Quentar o ambiente, bloquear fisicamente a néboa, desfacela con produtos químicos ou paliar a súa falta de visibilidade con iluminación intelixente son os catro grandes grupos de propostas que, cunha ou outra tecnoloxía, propoñen as 12 empresas que de momento se ofreceron ao Ministerio de Fomento para solucionar o problema da Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso polo Alto do Fiouco, en Abadín. As tres últimas propostas entraron no departamento que dirixe Ana Pastor o luns, pero o novidoso proceso para elixir a gañadora aínda será longo, polo que a autovía seguirá sendo intermitente aínda durante un tempo nada desprezable.
O treito duns quince quilómetros no que a A-8 ascende desde A Mariña ata a Terra Cha, ao seu paso por Mondoñedo e Abadín foi inaugurado en febreiro do ano pasado e sofre constantes e prolongados cortes de tráfico polo perigo que supón para a circulación a néboa que alí se forma. Eses cortes de seguridade prodúcense recorrentemente dende apenas cinco meses despois da inauguración. Son a consecuencia do accidente múltiple que en xullo de 2014 provocou unha morte e unha trintena de feridos.
Tras o accidente múltiple de 2014 a autovía sofre cortes recorrentes para evitar a circulación entre a mesa néboa
Tras ese sinistro, Fomento optou por cortar a vía cada vez que hai néboa, ademais de reforzar a sinalización vertical e horizontal da estrada e as súas medidas de seguridade, pero aínda non puido garantir a seguranza para a circulación cando a néboa é máis mesta, o que segue a provocar desvíos cara á estrada convencional. Ante a falla de solucións, Fomento decidiu iniciar un novidoso proceso de consulta e diálogo con calquera empresa que poida resolver o problema. Unha vintena de firmas amosaron interese e unha ducia delas presentaron xa as súas propostas. Agora Fomento debe analizar a viabilidade desas ideas e as empresas aínda deben concretalas máis.
"Cando as propostas teñan un maior grao de mdurez, indicarase a duración e importe estimado para os prototipos", indica Fomento
A intención do ministerio é poder pechar o actual proceso inicial de diálogo sobre os posibles inventos antes de que remate o ano para, tras probar algún prototipo no propio alto do Fiouco, convocar logo un concurso público para a execución material da idea ou combinación de ideas gañadoras. Segundo Fomento, “cando as propostas teñan un maior grao de madurez, indicarase a duración e o importe estimado para os prototipos en campo”. De momento o que se coñece é o nome das doce empresas que xa presentaron unha proposta e un resumo moi sintético de en que consiste a súa idea ou combinación de ideas.
Solucións térmicas
Sista-Coat Spain foi a segunda empresa en presentar unha proposta, o 16 de xullo, consistente nunha combinación de ideas. Por unha banda un “sistema de disipación de néboa mediante calefacción por raios infravermellos, a través de placas de radiación instaladas sobre pórticos que quentan o pavimento”. Esa solución térmica complementaríase cunha física, “con mallas atrapanéboas apoiadas nos postes dos pórticos”.
Valoriza Conservación de Infraestructuras propón un “sistema que combina tecnoloxías de detección e aviso (informando ao condutor de posibles riscos de impacto) e de disipación de néboas (sistema de quecemento do firme baseado en xeotermia)”.
Solucións luminosas
Interlight SP foi a primeira empresa en presentar unha proposta, o 10 de xullo, un “sistema de sinalización vial intelixente formado por placas luminosas, en substitución das marcas viais convencionais, constituida por dispositivos LEDS de cor branca ou amarela activados por sensores de paso de vehículos e humidade”.
Entre as solucións luminosas figura a instalación permanente de LEDS na calzada ou balizas con diodos láser
Treelogic tamén propón un “sistema de sinalización intelixente formado por LEDS con código de tres cores (verde, ámbar e vermello), instalados de forma permanente aos lados da calzada. A cor do dispositivo informa do risco de impacto en función das condicións da vía de xeito personalizado ao condutor”.
Iniciativa particular (RLT) aposta un “sistema de sinalización activa intelixente formado por LEDS de cor variable (verde, ámbar e vermello), no eixo dos carrís en forma de aspa e nos laterais da vía. A cor dos dispositivo informa do risco de impacto en función das condicións da vía de xeito personalizado”.
Tecnivial propón un “sistema de balizamento nas marxes viais da estrada mediante o uso de diodos semicondutores láser que melloran a visibilidade. Pode ser mediante a proxección de segmentos láser, ou ben transversais e lonxitudinais á vía, ou ben mediante a iluminación homoxénea de áreas rectangulares”.
Solucións químicas
Constructora San José aposta por un “sistema integral fixo e automático de detección e disipación da néboa por precipitación de chuvia con aspersores que difunden produtos higroscópicos (cloruro cálcico, cloruro sódico e CO2 líquido), instalados nunha estrutura a xeito de pérgola”.
Unha das construtoras propón disipar a néboa con aspersores
Fuelia Chemicals propón un “sistema de disipación baseado no aproveitamento da calor latente nas néboas de baixa visibilidade mediante a pulverización dunha disolución altamente salina por parte de vehículos en circulación e/ou estacións fixas”.
Solucións físicas
Sacyr Construcción aposta por un “sistema modular, a modo de pantalla, composto por elementos captadores de néboa nun dos lados da estrada. Consta dunha parte fixa (que permite instalar sistemas complementarios auxiliares) e unha parte móbil (que se pode recoller durante o período de tempo en que non sexa necesario)”.
CHM Obras e Infraestructuras propón un “sistema consistente en barreiras aerodinámicas cortaventos, complementadas cun sistema de balizamento e alumeado baseado en tecnoloxía aeronáutica”.
Varias das empresas propoñen a instalacións de barreiras ou falsos túneles para evitar a néboa
Estructuras y Montaje de Prefabricados pensa nun “sistema pasivo de eliminación da néboa por cubrimento e gradiente da calzada a través dunha estrutura semipechada (falso túnel) en ambas calzadas”.
Carrocerías Hermanos Rega foi a última empresa en presentar a súa proposta, o luns, consistente nun “sistema de eliminación da néboa mediante a súa condensación natural a través dun túnel con estrutura metálica modular, con aceiro inoxidable dúplex e recubrimento interior fotocatalítico”.
Esta ducia de propostas, así como as que aínda poidan chegar, estarán sobre a mesa do Ministerio de Fomento para, unha vez finalizado este inédito procedemento, acometer a contratación e posta en marcha da solución. Isto, en todo caso, traerá consigo un forte investimento público para que poida ser utilizada en condicións de seguridade un treito inaugurado hai pouco máis de ano e medio e no que, segundo datos de Fomento, foron investidos uns 200 millóns de euros.