Romeu advirte a Feijóo de que o seu tempo "rematou"

Romeu, durante un pleno CC-BY-NC-SA PSdeG

"É irrelevante que quede ou marche. O seu tempo rematou, é tempo de cambiar". José Luis Méndez Romeu, voceiro parlamentario do PSdeG, incidiu durante o seu discurso inicial no debate de política xeral no "esgotamento" do Goberno de Núñez Feijóo. "A semana pasada deunos a razón", dixo en referencia aos cambios nun Executivo, este e o anterior, que "esnaquizou a esperanza de tantísimas persoas golpeadas pola crise", pero que agora, como destacou o deputado socialista "reclama fe no futuro mentres ofrece caridade en forma de subsidios múltiples". 

Romeu acusa a Feijóo de "reclamar fe no futuro mentres ofrece caridade en forma de subsidios múltiples"

Cun fondo repaso estatístico, Méndez Romeu quixo exemplificar a "estratexia económica" de Rajoy, Feijóo e o PP, unha política "que chamaron austeridade e que hoxe está fracasada". Para o voceiro socialista, Feijóo "é o presidente do paro" e lembrou que en Galicia hai na actualidade 90.000 desempregados máis que cando el chegou á Xunta tras reprocharlle que intente competir "con salarios baixos e precariedade laboral". "O balance do PP son salarios insuficientes, traballo precario, pensións en risco e prestacións sociais minguantes", engadiu logo de cualificar os populares como "abandeirados da desigualdade". 

Así, Méndez Romeu fixo balance dos anos de Feijóo á fronte da Xunta para relatar en cifras a precariedade laboral, o aumento do desemprego, a crise das prestacións sociais, a regresión fiscal, a "inutilidade" da política agropesqueira do Goberno galego, os recortes continuos en sanidade e educación ou a parálise empresarial. E lembrou que o PP "clamaba contra a débeda que herdaron" nos primeiros anos de goberno para logo "incrementala nun 250%, ata os 10.000 millóns". 

O PSdeG lembra que o PP "clamaba contra a débeda herdada" para logo "incrementala nun 250%"

Ademais, o portavoz do PSdeG citou o caso do novo hospital de Vigo como exemplo do "capitalismo de amiguetes" que tería resumido a política económica do PP á fronte da Xunta e que se exemplifica nun centro Álvaro Cunqueiro "no que só gaña a empresa concesionaria". "A sanidade privada vive momentos de gloria con vostedes", dixo Romeu, que recordou a "multitude de protestas masivas, a redución de dereitos ou a privatización" nun sistema sanitario "que era modélico e sostible" e ao que o Executivo popular "abriu as portas ao negocio". "Agora a sanidade é menos pública, menos universal e menos gratuíta", engadiuu. 

"É difícil pensar que o PP traballa para o interese xeral e non para a suma de intereses particulares", continuou Méndez Romeu, que aludiu tamén á corrupción para lembrarlle a Feijóo que no Parlamento "aínda se agarda por documentación ou explicación de asuntos que afectan a súa contorna persoal ou ao seu partido"

"Con vostede, Galicia é irrelevante", dille Romeu a Feijóo

Ao tempo, Romeu -ao igual que o resto de voceiros da oposición- destacou tamén a irrelevancia política de Galicia no escenario estatal con Feijóo á fronte da Xunta e lembroulle que "non abonda chamarse nacionalidade histórica, senón que hai que exercela". "Con vostede Galicia é irrelevante e calquera dos anteriores presidentes tiña unha idea máis clara do cáracter singular da autonomía galega", rematou tras criticar tamén o discurso de confrontación que desde o Goberno galego se mantén no conflito catalán. 

Romeu, durante un pleno CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.