Carreira contra o reloxo no Pazo de San Marcos. O vindeiro xoves a Deputación de Lugo celebrará o pleno no que, agás sorpresa, sairá aprobada a moción de censura impulsada por PSdeG e BNG para desbancar do goberno a popular Elena Candia, a quen o desmarque do socialista Manuel Martínez lle entregou o goberno da institución o pasado 24 de xuño. Apenas dous días antes da sesión Candia reuniu o seu goberno de urxencia para distribuír axudas a 33 concellos, dos que 31 están gobernados polo seu propio partido. Asemade, os populares aproveitan o tempo de desconto para remitir á Fiscalía unha denuncia na que acusan de irregularidades o goberno de PSdeG e BNG nunhas obras na sede lucense da UNED.
Foi a propia Candia quen, en rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Extraordinaria, xustificou o reparto. A aprobación, afirma, responde a que estes concellos foran "fortemente castigados polo PSOE" e está guiada "por unha política de igualdade dos cidadáns". Segundo a popular, "tras a celebración da Xunta de Goberno de hoxe os concellos do PP, 33 dos 67 da provincia", recibirán ao longo de este ano un total de 2,9 millóns, mentres que "os 34 municipios nos que gobernan outros partdos políticos" recibirán 3,4 millóns.
Candia argumenta que aprobou as axudas aos seus concellos porque foran "castigados polo PSOE"
O seu xeito de proceder, asegura, afástase do da presidencia do socialista José Ramón Gómez Besteiro, ao que acusa de "converter a Deputación nun instrumento de desequilibrio entre municipios e de utilización partidista". Tampouco é reprochable, ao seu xuízo, que esta aprobación urxente se produza a apenas corenta e oito horas da súa previsible saída do goberno. "Os socialistas -acusa- non están lexitimados para dar leccións, tendo en conta que eles mesmos en dúas xuntas de goberno no mes de maio, á porta das eleccións, aprobaron convenios por un importe superior a 2 millóns de euros" que, afirma, foron "un manifesto castigo a moitos concellos da provincia".
Resposta do PSdeG
Álvaro Santos (PSdeG): "Candia dá escusas falsas para tentar camuflar unha cacicada"
Para o PSdeG, o argumentario de Candia non é máis ca un compendio de "escusas falsas para tentar camuflar unha cacicada". Así, o vicevoceiro dos socialistas, Álvaro Santos, dá por "corroborado" que a aínda presidenta "reparte 5 millóns de euros entre municipios gobernados polos populares". Tras consultar co secretario da institución os socialistas indican que finalmente os convenios aprobados este martes foron 27, "os que xa tentou aprobar na sesión ordinaria do venres pero que, finalmente, debido ás dúbidas dos técnicos provinciais, quedaron sobre a mesa". Trátase, asegura, de convenios por 3,5 millóns dos que a Deputación achega 2,9. "Os concellos beneficiados son todos do PP agás Cervantes, que recibe a cantidade máis baixa, 18.000 euros", di.
Asegura Santos que a conservadora "mente" sobre os convenios aprobados polo seu goberno e tamén sobre os que recibiron luz verde antes das municipais. "Na Xunta de Goberno do 22 de maio", sinala, "Mondoñedo xa recibía axudas de máis de 55.600 euros, Baralla outar de 40.000 euros ou Riotorto outra de 150.000 euros". "Ademais -agrega- o PP mentiu descaradamente, pois dixo que nesa sesión se acordaran subvencións para amigos de PSOE e BNG", se ben o aprobado nesa sesión foron achegas para entidades como a Asociación de Dano Cerebral, o Club Deportivo Burela, a Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta ou a Diocese de Lugo, entre outras.