Iago Negueruela (Santiago, 1980) chegou en 2008 ás Illes Balears. Opositou ao corpo de inspectores de traballo da Seguridade Social e conseguiu praza nas Illas. Sete anos despois, este galego leva cinco meses como conseller de Treball, Comerç i Indústria do novo Govern. Con tan só 35 anos, e tras presentarase como independente nas listas do PSIB-PSOE, o seu partido ofreceulle o posto malia non saír elixido como deputado nas eleccións. Menos de medio ano despois, a súa figura saltou ás portadas por un novidoso e revolucionario Plan de Loita contra a Explotación Laboral que puxo de acordo a patronal e sindicatos, contou co apoio do Goberno central e acadou resultados sorprendentes.
Negueruela, inspector de traballo e conseller de Treball, leva sete anos vivindo nas Illes Balears
Malia pisar a política institucional de alto nivel por primeira vez, Negueruela non é novo na cousa pública. "Vivín sempre a política porque meu pai [Enrique Negueruela] sempre traballou nela e no sindicalismo", lembra este mozo que "desde os 16 anos" estivo vinculado ao movemento estudantil e despos á loita contra a LOU ou co Nunca Máis. "Sempre intentei cambiar as cousas que cría que se debían e podían cambiar", explica quen colaborou cos socialistas baleares xa na oposición, facendo propostas no plano laboral e económico.
Malia as coincidencias lóxicas de calquera sistema económico, o mercado laboral nas Balears "é moi diferente ao galego". "O feito insular e as comunicacións xa afectan, pero ademais aquí a actividade produtiva baséase no turismo, no sector servizos e na restauración, cun peso da industria moito menor", destaca. Ademais, tal e como destaca, a maioría dos contratos nas Illas "son dunha percariedade brutal", debida ao tipo de contratos que adoitan facerse na hostalería. "Hai moita máis temporalidade e figuras como as dos fixos discontinuos que case non existen en Galicia", insiste.
Lanzou un plan contra a explotación laboral que logrou que un de cada catro contratos revisados en fraude de lei fosen transformado en indefinidos
Precisamente, e atendendo a esta precariedade e temporalidade extrema e tendo en conta a súa experiencia no mundo da inspección, Iago Negueruela propuxera hai tempo un ambicioso plan contra a explotación que o Govern decidiu levar a cabo como unha das primeiras medidas nesta nova lexislatura. "Se tes un instumento como a inspección, cunha importante función para revisar contratos e loitar contra os contratos precarios ou fraudulentes, tes que utilizalo. Prometimos esta medida na campaña e fixémolo", aclara.
Así, o Plan de Loita contra a Explotacion Laboral activouse como plan de choque. Contou coa colaboración de 31 novos inspectores que, durante seis semanas, puxéronse mans á obra. Dos 8.008 contratos investigados pola Inspección de Traballo, case 2.000 (practicamente o 25%) estaban en fraude de lei e transformáronse en indefinidos. Ao tempo, dos case 20.000 novos contratos creados no terceiro trimestre de 2012, o 97% son a xornada completa, algo que, aclara, "ten que ver tamén co efecto disuasorio" da iniciativa. Ademais, e segundo aclara o Govern, máis de 4.000 traballadores viron como as condicións eran melloradas grazas tamén a esta medida.
Negueruela agarda que en Galicia "haxa un cambio político en marzo"
"Recibimos algunhas críticas polo nome, porque houbo quen consideraba que non se podía falar tan así de explotación, pero o que hai é que perseguir a aqueles que explotan porque a explotación existe", asegura Negueruela, que agradece a colaboración do Executivo central e que insiste en que, malia algunha mínima reticencia, as cousas foron ben "e non pasou absolutamente nada". "A presidenta do Govern asumiu o seu compromiso firme e levámolo adiante", engade quen advirte que o Plan é "extrapolable a calquera sitio, por suposto tamén a Galicia. "É cuestión de vontade política, nada máis".
Precisamente, Negueruela di "seguir moito" a actividade política galega e agarda que "en marzo se produza un cambio" ante unha Xunta que "mantén os recortes e se permite remodelacións a última hora no goberno". Con todo, aclara que o seu sitio está nas Illes Balears e, polo momento, na súa consellería. "Non penso no futuro, agora estou aquí e o meu compromiso é firme. Estou cómodo no meu traballo e encantado onde vivo", remata quen, en galego, relata a súa experiencia no Govern.