Baltar auséntase do pleno sobre a denuncia de emprego por sexo

A oposición vota a reprobación de Baltar CC-BY-SA Praza Pública

Cumpríronse as sospeitas, por moi estrañas que parecesen. José Manuel Baltar e todo o grupo provincial do PP de Ourense ausentáronse do pleno extraordinario da Deputación de Ourense convocado a instancias da oposición para debater a reprobación do presidente logo da denuncia dunha muller que o acusa de terlle ofrecido un traballo na institución a cambio de sexo. 

Advertírao o voceiro socialista no ente provincial, Ignacio Gómez, que temía unha "artimaña" dos populares para evitar o debate sobre un escándalo que vira xa en situacións surrealistas. Unha delas que a ausencia dos deputados do PP permitiu que o pleno da Deputación de Ourense reprobase o seu presidente, José Manuel Baltar, e solicitase formalmente a súa dimisión cos votos favorables de PSOE, Democracia Ourensana (DO) e BNG e o mutismo dunha bancada baleira e dunha presidencia que tivo que ser ocupada polo representante con maior idade. 

Baltar e o PP ausentáronse, pero antes enviaron un documento no que cualificaban de "miserable, ruín e rastreira" a actitude da oposición

Calou e ausentouse o PP que, no entanto, enviou antes un comunicado no que cualificaba a actitude da oposición como "miserable, ruín e rastreira pantomima política" e no que cargaba con dureza contra o resto de partidos e o intento por, segundo a formación, aproveitarse dun "tema persoal". Os 14 deputados populares argumentan que decidiron non participar no "espectáculo lamentable" no que os "grupos minoritarios quixeron converter o pleno" e aos que acusa de querer exercer "de xúiz sen toga". 

Ante esta "artimaña" que o PSdeG prevía, o PP respondeu acusando a oposición de "nauseabundas artimañas" e de actuar con "maldade e perversión" nun texto "cheo de insultos", como denunciaron o resto de grupos. 

Sorprendidos aínda pola ausencia dos representantes populares e do propio Baltar, os voceiros da oposición coincidiron ao manifestar o seu "bochorno" ante a actitude "covarde e vergoñenta" do presidente e PSdeG e BNG xa anunciaron que solicitarán a convocatoria do comité ético da institución para que valore a idoneidade ou non da dimisión do máximo dirixente provincial. "Isto recórdame ao réxime coreano, como cando o amado líder manda e as ovellas sígueno, faga o que faga", asegurou o voceiro socialista, mentres que o portavoz de DO, Gonzalo Jácome, cualificou a Baltar de "psicópata de garavata" por "non ter empatía e ser capaz de facer calquera cousa con tal de conseguir os seus obxectivos".

"É como o réxime coreano: o amado líder manda e as ovellas sígueno, faga o que faga", asegura o voceiro do PSdeG 

Ao pouco de darse por rematado o pleno, José Manuel Baltar colgaba en Twitter un vídeo no que, ante o pazo de Vilamarín, presumía de "seguir traballando por Ourense" tras manter unha xuntanza co reitor e o vicerreitor da Universidade de Vigo. Antes, no ente provincial, toda a oposición insistía en que "non é un tema persoal" o que se ía tratar no debate, senón "a evidencia de como se goberna e leva gobernando moito tempo en Ourense, xogando coas necesidades das persoas", tal e como asegurou o voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez.

 

O portavoz nacionalista acusou a Baltar do "bochorno" pero aclarou que "tamén son culpables os deputados ausentes do PP, que deberían estar aquí, a Secretaría Xeral de Igualdade, que non interveu de oficio, ou Feijóo, que exculpou o presidente da Deputación". Para Rodríguez, o dirixente provincial demostrou coa súa ausencia no pleno que "pretende aferrarse ao cargo con unllas e dentes, confiando en que o proceso xudicial quede en nada". 

O BNG culpa tamén do "bochorno" a Feijóo por exculpar a Baltar e DO cualifica os deputados do PP de "auténticos covardes"

Gonzalo Jácome, pola súa banda, considerou que Baltar "queda retratado totalmente" porque "unha imaxe vale máis que mil palabras". Ademais, o voceiro de DO destacou a actitude dun partido "que defende a corrupción e agora pecha filas sobre quen cometeu algo gravísimo". "Son uns auténticos covardes", insistiu o deputado, que lembrou o episodio no que fora duramente criticado por aludir á prostitución nun debate coa candidata do BNG á alcaldía de Ourense na pasada campaña ás municipais. "Utilicei un exemplo extremo e fun duramente criticado, pero agora estamos ante un feito moito máis grave, contemplado como violencia de xénero", advertiu. 

O portavoz socialista, pola súa banda, considera "unha vergonza para Ourense e para a institución" a ausencia de Baltar e o texto difundido por todos os deputados do PP e insistiu en que o presidente "non pode estar nin un minuto máis no cargo". "Vai ter a maior das reprobacións públicas porque non nos imos esquecer do caso", advertiu Gómez, que insiste en que o PSdeG "non acepta que no ente provincial se sigan tendo estes comportamentos, que non son nada novo". 

"Ten os seus inimigos políticos máis preto da súa casa que na oposición", advertiulle Gómez a Baltar

Ademais, e tal e como advertira na entrevista con Praza, Gómez alertou a Baltar dos seus verdadeiros "inimigos políticos". "Tenos máis preto da súa casa, no seu propiio partido, que na oposición", engadiu, antes de que o portavoz do BNG se preguntase "como vai seguir un presidente reprobado dirixindo a institución e acudindo a actos sobre transparencia ou calquera outro". "A súa ausencia só aumenta a bóla da polémica; só agocha a cabeza debaixo da terra cando sabe que vai ter que dar explicacións", rematou. 

 

O BNG preguntará á Xunta polo presunto delito

Por outra banda, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, que malia que o Bloque "non poderá preguntar a Feijóo na quenda de preguntas polos recortes establecidos polo pacto PP-PSOE", a formación si preguntará ao Goberno pola denuncia dunha muller contra o José Manuel Baltar por un presunto delito de “acoso sexual” tipificado na Lei de Igualdade galega e tamén sobre as declaracións do propio Feijóo que afirmou  na que o presidente da Xunta exculpaba o comportamento do presidente da Deputación. 

“José Manuel Baltar solicitaba favores sexuais a cambio de promesas de colocación”, lembra Jorquera

O parlamentario lembrou que nas  gravacións “José Manuel Baltar solicitaba favores sexuais a cambio de promesas de colocación” con frases como: “claro que te voy a ayudar y esa promesas va a misa”, “en ese momento, cuando sea presidente yo me comprometo a hacer,” “si tú quieres algo no la cagues, joder”. Francisco Jorquera cualificou de “practicas de nepotismo” outras frases nas que Baltar comprometese a “tu nota tengo que cambiarla. Tú vas a sacar más”.

Ademais, o deputado cualificou de “gravísimos” os feitos ao igual que as declaracións de Feijóo cando asegura que “o que pedía a muller que acusa a Baltar é que dilinquise e Baltar non delinquiu”. Para o deputado, Feijóo converte a vítima e culpabel e está “amparando un acosador”. Jorquera lembrou que a Lei  para a Prevención e Tratamento contra a Violencia de Xénero inclúe condutas consistente na solicitude de favores de tipo sexual na que o suxeito mantén unha situación de superioridade laboral , docente ou análoga  e lembrou que este delito, no caso dun funcionario, "leva aparellada a pena de inhabilitación".

A oposición vota a reprobación de Baltar CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.