O contrato do novo hospital de Vigo foi adxudicado a un consorcio integrado por Acciona, Puentes y Calzadas, Altair Ingeniería y Aplicaciones, Concessia Cartera y Gestión de Infraestructuras e OCA (Obras, Caminos y Asfaltos), e nel consígnase que o custo final da obra, 1.795 millóns, multiplica por sete o custo inicial de 250 millóns. Ás empresas concesionarias garánteselles un beneficio empresarial do 8% sen ningún risco, cédeselles a explotación comercial do aparcadoiro estimada en 250 millóns e as tendas e locais comerciais.
A pesar do brutal aumento do custo o proxecto do hospital sufriu importantes recortes para facelo máis atractivo como negocio aos adxudicatarios privados
A pesar do brutal aumento do custo o proxecto do hospital sufriu importantes recortes para facelo máis atractivo como negocio aos adxudicatarios privados, polo que as camas pasaron de 1.460 a 900; a superficie construída reduciuse 28.000 m2, elimináronse os módulos de Investigación e Docencia, e as unidades de Cirurxía Maxilofacial e Queimados quedan en mans do hospital privado POVISA.
A parte financeira do consorcio empresarial (Concessia Cartera, integrada por Ribera Salud, Caja de Ahorros del Mediterráneo –CAM– e Bancaja), que financiará, construirá e xestionará o novo hospital de Vigo está en situación de quebra económica. O Grupo Ribera Salud, constituído por CAM e Bancaja (actualmente integrada en Bankia), xestiona 28 hospitais e 100 centros de saúde no Estado. Con todo a CAM, malia recibir unha grande inxección de diñeiro público (2.800 millóns de euros) tivo que ser intervida e vendida ao Banco Sabadell por 1 euro.
A parte financeira do consorcio empresarial (Concessia Cartera, integrada por Ribera Salud, CAM e Bancaja), que financiará, construirá e xestionará o novo hospital de Vigo está en situación de quebra económica
Este grupo foi incapaz de conseguir os 50 millóns de euros necesarios para pagar a débeda contraída pola construción dun dos seus hospitais PFI (o hospital de Torrejón) e tivo que malvender os seus centros sanitarios en Valencia e Madrid: Rodrigo Rato e o presidente de Ribera Salud optaron por cerrar un proceso negociador en exclusiva con Capio (multinacional sueca) pola módica cifra de 115 millóns de euros, tras un informe de avaliación de ofertas elaborado pola consultora Price Waterhouse Coopers (PwC).
Esta situación de insolvencia económica era coñecida pola Xunta no momento da adxudicación
Esta situación de insolvencia económica era coñecida pola Xunta no momento da adxudicación. O presidente do Banco de España, Fernández Ordoñez, definiu CAM como o peor do peor das caixas de aforros e filtrara, xa en abril de 2009, unha listaxe de sete caixas que debían ser reestruturadas, entre as que se encontra a CAM. En 2009 a filial inmobiliaria da CAM estaba en situación de quebra técnica e no primeiro trimestre de 2010 a caixa alacantina obtén un resultado 30,6 % inferior ao do mesmo período de 2009. Ao peche do primeiro semestre do ano 2011 a CAM presentou unhas perdas de 1.731 millóns de euros, cunha taxa de morosidade do 20 % e unha exposición ao ladrillo de 16.000 millóns de euros. A adxudicataria da obra foi seleccionada pola consultora Price Waterhouse Coopers (PwC) que recibiu da Xunta de Galicia 220.000 euros por asesorar nesta adxudicación. Nesa época Luís de Guindos, actual ministro de Economía, era un alto executivo desa empresa.
Conexións co Partido Popular:
As entidades do consorcio elixido para financiar e construír o novo hospital de Vigo (Acciona, Puentes y Calzadas, Altair Ingeniería y Aplicaciones, Concessia Cartera y Gestión de Infraestructuras e Obras Caminos y Asfaltos), teñen intereses cruzados co Partido Popular:
- Manuel Lamela é un home do PP e da máxima confianza de Rato, ex-xefe do seu gabinete. Desde que abandonou a política en 2008 pasou de ser un xestor da sanidade pública a un empresario privado do mesmo sector. É o máximo dirixente de Madrid Medical Destination, que ten entre os seus socios a Capio Sanidade. Ademais Lamela é conselleiro de Bankia (Caja Madrid) adxudicataria do novo hospital de Vigo.
- Rodrigo Rato, ministro de Economía no goberno de Aznar. Presidente de Caja Madrid e presidente de Bankia. Encarga a PwC a auditoría do proceso de fusión protagonizado por Caja Madrid e Bancaja e inflúe na adxudicación de Ribera Salud a Capio.
- Luís de Guindos ocupou o cargo de secretario de Economía no goberno de Aznar, sendo ministro Rodrigo Rato. En 2008 intégrase en PwC, onde foi xefe dos servizos financeiros. Actualmente é ministro de Economía con Mariano Rajoy.
- Agustín Hernández, abandonou a Dirección de Obras Públicas da Xunta cando o PP perdeu o poder en Galiza, no ano 2005, e tardou apenas 2 meses en fichar pola construtora Puentes y Calzadas, seleccionada para a construción do novo hospital de Vigo, á que un ano antes outorgara contratos por máis de 30 millóns de euros, (naquel goberno de Manuel Fraga, Núñez Feijoó presidía a Consellería de Política Territorial). Agora é Conselleiro de Medio Ambiente no Goberno de Núñez Feijóo.
- Telmo Martín, parlamentario do PP e xefe da oposición no Concello de Pontevedra, é propietario de Hierros Santa Cruz, empresa subcontratada para construír o novo hospital de Vigo. Esta empresa subcontratou posteriormente os seus labores con empresas portuguesas que pagan a hora a 7 euros e cotiza polos seus empregados no país veciño.
Algunhas preguntas relacionadas con esta situación
Estase a utilizar o modelo de financiamento privado dos novos hospitais para beneficiar grupos financeiros e empresariais con diñeiro público
Estase a utilizar o modelo de financiamento privado dos novos hospitais (PFI) para beneficiar grupos financeiros e empresariais con diñeiro público. Esta situación repercute negativamente sobre os recursos económicos e sanitarios públicos. Malvéndense os centros sanitarios de Ribera Salud a unha multinacional estranxeira (Capio) a pesar de que foron construídos e despois saneados, tras a súa quebra (Hospital de Alzira de financiamento PFI), co diñeiro dos cidadáns da Comunidade valenciana. Paralízase o proxecto do goberno bipartito para construír o novo hospital de Vigo, con financiamento e xestión públicos e adxudícase a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) con entidades insolventes, o que supón un incremento do seu custo en arredor de 1.000 millóns de euros.
- Como se pretende financiar o novo hospital de Vigo mediante unha entidade como a CAM que foi adquirida por un banco catalán (que ten cuestionada a súa solvencia) por 1 euro?
- Como puido a Xunta de Galicia adxudicar o contrato para financiar e construír o novo hospital de Vigo a unha entidade como a CAM que estaba considerada polo Banco de España como a peor de todas esas entidades e en situación de quebra técnica?
- Como pode este goberno introducir recortes na atención sanitaria galega mentres cede á iniciativa privada a construción do novo hospital de Vigo por un custo 1.000 millóns de euros superior ao do financiamento público?
- Como pode o Partido Popular pedir sacrificios aos cidadáns e privatizar a sanidade pública porque, segundo eles, non nola podemos permitir, e mentres unha parte dos seus militantes sae beneficiada destes sacrificios e privatizacións?