Podemos e EU apelan á "dinámica propia" de Galicia para confluír malia racharen a nivel estatal

Riobóo, Beiras e Díaz, na presentación do preacordo CC-BY-SA EU

A ruptura de conversas entre Podemos e Esquerda Unida sobre unha posible confluencia nas eleccións xerais supuxo o enésimo movemento na procura dunha marea galega para eses comicios. No entanto, o "acordo político" que os de Pablo Iglesias asinaron con Esquerda Unida e Anova é presentado desde ambas as partes como aval para afirmar que a "dinámica propia" de Galicia "salvará" a confluencia e os obstáculos políticos, persoais ou mesmo xurídicos que poidan xurdir no camiño para a participación das dúas forzas na mesma.

"O acordo está salvado", resume o secretario de organización de EU, Rubén Pérez, para quen a cúpula de Podemos se comportou de maneira "desleal". Está, explica, porque os acordos da presidencia e de consello político federal de EU deixaron claro que "os escenarios de Galicia e Catalunya transcorrerían dun modo diferente". "Aquí os procesos de unidade popular están moito máis avanzados" con experiencias como as mareas municipais, ás cales o acordo galego apela como modelo para confluír cara aos comicios do 20 de decembro.

"O acordo está salvado", apuntan dende EU, que ve "desleal" a Iglesias

"O escenario galego segue adiante", sinala Pérez, quen no entanto advirte de que a ruptura a nivel estatal afecta as aspiracións de "ruptura democrática". Ese "suxeito político galego" que aspiran a construír "non vai ser o que, exclusivamente, rompa o réxime do 78", ilustra. Tamén en Podemos-Galicia consideran que "sería unha mágoa" que esa ruptura sexa definitiva, aínda que o seu secretario de análise política, Antón Gómez-Reino, Tone, un dos cargos máis próximos a Iglesias no país, resalta que o partido ten "unha clara vontade de continuar o camiño" iniciado en Galicia co preacordo.

"O escenario galego segue adiante", afirman dende Podemos-Galicia

Segundo Gómez-Reino o desencontro entre EU e a dirección estatal da súa formación non ten por que influír na construción da confluencia en Galicia e aclara que "aínda que aínda quedan moitos pasos por dar" hai unha "vontade" de todos os sectores implicados por "continuar" o camiño trazado ata agora. De feito, asegura que o preacordo político entre o seu partido, Anova e EU está a ser presentado xa a "diferentes actores", aínda que recoñece tamén que "non queda moito tempo" para chegar a un acordo definitivo e implicar a máis forzas nel.

O encaixe xurídico

A pesar das esperanzas dunha eventual recondución das negociacións, desde Esquerda Unida xa non se descarta que, finalmente, Podemos e EU "compitan electoralmente en todo o Estado, pero non en Galicia", o que podería dar lugar a unha situación até certo punto paradoxal: as estruturas federais de Esquerda Unida terían que dar o visto e prace a un acordo galego no que tamén participe Podemos -EU non ten personalidade xurídica propia- mentres ambas as organizacións se disputan o voto no resto do territorio estatal.

"Isto resolverase no tempo de desconto"

Nas negociacións para artellar o acordo galego -que aspira a implicar na confluencia ás mareas municipais, á plataforma Marea.gal e tamén a Iniciativa pola Unión, segundo afirmou Xosé Manuel Beiras - a marca a elixir semella un principais obstáculos. Sobre isto, aseguran as fontes consultadas, nada se falou aínda, así como "nin de lista, nin de nomes". Con todo, desde a dirección de EU advirten de que "houbo rupturas en todos os procesos, incluídas as mareas" que finalmente se presentaron ás municipais. "Isto -auguran- resolverase no tempo de desconto".

Riobóo, Beiras e Díaz, na presentación do preacordo CC-BY-SA EU

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.