Jorquera acusa a Feijóo de "querer salvarse a si mesmo" mentres "se derruba o país"

Jorquera diríxese a Feijóo durante o Debate CC-BY-SA BNG

"O mellor servizo que lle pode facer a este país é irse... E dános o mesmo que marce para a casa ou para Madrid". Con esta solicitude a Feijóo rematou Francisco Jorquera, voceiro parlamentario do BNG, a súa intervención no Debate do Estado da Autonomía, no que fixo un percorrido pola situación de "agonía" no que, ao seu xuízo, se atopa un Goberno galego que "intenta salvar os restos do naufraxio" e no que o presidente "non ten esperanza que ofrecerlle a Galiza". 

Jorquera acusa a Feijóo de "querer salvarse a si mesmo mentres se derruba o país"

O portavoz do Bloque censurou a repentina preocupación social de Feijóo e a chuvia de axudas anunciadas a un ano das eleccións por "querer facer nun ano o que non fixo en sete". "Non ten credibilidade para ofrecer nada novo", espetoulle Jorquera, que acusou o presidente da Xunta de "querer salvarse a si mesmo mentres se derruba o país" e nun goberno que "agoniza". Así, o deputado nacionalista aludiu aos últimos cambios no Executivo autonómico e lembrou ao presidente que nin a conselleira Quintana nin Mosquera foran destituídos por el, senón "polo pobo". "Polos gandeiros que sacaron os tractores á rúa e polo pobo que se manifestou contra a desfeita e o deterioro da sanidade pública", engadiu. 

Nunha intervención na que repasou o último ano, pero tamén toda a traxectoria de Feijóo á fronte da Xunta, Jorquera aludiu a Castelao para o seu resumo. "Mexan por nós e o seu goberno di que chove", asegurou o voceiro nacionalista, que acusou o presidente da Xunta de limitarse a "aplaudir o que se decide en Madrid" aínda que esas decisións "discriminen" Galicia, como no caso dos gandeiros e a crise do sector lácteo, pero tamén na pesca, no sector eólico ou no caso das preferentes. "Decidiu ser o cabalo de Troia que marxinan no noso país", dixo. 

"Limítase a aplaudir o que se decide en Madrid aínda que iso discrimine a Galicia", advertiulle Jorquera a Feijóo

"Sempre fixo o mesmo: mirar para outro lado ante os problemas do país ou mirar para atrás para botar a culpa ou ampararse en que non ten competencias antes de responsabilizarse e defender as que ten", reprochoulle Jorquera a Feijóo, ao que recriminou a "venda a perda" das caixas galegas e que permitise que un "incontable número de empresas galegas mudasen a súa sede social, porque a sede social de Galiza estase trasladando a Madrid". 

Jorquera insistiu nese "mirar a outro lado" de Feijóo e acusouno tamén de "escaquearse", impedindo a comisión de investigación polo accidente de Angrois, "cando Montoro rouba os nosos retornados", cando Noruega "rouba os emigrantes" sen resposta do Estado ante Estrasburgo ou na estafa das preferentes na que, "só a presión social obrigou a recuar" a Xunta, segundo o deputado do BNG. 

Ao tempo, Jorquera denunciou os importantes recortes levados a cabo polo Goberno de Feijóo en sanidade, educación e dotación para a cultura e a normalización lingüística e tirou de estatísticas oficiais para derrubar o discurso triunfalista da Xunta no ámbito económico e de emprego. Xa ao final, retou ao presidente a que se comprometese a que "o PP inclúa a transferencia da AP-9 no programa do partidos ás xerais" e aludiu ao carácter nacional de Galicia para apostar pola defensa da soberanía "e non da submisión" no futuro debate territorial no Estado. 

Jorquera, durante o Debate CC-BY-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.