Caballero irrompe na polémica do novo hospital de Vigo cun aparcadoiro de balde

Plano do hospital e a súa contorna, co futuro aparcadoiro destacado en amarelo © Concello de Vigo

No verán de 2010 a daquela conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, erguía a polémica en Lugo ao confirmar que o aparcadoiro do novo hospital da cidade, o Lucus Augusti, sería de pagamento. Quen na altura era alcalde da cidade, Xosé López Orozco, reaccionou advertindo que o goberno local non permitiría que houbese que pagar por aparcar "nun terreo de todos os lucenses", xa que a parcela fora cedida polo Concello, e anunciaba o acondicionamento dunha zona anexa ao HULA como aparcadoiro de balde. Media década despois a polémica sanitaria arrecia noutro hospital, o de Vigo, cuxa estrea tivo que ser paralizada entre múltiples protestas da cidadanía e dos profesionais, e o alcalde da cidade irrompe tamén na escena cun aparcadoiro de balde.

Entre as diversas queixas que suscita o novo complexo sanitario está, precisamente, o aparcadoiro, unha instalación explotada por unha empresa con sede en Madrid cuxo prezo chega a acadar os 12 euros diarios. Tras poñelo en marcha a propia Xunta e o PP local culparon o goberno local e o seu rexedor, Abel Caballero, de que persoal e doentes teñan que pasar por caixa para estacionar. O Concello, acusan, ten dende hai máis de dez anos unha parcela na contorna do Álvaro Cunqueiro que, cedida pola Zona Franca, podería albergar un estacionamento de balde.

O alcalde de Vigo asegura que decidiu impulsar o aparcadoiro "pola negativa do presidente da Xunta de eliminar o pagamento"

Neste contexto é no que xorde o anuncio de Caballero, que este xoves advertiu de que o seu gabinete iniciou "a tramitación para habilitar 500 prazas de estacionamento de balde nunha pacerla anexa ao novo hospital", distinta á aludida polo PP. O Concello, anuncia o socialista, investirá case 500.000 euros porque "ve moi importante que os usuarios teñan aparcamento gratis". Faino, afirma, pola "negativa do presidente da Xunta de eliminar o pagamento no parking do Álvaro Cunqueiro".

"Despois de escoitar as súas declaracións no Parlamento da vexo que non o vai facer; o señor Feijóo non ten a máis mínima intención de poñer as prazas do aparcadoiro do hospital, como corresponde, gratuítas, e por iso iniciamos nós a construción de 500 prazas gratuítas". A obra, calcula, "podería estar rematada na primavera" e, se cumprise, poderíase "ampliar o número de prazas en fases sucesivas".

Reacción de Feijóo

Tras a reunión semanal do Consello da Xunta chegou a reacción de Feijóo ao anuncio. Para o xefe do Goberno galego, "por unha vez" Caballero "fai algo ademais de boicotear constantemente" o novo hospital. "Alégrome de que se faga algo dentro das competencias dos concellos", as cales, di, abranguen "procurar o aparcamento nos seus ámbitos municipais". "Alégrome que, despois de todos estes atrancos, se vaia descubrindo a verdade das cousas", afirma, nun contexto no que, agurua, "iranse descubrindo máis cousas a medida de que o hospital se vaia poñendo en marcha".

Feijóo: "Se trasladar unha familia de casa conleva problemas, imaxínese trasladar 6.000 persoas dun hospital"

Despois de que, nunha dura rolda de prensa, doentes e persoal do hospital relatasen entre bágoas as dificultades e problemas do novo centro Feijóo rexeita que a situación sexa caótica. As "dificultades" son "subsanables", advirte Feijóo, quen insta a reflexionar que "se trasladar unha familia de catro membros dunha casa a outra conleva problemas, imaxínense trasladar 6.000 persoas dun hospital de hai 40 anos, o Xeral, doutro centro, o Meixoeiro, e que conflúan nun novo hospital".

Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.