Beiras chama á "unidade popular" para "abrir un novo ciclo" tras a "barbarie"

Xosé Manuel Beiras, nun intre do seu discurso CC-BY-SA Praza Pública

Xosé Manuel Beiras comezou o seu discurso inicial no debate de política xeral como adoito, con máis referencias históricas que á actualidade e con máis calma que vehemencia. Tras a proclamación dunha nova xeira formulada por Feijóo na sesión matinal o voceiro de AGE enmarcou tamén a súa intervenció nun "novo ciclo", pero dun "ciclo histórico", unha "etapa de transición" no "sistema mundo, na UE e no réxime español". Este, di, debera ser "o contexto de calquera debate de política xeral", tamén no galego, que Beiras emprega como marco para apelar á "unidade popular" fronte á "barbarie" que, acusa, o PP tenta "inocular" na sociedade.

Hai dous anos, lembra o histórico nacionalista, dende a propia tribuna do Parlamento advertiu de que "sectores cidadáns" que "se arrepoñen, se autoorganizan e combate" estaban a formar unha "maré". "Tomáronme, outravolta, por tolo, mais a primavera seguinte esa rebelión emerxeu nas europeas e, un ano máis tarde, traduciuse literalmente na Galiza" coas "mareas que asolagaron os castelos rochedos" do PP na Coruña, Santiago e Ferrol. Foron ambos, afirma, pasos para "derrotarmos a oligarquía, restaurarmos a democracia" e "abrirmos de vez un novo ciclo". "Eis o reto que temos diante", resalta, tanto nas vindeiras eleccións ás Cortes do Estado" como nas galegas de 2016.

Beiras apela ao espírito das mareas para "derrotarmos a oligarquía e abrirmos de vez un novo ciclo"

Tendo en conta que "o pobo galego nunca recibiu nada da España Eterna", Beiras coida que "a cidadanía organizada e as forzas políticas leais a ela" deben artellar unha "estratexia de unidade popular" para "encetarmos, na Galiza e no Estado", o devandito "ciclo novo" que "restaure a democracia facticamente abolida na Unión Europea". "Exhorto a todo a pór á obra", enfatiza.

Só deste xeito, a xuízo de Beiras, poderá emendarse a acción do gabinete de Feijóo, unha "brigada de demolición que fixo o que nin Fraga fixera", isto é, "utilizar as institucións" ata "converter o Estatuto de Autonomía nun esquelete sen músculos, nervios, sangue nin cerebro". Fíxérono, reprocha, a través do que define como "pecados capitais" dos conservadores galegos que, lembra, gobernaron "todo o tempo agás lexislatura e media".

O líder da AGE define o goberno de Feijóo como "brigada de demolición que fixo o que nin Fraga fixera"

Eses "pecados", di, concrétanse no "espolio e bloqueo da éolica e demais enerxías alternativas", o "roubo das caixas", o "exterminio dos gandeiros" e a súa "extorsión", a "redución das xentes traballadoras á escravitude e á inseguridade", a "conversión do ensino e da sanidade en mercadorías para quen poida pagalas", o "etnocidio, desleixo e mesmo agresión á cultura e ao idioma propio" ou ao "ecocidido", con agresións á natureza dende "a barbarie utilitarista".

Todo isto, advirte Beiras, só mudará coa "participación do pobo galego como suxeito político de seu no combate a prol da rexeneración democrática". "Porque un pobo sometido a espolio colonial -conclúe- só pode confiar nunha mudanza de ciclo político na que el mesmo sexa decisor soberano".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.