Unha muller denuncia a Baltar por ofrecerlle traballo a cambio de sexo

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Unha cidadá de Ourense acusou a José Manuel Baltar, o todopoderoso presidente da Deputación Provincial, de empurrala a manter relacións sexuais a cambio dun posto de traballo fixo nese organismo público. "Baltar prometeume unha praza fixa se mantiña relacións sexuais con el", reza o escrito de denuncia presentado o pasado 13 de outubro e ao que tivo acceso eldiario.es.

Os feitos aos que se refire a denuncia remóntanse a 2010. Naquel ano, José Manuel Baltar aínda non presidía a Deputación. Facíao o seu pai, José Luis Baltar, pero José Manuel xa sabía que o cargo levaba o seu nome; el ía ser o herdeiro do "cacique bo". Faríase coa Presidencia da Deputación dous anos despois. Xa entón, cando aínda non accedera ao cargo, Baltar comprometeuse a dar un emprego fixo á denunciante, segundo o escrito que presentou na Fiscalía.

José Manuel Baltar nega os feitos, en conversa con eldiario.es, e asegura que "en ningún momento lembro que eu dixese nada das cuestións que se me imputan". "Eu nunca ofrecín traballo a cambio de sexo". O político do PP argumenta que o seu foi máis despedir que contratar: "Eu fixen o primeiro ERE dunha Administración pública na Deputación de Ourense". 

A denunciante tivo varios empregos eventuais na Deputación (entre 2003 e 2009) e colaborou co Partido Popular na organización do Congreso de xaneiro de 2010, no que Baltar fillo tombou o candidato proposto por Rajoy e Feijóo. A súa relación co político do PP foise facendo máis próxima e non tardaron en chegar as primeiras insinuacións. Sen andrómenas, Baltar empezou a subir o ton das súas mensaxes.

José Manuel Baltar: "Eu nunca ofrecín traballo a cambio de sexo"

Segundo o relato da denunciante, o político do Partido Popular citouna na habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense. O contacto sexual tivo lugar o 15 de marzo de 2010. Antes desa noite o político preparou o terreo cunha sucesión de mensaxes nos que se insinuaba que a súa cita na suite era o modo de celebrar que ían traballar xuntos: "Te gusta el champagne? Celebramos que estaremos muy juntos. Chispas. Relax. Bs."

A autora da denuncia, cuxo anonimato mantemos por petición expresa, declarou a eldiario.es que decidiu acceder á petición. "Atopábame nunha situación desesperada e pensei que se non ía a ese hotel nunca me darían o traballo. Non me sinto orgullosa, pero puiden quedar máis veces e non quixen".

Segundo a denunciante, o político incumpriu o seu compromiso e nunca chegou a contratala; foi entón cando gravou cada unha das conversas nas que lle esixía o cumprimento do trato

Na súa denuncia ante a fiscalía sinala que "sufrín unha enfermidade moi grave da que estou en período de curación e síntome humillada polo que considero foi un abuso da miña situación de necesidade para aproveitarse sexualmente de min, con promesas de darme un posto de traballo na Deputación ou mesmo noutro lugar".

Sempre a través de SMS o presidente da Deputación de Ourense deu indicacións á denunciante para pechar o encontro na suite 505. Ante as dúbidas da súa convidada e o temor a ser vista ou ser preguntada sobre o seu destino, Baltar escribe: "Nadie te lo preguntará... Si lo hacen dices el número de la habitación y punto... Con decisión al ascensor. No problem!".  A 505 é unha das tres suites coas que conta o Hotel Francisco II. Costa 120 euros a noite, almorzo e botella de champaña incluídos.

Tras o encontro sexual, José Manuel Baltar incumpriu o seu compromiso e nunca chegou a contratar á muller. É entón cando a denunciante empezou un periplo de anos esixindo o cumprimento do pacto. A partir dese momento gravou cada unha das conversas nas que lle esixía o cumprimento do trato: un posto de traballo na Deputación que sempre parecía estar ao alcance de man pero que nunca chegou a concretarse. 

A primeira conversa, á que accedeu eldiario.es, prodúcese cando Baltar espera aínda a que o seu pai lle ceda o testemu;o á fronte do organismo provincial. O político escúsase no control que ten o seu pai das contratacións da Deputación e promete que cando acceda ao cargo encargarase de cumprir a súa promesa.

Gravacións e texto da denuncia, en eldiario.es

En xuño de 2012, Baltar fillo volve falar coa denunciante á que recibe no seu despacho. Pasaron catro meses desde a súa chegada ao poder provincial e dous anos desde a cita na suite do Hotel Francisco II. O barón ourensán di estar máis ocupado que Obama e quéixase dos despedimentos que vai ter que impulsar polo ERE que afecta á institución: "Tengo que echar a 130 tíos a la calle. A mí me van a joder porque todos son hijos de no sé cuantos, cuñados de no sé quien, hermanos de no sé que…". Aínda así, mantén a súa promesa e recoñece o seu poder para cambiar as notas dos exames de acceso ás prazas de funcionario.

A última das conversar ás que tivo acceso eldiario.es prodúcese xa nun ton tenso. Baltar amósae molesto cando a denunciante lle volve recriminar os seus incumprimentos en plena rúa. Ela bótalle en cara estar "prometiendo esto y aquello, cuando mandabas mensajes para acostarte conmigo". Baltar responde con rotundidade: "Eres tú la que está pidiendo. Si tú quieres algo, no la cagues. No hagas el ridículo y el gilipollas".

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.