O día que o bipartito gañou o seu plebiscito (e Feijóo, o goberno)

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

O plebiscito cambia de bando. As forzas independentistas catalás e, nomeadamente, o que dende este domingo é o goberno en funcións da Generalitat de Catalunya, presentaron as eleccións do 27-S como uns comicios plebiscitarios. O veto do Goberno de España a un referendo de autodeterminación levou o soberanismo a procurar unha fotografía electoral do independentismo a través dunhas eleccións parlamentarias, nas que os votos non van ao "si" ou ao "non", senón a partidos e coalicións que defenden unha ou outra opción, pero tamén posibilidades intermedias. O resultado, cunha ampla maioría parlamentaria do soberanismo pero con menos da metade dos votos emitidos para forzas abertamente independentistas, impulsou os partidos contrarios á independencia catalá, así como a parte dos medios de comunicación, a interpretar como perdido un plebiscito que viñeran negando ata o propio domingo. O panorama electoral, salvando as distancias obvias, ten certos paralelismos co que configuraron en Galicia as eleccións de 2009, as que propiciaron o retorno do PP á Xunta.

A aquelas eleccións, como a todas as demais, concorrían as diversas forzas políticas con cadansúas siglas. No entanto, política e mediaticamente medíanse nas urnas o bipartito de PSdeG e BNG fronte a un partido conservador que, tras tres anos e medio na oposición, aspiraba a volver ao Goberno e culminar así a transición tras a fin do fraguismo. Tras o reconto daquel 1 de marzo e despois de agregar o voto dos denominados residentes ausentes -que daquela aínda participaban sen sufraxio rogado- a suma de apoios cidadáns logrados por PSdeG e BNG foi de algo máis de 795.000 votos. Mentres, as listas que procuraban situar a Alberto Núñez Feijóo na Presidencia quedaron un chisco por riba dos 789.000 votos. Había, polo tanto, case 6.000 persoas máis que apostaron polas forzas que sustentaban o Goberno de coalición.

En 2009 o PP obtivo menos votos que a suma de PSdeG e BNG, pero logrou a maioría absoluta no Parlamento

Estas cifras serían reiteradas durante a seguinte lexislatura en non poucas ocasións dende as bancadas de PSdeG e BNG, que foron as da oposición. O feito de lograr conxuntamente 6.000 votos máis que o PP e de ficar, porcentualmente, máis dun punto por riba dos conservadores, non impediu que a transformación de votos en escanos a través da Lei d'Hondt en cada unha das catro circunscricións configurase un Parlamento na que o PP contaba cunha maioría absoluta pola mínima, 38 dos 75 deputados que sustentaron o novo Goberno. Mentres, os socialistas mantiñan os 25 que obtiveran en 2005 e o BNG perdía un na provincia da Coruña, ficando en 12.

2009

Tres anos e sete meses e medio despois, o electorado galego foi convocado a renovar de novo o Parlamento. O panorama político e partidario mudara notablemente, coa coalición Alternativa Galega de Esquerda, formada por Anova, Esquerda Unida, Equo e os Ecosocialistas como principal novidade. Tal e como reflicten as bases de datos do IGE, naqueles comicios do 21 de outubro de 2012 o PP padeceu un notable retroceso en apoio cidadán, deixando polo camiño case 130.000 votos a respecto dos comicios de 2009.

Os populares recadaron algo máis de 661.281 votos, mentres que a suma das demais forzas que concorrían ás eleccións superou os 744.000 sufraxios. Non obstante, o limiar do 5% para obter representación parlamentaria provocou que o resto de forzas con asento no Pazo do Hórreo tivesen case 20.000 votos menos que o PP. A maior división da banda esquerda combinada co efecto do propio sistema electoral provocou que, malia á perda de apoio cidadán, o PP sumase tres escanos e chegase aos 41. Mentres, o PSdeG baixaba ata os 18, AGE estreábase con 9 -dous dos seus escanos son agora do Grupo Mixto- e o BNG ficaba con 7.

2012

Malia estes números, o mapa parlamentario que deixaron ambas convocatorias electorais deu lugar a interpretacións e relatos máis ou menos xeralizados segundo os cales o PP de Alberto Núñez Feijóo varreu as forzas do bipartito en 2009, cando estas obtiveron máis votos, e ampliou o seu dominio en 2012, malia retroceder en sufraxios.

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG
Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno bipartito © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.