fronte a Manuel Fraga malia sumar 6 escanos e lograr un dos mellores resultados electorais dos socialistas no país. Malia non destacar polo seu apoio á candidatura de Laxe, o Goberno central de Felipe González tivo un xesto cara ao candidato e promoveu que o desaparecido INSALUD inaugurase aquel derradeiro día de novembro o novo hospital de Vigo, o Meixoeiro, que días despois pecharía instalacións temporalmente a causa de diversos defectos motivados polas présas. Ata ese episodio remontouse este mércores o presidente da Xunta para cargar contra a oposición e a súa petición de explicacións a respecto do conflito pola controvertida posta en marcha do que agora é o novo hospital, o Álvaro Cunqueiro, no que segundo Alberto Núñez Feijóo participan empresas privadas por culpa do bipartito.
Despois de que o PP vetase a súa comparecencia durante o verán Feijóo tivo que abordar a polémica derivada do seu proxecto estrela na primeira sesión de control do curso. Preguntábanlle ao respecto PSdeG e AGE, que apelaron ao "clamor cidadán" expresado na masiva manifestación do pasado día 3 para esixir o "rescate" do complexo sanitario, para que pase da vía público-privada ao "modelo tradicional da sanidade pública", pediu o socialista José Luis Méndez Romeu.
"Vou rescatar o hospital de Vigo", pero "das mentiras da oposición", clamou Feijóo, que ante a acusación de "levar vinte anos privatizando a sanidade", lanzada por Yolanda Díaz, afirma que leva "vinte anos facendo hospitais públicos". "Fixen moitos máis dos que vostede pode facer no que nos resta de vida aos dous", espetoulle á vicevoceira de AGE antes de detallar por que, na súa perspectiva, a participación privada no hospital vigués, tivo que adxudicarse pola vía da concesión privada, o mesmo que "fan vostedes en Baleares ou Andalucía", en referencia ao PSOE, ou o mesmo que, "manexaba" o bipartito, acusa, esgrimindo unha nova do ano 2008.
Feijóo: "Vou rescatar o hospital de Vigo das mentiras da oposición"
"O buraco que recibimos do seu goberno foi de 1.200 millóns". Polo tanto, "para facer un hospital de máis de 400 millóns tiñamos ou que acudir a débeda pública ou buscar un pago aprazado". Unha vez feita a elección, "todo o que fixemos foi de acordo co Goberno socialista de Madrid" e agora boa parte das dificultades, como o aparcadoiro de pago, son segundo o xefe do Executivo culpa doutro socialista, Abel Caballero, por non facilitar terreos para construir unha zona de parking de balde.
PSdeG e AGE reprochan os "defectos estruturais" do edificio e insta a Xunta a recuperar a xestión pública
A xuízo do voceiro socialista sería "máis simple aceptar o erro, da conselleira e sobre todo de vostede, que pensar na conspiración de moitos contra un hospital", sinalou Romeu, que lembra as "deficiencias estruturais" do edificio apuntadas non dende instancias partidarias, senón dende voces "cualificadas" como o Colexio Médico de Pontevedra. Nesta liña, Yolanda Díaz insta o presidente a clarar se "recoñece" as imaxes nas que se observa como "está chovendo dentro" do hospital. "Se chovendo dentro van pagar o canon á empresa privada estarán cometendo unha estafa á cidadanía", di a parlamentaria de Alternativa. "Se queren falar de defectos estruturais vaian ao Meixoeiro", resolve Feijóo, que dá en reprochar que "vostedes -en referencia ao PSOE- o inauguraron 17 días antes das eleccións autonómicas".