Feijóo cualifica de "vergoña" a moción na Deputación de Lugo tras avalar a de Boimorto

Feijóo, na convención do PP de Ourense Dominio Público @PPdeOU

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cualificou este sábado o acordo alcanzado entre PSOE e BNG para gobernar a Deputación de Lugo como "o pacto da vergoña". Utilizou os mesmos termos que o día anterior José Manuel Rey Varela, ex alcalde de Ferrol e responsable de campaña dos populares galegos. E fano logo de que o seu partido amparase a moción de censura que desaloxou a Xosé Luís Rivas, Mini, da alcaldía de Boimorto logo de que a súa formación se apoiase nun tránsfuga do PSdeG. 

Feijóo ve no acordo entre PSdeG e BNG "intereses partidistas e escuros"

Feijóo afirmou na súa intervención na convención de cargos populares ourensáns de Baños de Molgas que "non hai razóns" para unha moción de censura, máis aló de simples "intereses partidistas" e "escuros". O presidente da Xunta criticou o pacto entre ambas as dúas formacións "no que o PSOE convida o BNG, o BNG acepta e a xente paga", un feito detrás do cal ve "só intereses personalistas, partidistas e escuros".

"É un despropósito", insistiu Feijóo, que se amosou convencido de que o tempo dirá exactamente que levou a BNG e PSOE de Lugo, "primeiro a dicir unha cousa e ao cabo de cen días a dicir a contraria". "Non hai razóns para botar a un goberno democrático despois de gañar as eleccións e a quedar a un deputado da maioría absoluta", subliñou o mandatario galego.

O presidente da Xunta cre que a moción de censura só é "unha repartición de cargos e de soldos"

Para o xefe do Executivo galego o único que hai detrás desta decisión é "unha repartición de cargos e de soldos". Por iso, insistiu en que "a xente sabe perfectamente o que está a pasar na Deputación de Lugo", e acusou a PSOE e BNG de facer precisamente "o que criticaron nestes anos".

Por último, Feijóo trasladou dirixiuse a nacionalistas e socialistas: "No caso de que nos deixen gobernar se gañamos, o que temos é que completar as maiorías para que non nos poidan impedir que prospere a democracia".

Nada dixeron no PP do caso de Boimorto. Daquela, mesmo o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, apoiaba a moción de censura porque "en democracia ten que gañar o que ten máis apoio da xente". "O PP gañou as eleccións en Boimorto cunha gran claridade", dixera o xefe do Executivo, tras aclarar que "non ten sentido" que non exerza a alcaldía "quen recibiu o 40% dos votos", pero si outra forza "cun 10%".

O PP desaloxou da alcaldía de Boimorto ao BNG apoiándose nun tránsfuga do PSOE

En Boimorto, nos pasados comicios do 24M, o Partido Popular obtivo 687 votos, sumando o 44,35% dos sufraxios e 5 edís fronte aos 538 votos do PSdeG e 4 edís e os 297 do Bloque, con 2 representantes. Un acordo entre socialistas e nacionalistas, que sumaban o 54% dos votos, deu a alcaldía a Xosé Luís Rivas, que ofreceu virar o rumbo de pouco "entendemento" dos últimos anos cara a un goberno "transparente" e "xeneroso". A aventura durou menos de tres meses.

Feijóo, na súa intervención na convención do PP ourensán Dominio Público @PPdeOU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.