A UE recúa e retira a proposta que prohibía a pesca do xeito

A delegación galega, despregando a rede no pleno da Eurocámara © Delmi Álvarez

A comezos de decembro de 2014 unha representación do sector do xeito, a arte pesqueira tradicional que mantén 427 barcos e unhas 1.000 familias en Galicia, paseou unha das súas redes pola sede do Parlamento Europeo en Bruxelas coa intermediación da voceira do BNG nas institucións comunitarias, Ana Miranda. Patróns e mariñeiros amosáronlles a representantes da Eurocámara e, sobre todo, da Comisión Europea, como a súa ferramenta de traballo non pesca masivamente non é perigosa para os fondos mariños nin para especies como os golfiños e, polo tanto, non debía entrar na prohibición das redes de deriva na que traballaba o gabinete de Jean Claude Juncker. Case un ano despois daquela visita, as razóns do sector semellan impoñerse.

O comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella, vén de lle comunicar ao presidente da comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Alain Cadec, a retirada da súa proposta inicial e elaboración dunha nova, produto dunha maior "reflexión" na que se "teña debidamente en conta o valioso traballo que o Parlamento xa realizou". Esa nova regulamentación, indica Vella na misiva, debería estar preparada no vindeiro 2016 e tamén atinxirá ás redes de deriva pero, en todo caso, xa non terá a formulación da anterior.

O comisario de Pesca elaborará unha nova proposta e non segue adiante co texto que prohibía o xeito

A xuízo de Ana Miranda, esta comunicación do comisario amosa ás claras que a Comisión "cede por fin e retira a proposta de prohibición total das redes de deriva, que incluía o xeito, o racú e outas artes menores de río". "A presión exercida polo BNG e polo sector do xeito", di Miranda, "tivo os seus froitos e logrou conseguir o obxectivo de que os mariñeiros" das devanditas 427 embarcacións -inicialmente, o Goberno de España indicoulle á UE que eran só 25- poidan seguir pescando coma sempre". "Se non fose porque nos movemos, os gobernos galego e español non reaccionaban ao problema" malia á "posición reacia e inamovíbel que tiña a Comisión".

Ana Miranda: "O que non fixo o Goberno central nin a Xunta tivo que facelo o BNG cos mariñeiros"

"Dende o minuto cero -lembra Miranda- opuxémonos á pretensión de prohibir o xeito, porque sabiamos que ten escaso impacto sobre os bancos de sardiña" e porque ademais a súa retirada "tería un impacto socioeconómico moi grande na pesca artesanal galega e en moitas vilas" como Rianxo, Redondela ou Cambados. Ese impacto, resalta, tivo tamén especial peso na decisión da Comisión, que grazas ao contacto directo co sector agora ten "claro" que "non se trata dunha pesca expansiva, senón tradicional". "O que non fixo o Goberno central nin a Xunta tivo que facelo o BNG en coordenación cos mariñeiros", afirma.

Un ano de espera

A retirada da proposta da comisión permite que o sector do xeito "respire tranquilo" tras case un ano a agardar novas de Bruxelas. Como informou este diario dende a capital comunitaria, naquela visita o director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión, Hubert Gambs, admitiu que a proposta inicial de prohibición total se debía, en boa medida, a falta de "información" por parte da Xunta e do Goberno central, déficit e demora que dende San Caetano sempre foi negada.  "Cando se estaba preparando a proposta a Comisión Europea non recibiu ningunha información sobre o xeito", resumían as autoridades comunitarias mentres a Consellería do Mar afirmaba que achegara "explicacións detalladas".

A Comisión resaltou que "cando se estaba preparando a proposta" non "recibiu ningunha información sobre o xeito" dos gobernos galego e español

Neste contexto, o pasado xaneiro esta arte de pesca superaba o primeiro exame ao considerar a Comisión de Medio Ambiente as emendas que, formuladas por Miranda a través do eurodeputado de EH-Bildu, Josu Juaristi, reclamaban excluír o xeito da prohibición xeral. Ese alivio da presión sobre o sector é agora aínda maior coa retirada da proposta no seu conxunto, decisión que tamén foi aplaudida dende os grupos popular e socialista. Así, por exemplo, o eurodeputado galego do PSOE, José Blanco, coida que este anuncio ratifica o "freo a unha decisión lesiva e carente de sentido que puña en risco unha arte tradicional e sostible". Tal e como defendeu perante a Comisión de Pesca, lembra, "a prohibición sería unha irresponsabilidade e unha inxustiza".

 

Un mariñeiro amósalle ao eurodeputado italiano Affronte un vídeo do traballo do xeito CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.