Feijóo proclama a "recuperación para todos" cunha chuvia de axudas no ano electoral

Feijóo, ao inicio do pleno CC-BY-SA Ana Varela

Menos recadación pero moitas máis axudas emanadas das arcas públicas. É o esquema que o presidente da Xunta vén de formular para os meses finais da novena lexislatura autonómica e, se cadra tamén da súa presidencia, caso de non concorrer aos comicios ou de non lograr revalidar o cargo. Alberto Núñez Feijóo aproveitou o derradeiro debate de política xeral para, como viña facendo dende hai semanas, dar por inaugurada unha nova era, a da "recuperación para todos", na que dende San Caetano fluirán os 400 millóns de euros en que se incrementarán os Orzamentos Xerais de 2016 coa forma de axudas sociais.

Dende o reproche ás "mentiras" de Zapatero o xefe do Goberno galego asegura que, tras anos "obrigados a dicir que non", chegou o momento do "si", a comezar por emular, en certo xeito, unha das medidas do expresidente socialista que máis críticas recibiron: o célebre 'cheque bebé' . A Galicia "liberada" da "inseguridade", da "inestabilidade" e da "inconsistencia doutros gobernos" afrontará o ano electoral de 2016 cunha "axuda directa de 100 euros ao mes para cada neno que naza a partir do 1 de xaneiro".

O presidente anuncia un 'cheque bebé' de 100 euros ao mes a partir do 1 de xaneiro

Sen ofrecer excesivos detalles Feijóo afirma que esta achega para "gastos básicos" como "alimentación, cueiros e mudas" van ser "establecidas en función da renda per cápita familiar". A súa previsión, mantén, é que eses "100 euros mensuais poderán chegar a máis de 8 de cada dez familias". O comunicado difundido ao respecto pola Xunta, no entanto, fala directamente de "axudas directas para todas as nais e pais na manutención e crianza dos fillos". "Aquí se apoia aos fillos máis que nunca antes" e "máis que en ningures", asegura.

Feijóo asegura que "o momento de maior compromiso social" da Xunta cadrará cunha "baixada de impostos sen precedentes"

O titular da Xunta encadra este anuncio nunha "recollida de froitos" da súa propia xestión, a que serviu para "anticiparse" nas medidas anticrise e tamén "na recuperación". A poboación galega, asegura, está a piques de vivir "o momento de maior compromiso social dun Goberno autonómico" e vaino facer mentres, ao tempo, se lle rebaixan os impostos como o treito autonómico do IRPF ou os tributos de sucesións e doazóns, nos que só haberá que pagar en herdanzas que superen os 400.000 euros, afirma. Será, promete, unha "baixada de impostos sen precedentes" que non impedirá a "recuperación inclusiva para todos".

Unha Galicia "independente"

"Grazas por todo, Galicia", despediuse

Feijóo lanzou estas e outras promesas nun discurso de contido eminentemente administrativo no que a leve carga política ficou reservada para o treito final e en clave netamente estatal. Grazas ao labor do seu Goberno, di Feijóo, Galiza xa pode proclamar a súa "independencia" pero "non da España na que nos sentimos libres nin da Europa que enmarca o noso desenvolvemento", senón "da resignación, do fatalismo e do derrotismo" e facelo cunha lingua que "non debe impoñerse a outra", senón ser "útil". Nesta liña, asegura, a Xunta vai "poñer en marcha os mecanismos para que Galicia se incorpore á Comunidade de países de fala lusófona", en referencia á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).

Durante estes anos, asegurou con voz que suxería emoción, veu presidindo un país que non é "solista", senón "polifónico", e que con ese carácter afronta un "cambio de ciclo" que "vai alén do estritamente económico". Sen aclarar o interrogante que paira sobre este debate, se o seu rostro aparecerá no cartel electoral do PP en 2016, Feijóo despediu o seu discurso coa bancada conservadora posta en pé: "Grazas por todo, Galicia".

Discurso de Feijóo durante o debate de política xeral © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.