Integrarse na lusofonía de costas a Portugal

Vista da cidade do Porto CC-BY-SA Praza Pública

O debate político parlamentario galego está tan enquistado e cheo de trampas que a recente sesión anual sobre política xeral permitiu ver como o PP aprobou unha proposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para integrar a Galicia na lusofonía que foi rexeitada por toda a oposición agás as dúas deputadas do grupo mixto. Ao tempo, o grupo que sustenta o Goberno vetou outra petición do PSdeG, apoiada polo resto da Cámara, para impulsar a cooperación con Portugal. Máis lusofonía pero sen Portugal. O diaño está nos detalles.

Desde que comezou a crise, a acción exterior vén estando practicamente desaparecida das sesións anuais de política xeral. As propostas nesa materia do PP víñanse centrando case en exclusiva na internacionalización das empresas galegas e as poucas da oposición, rexeitadas, non conseguían sequera crear moito debate. Este ano algo cambiou nas formas, pero está por ver a súa concreción no fondo.
“Anúnciolles que poñeremos en marcha os mecanismos para que Galicia se incorpore á Comunidade de Países de fala lusófona”. Ese foi o gran anuncio en materia de acción exterior que fixo Feijóo durante o seu discurso inicial no debate sobre o estado da autonomía deste ano, no que relegou a internacionalización das empresas galegas ao final de toda a súa intervención. Pero a aposta presidencial pola lusofonía pronto se somerxería en dúbidas. Un día despois da intervención de Feijóo, o texto literal da proposta de resolución presentada polo PP para o seu debate e aprobación limitouse a pedir “afondar nas relacións internacionais cos países de fala lusófona”, xa sen citar expresamente a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

A aposta presidencial pola lusofonía encheuse de dúbidas un día despois, xa que a resolución do PP non cita expresamente a CPLP

A proposta verbal de Feijóo vai máis alá do que obriga a denominada lei Paz Andrade, aprobada hai un ano e medio por iniciativa cidadá e cuxo texto concorda máis coa liña xeneralista da resolución do PP que coa concreción do discurso do presidente. A norma en vigor limítase a pedir que se promovan as relacións “a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa”, sen citar nin insinuar a súa máxima organización interestatal. Por outra banda, a aposta de Feijóo pola CPLP terá que enfrontarse ás reticencias do Ministerio de Exteriores cara a institucionalización da acción exterior das comunidades autónomas. A realidade é que a CPLP está formada por estados soberanos (Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guinea Bisau, Guinea Ecuatorial, São Tome e Principe e Timor-Leste), así que habería que preguntarse se a proposta de Feijóo é que sexa España a que se integre na comunidade, que o faga Galicia ou que a comunidade autónoma asuma un papel menor, de observador.

A iniciativa aínda ten que concretarse, pero pode tamén que só fose un truco parlamentario.

A iniciativa aínda ten que concretarse, pero pode tamén que só fose un truco parlamentario. Porque a proposta do PP sometida a votación incluía tamén noutro punto unha defensa expresa da política lingüística da Xunta. Inasumible para os grupos da oposición, que votaron en contra de toda a proposta.

Esa estratexia de xuntar nunha mesma proposta para a súa votación dúas iniciativas políticas distintas, unha aceptable polo contrincante político e outra non, pairou sobre a negativa do PP a aprobar a petición do PSdeG de intensificar as relacións con Portugal. Os socialistas pediron “impulsar a cooperación transfronteiriza con Portugal, favorecendo un recoñecemento mutuo de gran parte dos datos oficiais públicos emitidos polas respectivas administracións, e permitindo á cidadanía e ás empresas de ambos os dous países a utilización da maioría dos servizos públicos, así como a creación de novos equipamentos públicos concibidos, desde o seu inicio, para o uso común a ambos os dous lados da fronteira, reducindo custos, aumentando a eficiencia e permitindo estreitar lazos á poboación das rexións transfronteirizas”. A proposta nada contradí do traballo que xa veñen facendo lentamente a Eurorrexión, coxestionada pola Xunta, ou as eurocidades de Chaves-Verín e Tui-Valença. Pero o PSdeG xuntou esa proposta con outra que criticaba a ineficiencia da Xunta ao executar fondos europeos e insinuaba fraudes na súa xestión. Inasumible para o PP, que votou en contra de todo.

Denuncia a Noruega

Xunto coa aposta pola lusofonía, a outra grande proposta de carácter exterior aprobada polo Parlamento, por unanimidade, foi unha do BNG en apoio aos mariñeiros galegos que durante anos cotizaron en Noruega sen obter nada a cambio. A iniciativa é especialmente dura e insta a Xunta a “esixir do Estado español que presente unha demanda interestatal contra Noruega diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por incumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos”.

A Cámara aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG en defensa dos mariñeiros que cotizaron en Noruega

Pouco máis de si deu o debate sobre o estado da autonomía en materia de acción exterior. Do total de 200 propostas presentadas polos catro grupos parlamentares aprobáronse 50 (as 40 do PP e outras 10 da oposición) das que catro teñen algún compoñente internacional, aínda que sexa moi remoto. Xunto coa aposta pola lusofonía, o PP aprobou tamén en solitario seguir incentivando a internacionalización da economía galega (agora apostando por empresas individuais máis que por sectores no seu conxunto) e aumentar a celebración de eventos deportivos de carácter internacional para potenciar a imaxe de Galicia. Por unanimidade aprobouse unha proposta do PSdeG para que o Estado incremente medios materiais e humanos para facilitar a participación electoral dos galegos residentes no estranxeiro.
Entre as proposicións rexeitadas pola maioría absoluta do PP, co apoio do PSdeG, figuran dúas de AGE e BNG reclamaron o dereito de Galicia a decidir como nación no mundo. Na súa, AGE fai unha longa exposición de antecedentes na que lembra que Galicia está “recoñecida internacionalmente como nación desde que participou como tal no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo da Sociedade de Nacións, que se celebrou do 16 ao 18 de setembro de 1933”, representada entón por Plácido Castro.

AGE e BNG defenderon iniciativas sobre o dereito de Galicia a decidir como nación no mundo

Tampouco tiveron éxito PSdeG e AGE pedindo á Xunta un plan galego de asilo ante a crise dos refuxiados; nin AGE reclamando, co apoio do resto da oposición, máis barcos militares para a Armada española; nin PSdeG, AGE e BNG demandando cambios na política pesqueira europea, cuestión xa case máis interna que externa. Por último AGE, a formación que máis retórica internacionalista empregou mesmo nas propostas de política interna (cita incluída á Conferencia de Alma Ata de 1978 da OMS e UNICEF sobre a Atención Primaria para reclamar a súa mellora en Galicia), instou a denunciar os tratados de comercio internacional que están sendo negociados na actualidade.

Aínda que en total se aprobaron este ano menos propostas que o ano pasado, 50 fronte a 56, a presenza entre elas de materias relacionadas coa acción exterior é superior. O que está por comprobarse é o seu cumprimento futuro.

Votacións no debate de política xeral © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.