PSdeG e BNG presentan a moción de censura para recuperar a Deputación de Lugo

PSdeG e BNG, rexistrando a moción na Deputación CC-BY-SA Orestes Currás

"Esperemos que poidamos dar unha boa nova dentro de moi pouco". Quen así falaba a primeiras horas deste venres é unha das persoas que, nos últimos meses, tivo implicación directa dende a banda socialista nas negociacións entre PSdeG e BNG para tentar recompoñer a desfeita que para ambas formacións supuxo a perda do goberno da Deputación de Lugo o pasado xuño, cando o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez decidiu rachar co seu partido e entregarlle a presidencia ao PP. A situación, constataban dende ambas formacións, está a piques de mudar e así foi anunciado este mediodía ante o Pazo de San Marcos, onde a moción de censura xa está rexistrada.

As fontes consultadas por Praza Pública confirman que nos últimos días se multiplicaron os contactos, tanto en Lugo como entre as direccións nacionais de PSdeG e Bloque, á procura dun acordo. O principal atranco, a teimosía de Martínez en ser presidente como condición para apoiar unha moción de censura contra a popular Elena Candia, foise despexnado, indican, e isto levou a que na noite deste xoves o pacto estivese "moi preto, practicamente pechado". Ese peche chegou na mañá do venres, cunha xuntanza en Rábade.

No entanto, o vivido o pasado xuño e a vaga expansiva do acontecido fai que nas dúas organizacións, pero moi especialmente nas filas socialistas, a apelación máis repetida sexaé a da prudencia. "A cousa non estará pechada ata que se presente" a moción e mesmo "ata que se vote" no pleno da institución provincial, indica un membro do grupo provincial do PSdeG para ilustrar o temor que, aínda que nun grao moito menor ao de hai unhas semanas, aínda persiste a un posible desmarque de Martínez quen, non obstante, xa asinou a censura.

As negociacións con Martínez pecháronse este venres en Rábade

Neste contexto, as fontes consultadas indican que co acordo acadado se reeditaría unha coalición que nesta ocasión estaría encabezada polo socialista Darío Campos, alcalde da Pontenova e actual voceiro do PSdeG na institución, e vicepresidido polo BNG. Manuel Martínez seguiría na corporación provincial e como deputado do goberno, previsiblemente en responsabilidades semellantes ás que veu ostentando en materia de vías e obras.

A moción votarase o vindeiro día 8

"As negociacións nunca chegaron a romper de todo" e o que se procurou nos últimos días foi "avanzar" cara a un acordo especialmente desexado nos gobernos locais encabezados por socialistas e nacionalistas na provincia de Lugo. Así as cousas, o mandato da popular Elena Candia remataría apenas cinco meses despois de iniciarse e vaino facer, previsiblemente, o vindeiro 8 de outubro, data fixada para a votación.

"Devolvemos aos lucenses o goberno progresista e nacionalista que elixiron"

Confirmada e rexistrada a moción, o voceiro provincial do PSdeG, Darío Campos Conde, e o voceiro provincial do BNG, Antonio Veiga Outeiro, adiantaron anunciaron o inicio do procedemento "para devolver aos lucenses o goberno progresista e nacionalista que elixiron o 24M para a Deputación de Lugo" e confirmaron que a institución provincial será presidida polo propio Darío Campos. 

Campos Conde remarcou que o 8 de outubro "plasmarase no organismo provincial a decisión da maioría dos lucenses nas pasadas eleccións municipais: un goberno progresista e nacionalista para a Deputación de Lugo". "A partir dese mesmo día, retornaremos á provincia as políticas de progreso e poremos fin ás políticas destructivas e caciquís do PP", dixo o voceiro socialista, que asegurou que durante os últimos meses "o PP só se dedicou a facer da institución unha Delegación máis da Xunta de Galicia, a pagar con cartos dos lucenses as débedas de Feijóo coa nosa provincia e a destruir, paralizar e bloquear proxectos de futuro do anterior Executivo". Así, citou como exemplos a apertura dos primeiros centros para maiores da rede pública de residencias e centros de día da Deputación; a posta en marcha do primeiro centro de recría de gando vacún público en España na granxa Gayoso Castro ou a creación de 300 novos postos de traballo na provincia a través do Ben Empregado II. 

"Damos o primeiro paso para devolver aos lucenses un goberno que nunca debeu estar en mans do PP", di Veiga (BNG)

Veiga Outeiro, pola súa banda, asegurou que as dúas formacións van "abrir de novo as portas da Deputación” e subliñou que veñen de "dar o primeiro paso para devolver aos lucenses un goberno que nunca debeu estar en mans do PP". "Levaremos adiante un programa que xa está en marcha nas Deputación da Coruña e Pontevedra co PSOE e BNG, e atenderemos as verdadeiras preocupacións dos lucenses e a todos os concellos da provincia, independentemente da súa cor política”, rematou. 

Antonio Veiga (BNG) e Darío Campos (PSdeG), explicando o acordo ante a prensa CC-BY-NC-SA BNG Lugo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.